Buscar neste blog

martes, 16 de xaneiro de 2018

A devoción, a festa e a tradición congréganse en torno a San Antonio Abad o 17 e o 18 de xaneiro

A parroquia de A Armenteira volve vestirse de festa. Será este mércores 17 e o xoves 18 de xaneiro co motivo da celebración dunha das súas festas máis tradicionais e singulares, o San Antonio Abad. A capela situado ao pé da estrada que conduce ao famoso mosteiro cisterciense abrirá as súas portas, os dous únicos días que o fai ao ano, para recibir aos veciños e veciñas e aos devotos en xeral que ano tras ano non fallan á súa cita cun festexo de tanta raigame nun pobo que se resiste a perder as súas esencias rurais e que se aferra a unhas costumes que veñen practicando dende séculos. Conta a historia, en parte tinguida de lenda, que este santo, que viviu aló polas terras de Exipto aló polos séculos III e IV despois de Cristo, abandonou os seus bens para retirarse a unha ermida. Alí continuou a súa vida monacal recibindo a comunidades de monxes, que acudían na procura de consello e exemplo de piedade cristiá, chegando a vivir ata os 105 anos de idade. Xeralmente represéntase acompañado dun porquiño, do que se lle atribúe a súa curación. Dende a antigüidade os campesiños encomendábanse a San Antonio Abal, ao que popularmente tamén se denomina como San Antón, para que protexese aos seus animais fronte aos ataques dos depredadores e das enfermidades. Moito mudou a situación en A Armenteira e en xeral na contorna nas últimas décadas, e a economía de base agraria característica daqueles tempos deu paso a outra na que o campo e as actividades agrícolas e gandeiras teñen un papel minoritario. As vacas, elemento básico do sustento familiar no pasado, desapareceron da paisaxe da parroquia e na actualidade a súa presenza é case anecdótica, existindo algún exemplar nalgún domicilio que se rebela contra as imposicións do progreso ou ben aparecen formando parte da iniciativa emprendora dalgún gandeiro novo que trata de buscar novas posibilidades de explotación dos recursos rurais. Maior resistencia a estes cambios ofrecen cabalos, cabuxas, ovellas, porcos, galos ou galiñas, que por motivos de ocio ou porque o seu coidado se adapta mellor ao modo de vida das xentes dos tempos actuais, seguen mantendo un censo notable entre o gando parroquiano. Xunto a eles animais de compañía, as comunmente coñecidas como mascotas, como os cans, os gatos, diversas especies de animais exóticos compoñen unha poboación deste mundo animal que non nada que envexar en canto a número á que existía no pasado. Por este motivo, e empeñadas en conservar a tradición, as xentes da parroquia e dos arredores acudirán sobre o mediodía deste mércores e deste xoves á capela de San Antonio Abad para participar nos oficios relixiosos, na procesión e nas poxas dos produtos que as xentes entregan como ofrenda ao santo, e que soen consistir en animais vivos ou distintos produtos do campo. Con particular fervor se vive este festexo no pequeno lugar de San Amedio, ao que os modernos métodos de control administrativo borraron da sinalización para agregalo ao veciño lugar de Vilar, un fervor e unha devoción que non é moito menor en Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, todos eles situados ao norte da capela, nos que tradicionalmente se celebraba o San Antonio, fronte aos outros lugares da parroquia, nos que nos fogares este festexo non se realizaba, pero si se facía o luns de Pascua, o día grande da Romaría das Cabezas. Como tamén marca a tradición o primeiro día, o 17 de xaneiro, era o que se denominaba como o "día do cocido", mentres que o día seguinte era o "día dos callos", por ser estes os manxares típicos que reunían en torno a unha mesa a familiares e invitados en cada unha desas datas. Con todo, e a pesares de todas esas transformacións nos modos de vida e nas costumes da xente, o San Antonio Abad non perde o seu aroma e un ano máis volverá a congregar a fieis, devotos, veciños e veciñas e festeiros en xeral na que será a primeira cita no panorama festivo de A Armenteira en 2018.




Ningún comentario:

Publicar un comentario