FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - SISÁN VETERANOS - 7 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Óscar Barreiro, Óscar Muñiz, Marcos; Galiñanes, José Pérez, Javi, Martín; Manueliño e Jorge Castro. Tamén xogaron Carlos, Marcial, Moncho, Pellejo, Jorge Dávila, Manolo Quintáns e Joseíño.
GOLES: 1-0. Minuto 10. José Pérez. 2-0 Minuto 22. Jorge Castro. 3-0 Minuto 27. Jorge Castro. 3-1. Minuto 50. Javier Montenegro. 4-1 Minuto 52. Jorge Castro. 5-1 Minuto 55. Joseíño. 6-1 Minuto 75. Jorge Castro. 7-1. Minuto 86. Jorge Castro.
ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Rafael Novo e a Fernando Barral por parte do Sisán Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da decimo quinta xornada da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 2, disputado no campo Municipal de Zacande, ante aproximadamente uns vinte espectadores, nunha tarde fría e sobre un terreo de xogo de céspede artificial nunhas condicións máis ca aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos comezou o ano 2018 de forma arrolladora vencendo por sete goles a un ao Sisán Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacande. Os problemas de suministro de auga no campo de O Leixo obrigaron obrigaron a trasladar o escenario do encontro a un dos dous campos de herba artificial que reúnen as dimensións para a modalidade de fútbol-11 dos que dispón o concello de Meis. A colaboración das autoridades municipais e da Xunta Directiva do Zacande F.C. fixeron posible que tanto o Armefnteira Veteranos como o Armenteira C.F. puidesen seguir desenvolvendo os partidos e os adestramentos con normalidade ante as dificultades que supoñía a falta de abastecemento deste líquido tan esencial no campo de A Armenteira. No que se refire ao encontro, quizais sexa esaxerado falar de paseo para o Armenteira Veteranos, aínda que ben é certo que poucos lembran unha vitoria tan clara e contundente ante un rival de tal entidade. Xa dende o inicio o cadro que esta tarde exerceu de local tomou o dominio. Fronte a un Sisán Veteranos excesivamente confiado na saída do balón e con moitas imprecisións no pase o cadro verdinegro exhibiu unha demostración de intensidade na presión e de superioridade na disputa dos balóns divididos que acabou borrando do campo ao rival. Un disparo de José Pérez dende o borde da área, que desviou un defensor visitante adiantaría aos de A Armenteira. Pouco despois unha arrancada de Jorge Castro era culminada polo propio dianteiro de Vilar, co que principiaba un novo recital pola súa parte. De novo Jorge Castro poría o tres a cero antes de chegar ao descanso. A baixada de intensidade e o despiste ao que contribuiu a falta de iluminación que durante uns intres afectou ás instalación deportivas de Zacande deron algo de alento ao Sisán Veteranos que, nunha xogada a balón parado, aproveitaba a endebleza defensiva deste minutos para anotar por mediación Javier Montenegro o que sería o seu único tanto. Pero os de Ribadumia non puideron ter tempo para a reacción. Jorge Castro, en tres ocasións máis e Joseíño deixarían claro o poderío dun Armenteira Veteranos que deu unha impresión de equipo sólido, solvente, eficaz na recuperación e cunhas transicións defensa-ataque tremendamente veloces. Dentro da excelente actuación a nivel colectivo cabe destacar por enémisa ocasión o papel de Jorge Castro. Ata cinco goles acadou o dianteiro de Vilar, que se convertiu nun auténtico pesadelo para os defensores adversarios. A súa extraordinaria punta de velocidade, a forza no corpo a corpo e a a gran calidade na condución do balón volveron poñer en evidencia que se trata posiblemente do futbolista máis desequilibrante de todos os que compoñen os planteis do equipos deste grupo. Con 24 tantos no que vai de liga Jorge Castro é o abandeirado dun conxunto que tras esta xornada se mantén na undécima posición, con catorce puntos, e que próximo sábado iniciará a segunda volta recibindo ao Godos C.F. Veteranos, que ocupa a duodécima praza, con dez puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario