Buscar neste blog

sábado, 20 de xaneiro de 2018

Axustada vitoria do Armenteira C.F. xuvenil tras un partido de infarto en Corón

FICHA TÉCNICA
S.D. CHISPA - ARMENTEIRA C.F. -  5-6
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Bufi, Valo; Dimitar, Jona, Mathias; Cris Cores, Hilias, Cristian Abal; e Alberto. Tamén xogaron Sergio García e Josiño.
GOLES: 1-0. Minuto 18. Andrés Leiro. 1-1. Minuto 25. Cristian Abal. 1-2. Minuto 29. Dimitar. 1-3. Minuto 32. Hilias. 2-3. Minuto 38. Ramiro González. 2-4. Minuto 51. Cristian Abal. 3-4. Minuto 67. Joaquín González. 3-5. Minuto 73. Alberto. 4-5. Minuto 75. Andrés Leiro. 5-5. Minuto 84. Joaquín González. 5-6. Minuto 89. Mathias
ÁRBITRO: Padierna Quintero. Mostrou cartóns amarelos a Bufi, Cristian Abal, Sergio García, Hilias e Gabriel por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9, disputado no campo Municipal de Monte Redondo, en Corón, ante uns cincuenta espectadores nunha tarde fresca, baixo unha chuvia fina e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. logrou unha importante e motivadora vitoria no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de Monte Redondo ante o conxunto local da S.D. Chispa. Pasaron xa tres meses dende o último triunfo a domicilio da escadra verdinegra. Fora naquela épica e contundente vitoria por un tanto a cinco ante o C. Juventud Cambados "B" no campo de O Pombal. Dende entón unha mala xeira de xogo e resultados condenadon ao conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" a unha traxectoria descendente que o levou das posicións privilexiadas á parte baixa da táboa. O triunfo ante o Moraña C.F. a finais do pasado decembro permitiu recuperar minimamente a moral, pero houbo que agardar a este sábado para volver disfrutar unha vitoria como visitante. Foi nun encontro emocionante, tolo, con moitas variacións no marcador e cun final de infarto, no que unha cabezada de Mathias outorgou os tres puntos aos de Armenteira. O resultado definitivo de cinco goles a seis, máis propio de deportes como o tenis, é o mellor resumo do que foi o partido. Curiosamente, e en contraste co ocorrido este sábado, na cita que medira a estes dous conxuntos na primeira volta, no que era o primeiro partido de liga, ningún dos dous equipos lograra anotar. Jonathan Crespo, momentaneamente á fronte da escadra xuvenil do Armenteira C.F. presentou un plantexamento claramente ofensivo. As numerosas baixas en defensa , unida á súa recoñecida mentalidade ofensiva, condicionaron a estratexia que deseñou o técnico de Valga. Esta arriscada aposta parecía ter éxito nos primeiros minutos. O Armenteira C.F. controlaba o xogo, que se desenvolvía fundamentalmente na parcela defendida polos de Corón e gozaba das mellores oportunidades. Pero nun dos primeiros ataques dos locais Andrés Leiro enviaba ao fondo das mallas o primeiro disparo á portería do seu equipo. Non desistiu o conxunto verdinegro e seguindo buscando a meta adversaria. Con intensidade na recuperación e buscando a entrada por banda de Cristian Abal e Cris Cores, axiña atoparon recompensa ao seu traballo. Sería precisamente Cristian Abal tras recibir un balón na área pequena o que poría a igualada. Dimitar, aproveitando unha asistencia en carreira superaba a Guillermo Núñéz para colocar o un a dous. O un a tres sería obra de Hilias, que xa antes dera aviso con excelente chut que fora sacada da escadra polo meta local. O mediapunta de orixe magrebí culminaba unha xogada colectiva cruzando o coiro ao fondo das mallas dende a zona esquerda da área. Un penalti cometido por Bufi permitía acurtar distancias á S.D. Chispa antes do descanso. No segundo período a emoción continuou sendo a nota dominante. Os tantos de Cristian Abal e Alberto, poñían no marcador un esperanzador tres a cinco, que o baixón físico e as excesivas confianzas defensivas malgastaron e alentaron a unha S.D. Chispa que, a falta de cinco minutos, era quen de lograr a igualada. Apoiados polos ánimos que viñan dende as bancaras e coa moral pletórica da remontada a piques estiveron de sentenciar, e, en varias ocasións, o balón paseouse por diante da meta de Roberto Torres, aínda que por fortuna para os verdinegros, a puntería non acompañou neste caso aos vilanoveses. Cando o encontro semellaba condenado ao empate, un libre indirecto magnificamente colgado por Gabriel, que o colexiado obrigou a repetir, amonestando incluso ao lateral de Cabanelas, acabaría cun perfecto testarazo de Mathias para dar un agónico e traballado triunfo ao Armenteira C.F. Con esta vitoria o cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" ascende ao décimo posto, con vinte puntos. A próxima cita para os verdinegros será case con total seguridade o domingo 28 de xaneiro, no campo de A Bouza, en Barrantes, ante o Unión Dena C.F., décimo cuarto clasificado, con tres puntos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario