Buscar neste blog

sábado, 21 de abril de 2018

Reparto de puntos entre Domaio F.C. e Armenteira C.F. infantil en A Granxa

FICHA TÉCNICA
DOMAIO F.C. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Fran, Xoán, Adri, Javi Abal; Carlos, Hugo, Íñigo; Manu Meixús, Migui e Mosteiro. Tamén xogou Anabel.
GOLES: 0-1. Minuto 5. Migui. 1-1. Minuto 15. Yerai Vázquez. 2-1. Minuto 39. Manuel Corrales. 2-2 . Minuto 66. Migui.
ÁRBITRO: Cubela Fernández. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da duodécima xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de A Granxa, en Domaio, ante uns corenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. acadou un empate a dous goles nun intenso e emocionante partido disputado na mañá deste sábado no campo de A Granxa. Foi un empate que por un lado pode considerarse xusto, pero polo outro rematou sabendo a pouco ao cadro verdinegro, sobre tendo en conta como se desenvolveron os últimos minutos. O inicio foi fulgurante, con ritmo frenético, un partido de ida e volta na que os atacantes de ámbolos dous conxuntos se presentaban ante a meta rival sen tempo a tomar aire. Nunha desas aproximacións adiantaríase o Armenteira C.F. Unha combinación entre Mosteiro e Migui era finalizada por este dentro da área pequena. Co paso dos minutos o ritmo do xogo foi descendendo e o Domaio F.C. foi facéndose co control. Só a escasa puntería dos locais e as afortunadas intervencións de Sergio baixo paus impediu que puidesen deixar sentenciado o partido na primeira metade. Tras o descanso a situación cambiou. O equipo que adestra Luis Barral foi pouco a pouco impoñendo a súa superioridade baseada na maior calidade de algún dos seus xogadores e na súa superioridade física. A dirección de Carlos na zona de creación e as continuas entradas polo costado esquerdo de Migui foron as principais armas verdinegras. Abusando do fútbol directo e dos balóns elevados o partido pasou a xogarse como o Armenteira C.F. quixo. As dificultades de Íñigo para disputar os balóns, a causa da forte dor nunha man, e a falta de rodaxe de Mosteiro, que regresa dunha longa lesión, restaron posibilidades aos visitantes para poder traerse os tres puntos das terras de O Morrazo. As claras ocasións que tiveron Carlos, Hugo e sobre Migui, que tras unha gran xogada individual envioua o longueiro unha vaselina no último suspiro do encontro, deixaron con mal sabor de boca a unha afección que se desprazou ata a parroquia moañesa coa ilusión de que os rapaces do clube verde e negro retomasen a senda da vitoria tras a decepcionante derrota da pasada semana ante o C. Xuventú Sanxenxo no campo de O Leixo. Con este resultado a escadra que dirixe Luis Barral sitúase na novena praza, con trece puntos, a espera de recibir a próxima fin de semana ao C. Juventud Cambados "B", cuarto clasificado, con vintetrés puntos, na que será a última xornada desta segunda fase da liga.


Ningún comentario:

Publicar un comentario