FICHA TÉCNICA
C.P ALERTANAVIA - ARMENTEIRA C.F. - 8 - 0ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Fátima, Alessandra, Naomi, Lara; Ana Martínez, Tamara, Sofía, Banesa, Paula e Laura. Tamén xogaron Yara e Belén.
ÁRBITRO: Adán Castiñeira. Mostrou cartón amarelo a Fátima por parte do Armenteira C.F.
INCENDENCIAS: Partido da décimo oitava xornada, da Segunda División Feminina, Grupo 3, disputado no campo Pahiño, de Navia, en Vigo, ante uns trinta espectadores, nunha tarde-noite fría e sobre un céspede artificial cun elevado nivel de desgaste.
CRÓNICA
O equipo feminino non puido superar o duro trance que se lle presentaba no primeiro partido do ano 2018. Ben é certo que a tenor da clasificación de ámbolos dous conxuntos o C.P. Alertanavia partía como claro favorito. O equipo vigués acabou derrotando por oito goles a cero ao Armenteira C.F. no encontro que se disputou na tarde deste domingo no campo Pahiño, no barrio vigués de Navia. O cadro que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial no que a principal novidade era o debut coa camisola verdinegra de Tamara. A futbolista vilagarciana, con fondas raíces familiares na parroquia de A Armenteira, de onde é orixinaria boa parte da súa familia, era unha das incorporacións máis ansiadas pola entidade verdinegra, que levaba anos perseguindo a súa fichaxe. Tras abandonar as filas da S.D. Puentearnelas Tamara decidiu dar o paso e convertirse na única e gran fichaxe do particular mercado de inverno no que participa o Armenteira C.F. En canto ao partido poucas referencias deixou o cadro verdinegro. Nada máis comezar Belén Campo xa adiantaba ás olívicas. Tratou de manter o tipo a escadra verdinegra. Un lanzamento en carreira de Paula, que saiu desviado, e outro de Sofía que non atopou portería foron as dúas únicas aproximacións das de O Leixo no primeiro período. Pero se por algo pasará á historia a cita deste domingo é pola actuación de Ángeles. Ata dous penalties logrou deter a gardamallas de San Amedio, pero que non foi quen de evitar o tanto de Banchigize Prieto no minuto 35, culiminando dentro da área cun forte disparo unha internada por banda, e o de Paula Briso ao fío do descanso. No segundo período as viguesas seguiron exercendo o dominio, cun Armenteira C.F. cada vez máis canso de presionar e correr tras un coiro que as locais movían cunha fluidez propia dun conxunto de superior categoría. Moi incisivo por banda, destacando as continuas acometidas da lateral dereita Banchigize Prieto, pero cunha relativa falta de acerto na finalización o C.P. Alertanavia acabaría anotando cinco tantos máis e levándose con comodidade o encontro. Houbo tempo en cambio para algunha outra parada de mérito de Ángeles e para que tiveran a oportunidade dende o banquillo Yara e Belén, que aportaron brega en loita en ataque, pero que non chegaron a inquedar a meta defendida por Lidia González. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na décimo quinta posición, con nove puntos, á espera de recibir o próximo domingo, probablemente no campo Municipal de Zacande, ao Arcadia E.F. líder destacado do grupo con corenta e catro puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario