O Leixo é na actualidade un dos poucos campos de terra que quedan na provincia e, xunto co de A Xunqueira, en Ponte Sampaio, quizais un dos dous que maior intensidade de uso rexistra fin de semana tras fin de semana. O equipos de categoría benxamín, alevín, infantil, sénior feminina, e, esporadicamente, o de categoría xuvenil do Armenteira C.F., así como o Armenteira Veteranos son os usuarios habituais dunhas instalacións deportivas nas que sempre se respira ambiente de fútbol. É un fútbol moderno, con megafonía, con merchandising, pero con aroma a fútbol de antes, daquel que se rexía polo atrevemento e as valentía que impoñían os míticos balóns Mikasa, tan duros como incombustibles, unha proba na que tantos e tantos aspirantes a futbolistas se quedaron no camiño. Con noltalxia moitos lembrarán como os prolegómenos dos partidos eran marcados polo ritmo que de forma monótoma e repetitiva emitía a máquina do cal. Liñas máis rectas, menos rectas, con ángulos, con curvas, con bifurcacións, establecían os límites do territorio no que o balón podía circular sen máis restriccións que as que recollía o regulamento. Todo iso, en certa medida segue ocorrendo no campo de O Leixo. Mentres as distintas administracións públicas cubriron de céspede artificial a práctica totalidade dos terreos de xogo da provincia, o campo de A Armenteira figura como unha nostálxica testemuña do pasado. Con resignación contemplan os xogadores e xogadoras, os membros do corpo técnico, a Xunta Directiva e a afección do Armenteira C.F. como esta modernización os ignora ao tempo que vai invadindo os campos da contorna. A dotación de céspede artificial no campo Mari Paz Vilas de Bamio ou no de A Pelada, en Faxilde ou a ampliación e renovación do campo da Área Recreativa de A Toxa, en Meaño son mostras máis ca evidentes do trato desigual que estas institucións dan a uns e a outros clubes. O desencanto foi en aumento cando fai uns días se soubo que o campo de O Cruceiro, en Dorrón, contará proximamente cunha superficie de céspede artificial. Na veciña parroquia do concello de Sanxenxo vén de desaparecer esta temporada un clube con case corenta anos de historia. O motivo que moitos mencionan non é outro que a negativa de moitos xogadores a seguir xogando en terra. Unicamente sobrevive alí un equipo de veteranos. En cambio, en A Armenteira o fútbol non só resistiu, senón que medrou ano tras ano. Case cen licenzas federativas ten o Armenteira C.F. e máis de vinte o Armenteira Veteranos. Durante sábados e domingos o balón non deixa de rodar. O mesmo ocorre no transcurso da semana cos adestramentos dos distintos equipos. Resulta incomprensible que cando algúen, que cando unha entidade promociona de forma totalmente altruísta o deporte e os hábitos de vida saudables entre a poboación máis nova e, á vista dos resultados, o vén facendo con relativo éxito, a resposta das administracións sexa o abandono e o esquecemento. O caso máis notorio será esta fin de semana. Ata catro partidos albergará O Leixo este sábado 14 de abril. O equipo infantil, o equipo alevín, o equipo benxamín e o Armenteira Veteranos saltarán á escea. Para a xornada do domingo será o turno do equipo xuvenil. Cinco partidos nun escenario que vivirá unha intensa xornada de fútbol entre a lama, os surcos e os cachotes de pedra dun terreo de xogo esquecido e que presentará como único aspecto renovado as portas e as ventás que esta semana foron instaladas na área de ampliación dos vestiarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario