Buscar neste blog

martes, 10 de abril de 2018

O Armenteira C.F. reforza a súa aposta polo equipo xuvenil de cara á fin de temporada

A marcha de Valentín Estévez "Tilín", que o martes da semana pasada presentou a súa dimisión como adestrador do equipo xuvenil do Armenteira C.F.. non impedirá que o proxecto de colaboración que Umia C.F. e Armenteira C.F. decidiron establecer a inicios de temporada poida seguir o seu rumbo. A Xunta Directiva do clube de O Leixo aproveitou estas circunstancias para reafirmarse na súa aposta por un plan no que ten postas moitas esperanzas, xa que significa o penúltimo paso dun trazado iniciado na categoría benxamín cun grupo de nenos e nenas comandados por Martín Casais, actual presidente do clube, e que agarda culminar coa creación dun equipo categoría sénior nun horizonte non moi lonxano. Os esforzos céntranse agora en finalizar da mellor maneira posible unha temporada á que lle restan só catro partidos de liga, aos que se lle unirán os da Copa Deputación de Pontevedra, competición que ten un especial significado para a entidade e na que ven de inscribir a todos os seus equipos. Xente da casa farase cargo dende este mércores do equipo e tratará de darlle un impulso que sirva para continuar a próxima temporada cun proxecto e cunha xeración de futbolistas que na maior parte dos casos naceron para o fútbol coa camisola verdinegra e con ela han protagonizar o retorno deste modesto e emblemático clube aos campos da Terceira Autonómica. A próxima cita, a primeira desta renovada etapa, será o próximo domingo a partires das 12.00 horas no campo de O Leixo fronte á A.D. Arousa F-7.




Ningún comentario:

Publicar un comentario