Buscar neste blog

sábado, 20 de xaneiro de 2018

Remontada imperfecta do Armenteira C.F. alevín ante a E.F. Portero 2000 "B"

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - E.F. PORTERO 2000 "B"-  2 - 4
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Ainhoa, Ramón e Brais Charlín.
GOLES: 0-1. Minuto 3. Matías García. 0-2. Minuto 31. Diego Martínez. 1-2. Minuto 34. Brais Charlín. 2-2. Minuto 47. Brais Charlín. 2-3. Minuto 48. José Fernando Busto. 2-4. Minuto 50. Brais Sánchez
ÁRBITRO: Fernández Aboal. Non mostrou ningún cartóns nin a un nin a outro equipo.
INCIDENCIAS: Partido da décimo segunda xornada da Terceira alevín. Fútbol-8. Grupo 61, disputado no campo Municipal de Zacande ante uns corenta espectadores nunha mañá fresca e sobre un terreo de xogo nunhas condicións máis ca aceptables.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. non foi quen de puntuar no partido que o mediu na mañá deste sábado á E.F. Portero 2000 "B". Foi nun encontro equilibrado, no que os rapaces e rapazas que dirixiu Luis Barral foron de menos a máis, remontando a vantaxe inicial dos pontevedreses, pero no que a posibilidade de sumar polo menos un punto se escapou nuns últimos dous minutos tremendamente crueis para o conxunto verdinegro. Saiu a E.F. Porteiro 2000 "B" coa intención de exhibir un estilo que a caracteriza como unha das escolas de fútbol de máis renome na provincia. O xogo combinativo, con pase, control e movemento parecían prever que probablemente se levarían os tres puntos con comodidade. Para refrendar estas previsións Matías García culminaba unha xogada colectiva para poñer o cero un con só tres minutos disputados. Pero o Armenteira C.F. conseguiu refacerse, e, en base, á entrega, á loita e á súa superioridade nos balóns divididos comezou a achegarse cada vez con máis frecuencia aos dominios do meta André Ortego. Un disparo de Mateo, ao que respondeu cunha gran intervención o gardamallas visitante e os saques de curruncho foron as ocasión de maior claridade para os verdinegros neste primeiro período. Tras a reanudación a entrada de Brais Charlín, un futbolista de categoría alevín, e que sen dúbida é unhas das grandes perlas da canteira de O Leixo, revolucionou o encontro. Cunha enorme movilidade, visión de xogo e desmarque o atacante de Silván convertiuse no principal protagonista da reacción do equipo local. Nos seus pés estivo a posibilidade de recurtar distancias rematando por enriba do longueiro despois dunha magnífica asistencia de Brais Santamaría. Pero non erraría na seguinte ocasión da que dispuxo, e tampouco cando a tres minutos do final ao finalizar unha excelente combinación ao primeiro toque na que tamén interviron Brais Santamaría e Aldara. A desesperación do corpo técnico e da afección do equipo capitalino, que vían como os verdinegros ameazaban con remontar un resultado que, a tenor do observado nos intres iniciais, semellaba ía ser favorable, tornouse en alegría cando nos dous últimos minutos, dous contragolpes, que non puideron ser contrarrestrados por unha defensa verdigegra que pecou de falta de contundencia, remataron en sendos goles ante a resignación do técnico Luis Barral e dun grupo de xogadores e xogadoras que con toda xustiza crían merecer un mellor trato por parte da fortuna. Tras esta xornada a escadra verde e negra permanece na oitava posición, con catorce puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana realizará de novo ata a capital da provincia para medirse á A.D. Sagrado C.F. "C", que ocupa a sétima praza, con vinteún puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario