A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer este venres o cadro da edición de 2018 da Copa Deputación de Pontevedra nas categorías de fútbol base, agás no caso da categoría prebenxamín. O Armenteira C.F. participará este ano con todos os seus equipos, dende a categoría benxamín ata a xuvenil. A xulgar polo resultado do sorteo a sorte foi dispar. Os menos afortunados foron a priori o equipo xuvenil e o benxamín. O cadro xuvenil incorporarase ao torneo na segunda rolda, a disputar sobre o 16 de maio, e o seu rival será o vencedor da eliminatoria entre a S.D. Puentearnelas e o Vilalonga F.C. dous conxuntos cos que compite no grupo 9 da Segunda autonómica xuvenil e que destacan polo seu potencial. De feito, os verdinegros saíron derrotados nos enfrontamentos que os mediron na presente temporada tanto aos de Vilanova de Arousa como aos de Sanxenxo. Máis fortuna pareceu ter o equipo infantil, que tamén comezará a competición na segunda rolda, que se disputará igualmente sobre o 16 de maio, e que terá como adversario ao vencedor da eliminatoria entre o C.D. Soutomaior e o Barro C.F., dous conxuntos encadrados no grupo 63 da Segunda autonómica infantil, un grupo formado polos equipos que acadaron menor puntuación na primeira fase da liga. Cabe lembrar que a escadra infantil do Armenteira C.F. figura no grupo 62, configurado por equipos que acadaron un nivel de puntuación medio nesta fase da liga. Incerto preséntase o panorama para o equipo alevín. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral iniciará o torneo na primeira rolda, a disputar aproximadamente sobre o 19 de maio, pero aínda descoñece o seu rival. Este aparece denominado no cadro como Reserva 2, calificativo que usa a Federación para referirse a aqueles clubes que por erro, descoito ou calquera outro motivo non se inscribiron na Copa dentro do prazo estipulado. De non contar finalmente con rival ou de superar esta rolda o cadro alevín do Armenteira C.F. enfrontaríase na seguinte ao Atlético Arousana, ao que xa venceu con comodidade nas dúas ocasións nas que se mediron esta temporada. Finalmente, o equipo benxamín terá un duro contricante na primeira rolda, que previsiblemente se celebrará sobre o 28 de abril. Será o C. Juventud Cambados "B", ao que xa se enfrontou o cadro que adestra Jonathan Crespo na primeira fase da liga, sendo daquela claramente derrotado polos cambadeses no campo de O Pombal. En principio todos os equipos do Armenteira C.F. iniciarán a Copa Deputación como locais, un feito que pode representar unha vantaxe, tanto a nivel deportivo, xa que a adaptación ao terreo de xogo de O Leixo sempre resulta difícil para os conxuntos que o visitan, como a nivel económico, xa que permitirá aumentar os ingresos das arcas do clube coa recadación da cantina durante estes encontros. A Copa Deputación de Pontevedra ten especial significación para o clube de O Leixo, posto que foi nesta competición na que viviu algún dos seus episodios máis gloriosos, como ocurriu aló pola temporada 1998/1999, cando aquel equipo cadete que adestraba e presidía Julio Serén acadou o subcampionato tras medirse nunha épica final ao C.D. Moaña. Entre os compoñentes daquel plantel de futbolistas figuraba Martín Casais, actual presidente da entidade, que como capitán recolleu un trofeo que se garda con celo nas vitrinas do clube como lembranza dun dos maiores éxitos logrados por unha xeración de rapaces que escribiu algunha das páxinas máis brillantes da historia do Armenteira C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario