Buscar neste blog

xoves, 25 de xaneiro de 2018

A segunda fase comeza tamén para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

O equipo benxamín do Armenteira C.F. comeza este sábado a segunda fase da Terceira autónomica benxamín, e fárao no campo de O Leixo ante a E.D. Poio "C". Segundo deparou o calendario que a Real Federación Galega deu a coñecer a pasada fin de semana os nenos e nenas que dirixen Jonathan Crespo e Juanma García quedarán encadrados no grupo 62A, no que ademais dos poienses figuran equipos como a A.D. Arousa F-7, a A.X. Saraiba do Mar "B", a E.F.B. Vilanova "B", o Atlético Arousana ou o Unión Dena C.F., todos eles conxuntos cos que compartiu grupo na primeira fase. Foi precisamente o criterio de clasificación nesta primeira parte da competición o que seguiu a institución que preside Rafael Louzán para distribuír os novos grupos, tratando de fomentar deste xeito a igualdade e o equilibrio entre os equipos. A traxectoria nesta primeira fase parece colgar o cartel de favoritos a Unión Dena C.F., A.D. Arousa F-7, E.F. Portero 2000 "B" e C.D. Soutomaior "B", aínda que os de A Armenteira queren seguir refrendando a enorme progresión demostrada dende o inicio da temporada e parten coa ambición de loitar por situarse nos postos altos da táboa. Para confirmar estas aspiracións, e, sobre todo, para seguir aprendendo e disfrutando dun deporte nunha categoría na que os resultados ocupan un lugar secundario, a próxima cita será este sábado 27 de xaneiro no campo de O Leixo a partires das 12:30 horas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario