FICHA TÉCNICA
E.D. AROUSA S.D. - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, Diego Berreco, André, Bufi; Jona Cris Cores; Roberto Trigo, Mathias, Dimitar; e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 11. Enrique Martínez. 1-1. Minuto 24. Alberto Fernández. 2-1. Minuto 36. Enrique Martínez. 3-1. Minuto 75. Enrique Martínez. 4-1. Minuto 77. Michael Ramírez. 5-1. Minuto 78. Francisco Ramos. 6-1. Minuto 79. Enrique Martínez. 7-1. Minuto 83. Michael Ramírez
ÁRBITRO: Fariña Biasi. Mostrou cartón amarelo a Cris Cores por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sétima xornada da Segunda autonómica xuvenil, grupo 9, disputado no campo de A Pelada, en Faxilde, en Vilagarcía de Arousa, ante uns trinta espectadores, nunha soleada e bastante calorosa e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. sufriu unha dura derrota por sete goles a un ante a E.D. Arousa S.D. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Pelada. Foi nun encontro no que o cadro que dende fai dúas semanas dirixe Martín Casais se presentaba moi mermado, cunha convocatoria que ao final se viu reducida a trece efectivos, e nalgúns dos casos con serios problemas físicos, que os obrigaron a retirarse do terreo de xogo. Como era de agardar foi a escadra local a que tomou a iniciativa dende o primeiro minuto. Iniciando o xogo dende a zona de centrais o conxunto local buscaba continuamente a rapidez dos seus extremos mediante envíos en diagonal. Resulta chamativo esta aposta polas transicións rápidas por banda, en lugar de construír e combinar dende a liña de mediocentros, tendo en conta que se trata dunha das escolas de formación de futbolistas máis renomeadas da comarca. O fútbol de toque que defende o seu coordinador deportivo, o controvertido Luis Treviño, pareceu dar paso a unha aposta pola efectividade que proporciona a capacidade de desborde por banda dos veloces xogadores que ocupaban os extremos. Agazapado baixo o seu esquema de 4-2-3-1 e afanado en conservar a orde defensiva o Armenteira C.F. sufría sobre todo a causa dano que producían as incursións dos vilagarciáns polo costado dereito. E foi de aí de onde xurdiu o primeiro gol, ao culminar Enrique Martínez na área pequena unha magnífica asistencia dende a banda dereita. Pero unha carreira de Alberto pola zona dereita do ataque verdinegro era finalizada polo propio dianteiro de Vilariño para poñer a igualada. Seguiu atacando a E.D. Arousa S.D., ante o cal os visitantes respondían con orde e certa contundencia defensiva, coa enorme seguridade que ofrece Diego Berreco e coas acertadas intervención de Marin. Esta insistencia tería a súa recompensa e Enrique Martínez lograría o dous a un antes de ires ao descanso. Foi resistindo o Armenteira C.F. ata que o cansanzo e o esgotamento producido pola intensa calor da mañá deste domingo comezaron a facer mella, feito que non dubidou en ser aproveitado pola conxunto local, necesitado de mellorar as cifras de súa golaveraxe para aumentar as súas opcións na dura pugna que mantén con E.F.B. Vilanova e Vilalonga F.C. por acadar o ascenso de categoría. Ata tres tantos máis conseguiría o equipo vilagarcián, que rapidamente recollía o coiro cada vez que chegaba ao fondo das mallas de Marin ao tempo que consultaban ao banquillo respecto dos goles que restaban para conquerir o obxectivo. Mentres a E.D. Arousa S.D. se mantiña insaciable por acadar unha contundente vitoria os futbolistas do Armenteira C.F. tiñan que conformarse con manterse en pé. Fatigados pola longa temporada e pola acumulación de partidos durante a fin de semana, pois máis da metade do equipo viña de disputar o sábado un partido co Umia C.F. no campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, Jona, Alberto ou Mathias, que xa arrastraban molestias, foron incapaces de rematar o encontro, e os que resistiron tiveron que facelo ao límite das súas forzas. Este resultado deixa á E.D. Arousa S.D. na segunda posición, provisionalmente en postos de ascenso, e ao Armenteira C.F. na décima posición, con vinteoito puntos. Quedan dúas xornadas para que a liga chegue á súa fin. Para a escadra verde e negra a próxima fin de semana deparará un duelo directo ante o Barro C.F. que só con conta con dous puntos máis que os de A Armenteira, e que de superalo poderían escalar un chanzo na clasificación ata situarse na novena praza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario