Buscar neste blog

martes, 3 de abril de 2018

O Armenteira C.F. terá un papel protagonista este xoves no Land Rober Tunai Show

O Land Rober Tunai Show, o popular e exitoso programa da Televisión de Galicia que presenta o carismático Roberto Vilar, e que conta tamén con cómicos da talla de Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias acollerá este xoves 5 de abril unha expedición do Armenteira C.F. Máis de medio centenar de persoas desprazaranse ata Montouto, no concello de Teo, onde se atopa o Plató 1000, lugar de gravación, nun autobús fletado pola organización do programa e que sairá das inmediacións do colexio de A Armenteira ás 17:30 horas e fará parada diante do campo de fútbol de A Bouza, en Barrantes, onde se unirá o resto da expedición. Son moitas as sorpresas que está preparando o equipo de guionistas e nalgunha delas terán un especial protagonismo os representantes do clube de O Leixo. As historias, as anécdotas, as fotos e o sentido do humor da xente do Armenteira C.F. chegarán aos fogares de toda Galicia e do resto do mundo este xoves a partires das 22:30 en rigoroso directo, os domingos na repetición que se emite a partires das 19:05 horas e en calquera momento a través de internet nun dos programas que conta con maior respaldo da audiencia dentro do panorama televisivo actual e no que o clube figura na listaxe de espera dende fai dous anos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario