Buscar neste blog

luns, 31 de decembro de 2018

Un ano agridoce para o deporte en A Armenteira

O ano 2018 foi un ano agridoce, con luces e sombras, para o deporte en A Armenteira. O clube ciclista Armenteira e Punto, de novo con José Ramón Villanueva "Monso" á cabezacontinuou emprendendo iniciativas que destacaron pola súa orixinalidade. As expedicións a lugares emblemáticos da contorna como a cima do monte Castrove ou outros cumios destacados volveron centrar as actividades dun clube de ciclismo e montañismo que viviu unha reestruturación este verán que ten unha das súas principais apostas na escola de formación a través da que promove este deporte entre as novas xeracións. Especial protagonismo mediático recibiron os diversos actos organizados polo club de golf Chan do Fento. Torneos, exhibicións e campionatos, moitos deles cun claro matiz solidario, desenvolvéronse nunhas instalacións que exclusivas e son as máis destacadas neste deporte na comarca de Arousa-Salnés. Tamén foi un ano difícil para o Tecor de Armenteira. A escaseza de pezas dalgunhas especies, especialmente coellos, afectados polas epidemias e as modificacións no ecosistema forestal a causa do progresivo abandono do campo, marcaron un ano para a sociedade que preside Juan Millán. As asociacións ecuestres tiveron neste ano unha actividade intensa. Rutas cabalares por diversos lugares da contorna ou a participación na Rapa das Bestas de A Escusa foron algunhas das actividades máis destacadas que ocuparon aos amantes do mundo do cabalo en A Armenteira. No referente ao fútbol o Armenteira Veteranos tivo que afrontar un ano de retos e numerosas adversidades. A redución do plantel de xogadores e a ausencia dalgúns dos seus futbolistas máis determinantes, como é o caso do seu gran goleador Jorge Castro, lastraron ao clube que preside José Luis Galiñanes. A temporada 2018/2019 estase presentando particularmente compricada, sobre todo tras coñecerse o alcance da lesión de Óscar Portas, pero o equipo confía en ir recuperando efectivos e afrontar a recta final da campaña nunhas condicións máis favorables. Para o Armenteira C.F. foi un ano de contrastes. Na temporada 2018/2019 logrou acadar o cénit, o cumio no que a número de equipos e licenzas federativas se refire, feito que se viu refrendado co subcampionato nas categorías alevín e xuvenil na Copa Deputación Provincial de Pontevedra. Pero a controvertida marcha do adestrador Luis Barral cara o Umia C.F. e actuación dun grupo de persoas que, movidas por caprichos e intereses particulares, levaron o clube ao borde da disolución, deixou ao Armenteira C.F. reducido á mínima expresión. O equipo infantil, rematado de configurar grazas a un acordo de colaboración a nivel municipal co C.D. Mosteiro, e dirixido na temporada 2018/2019 por Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, converteuse no único equipo de formación e na bandeira do fútbol base da entidade verdinegra. Na categoría sénior, o equipo feminino pasou de competir na modalidade de fútbol-11 a facelo na de fútbol-7 na temporada en curso, unha nova experiencia para o clube e para o grupo de rapazas que seguen adestrando Marcial Prado e Júnior Tirado. Na organización de eventos, sobre todo de carácter deportivo, o selo do Armenteira C.F. segueu sendo indiscutible e dando que falar. Os medios de comunicación fixéronse eco da celebración da II Copa Armenteira, o torneo de fútbol feminino, do que nesta edición resultou gañadora a S.D. Puentearnelas, e do partido polo respecto, a irmandade e a tolerancia que uniu aos conxuntos de categoría infantil do Barro C.F. e do Armenteira C.F. no campo Municipal de Meis no pasado mes de setembro. Gran atención mediática recibiu o xesto de Valentín Estévez "Tilín" adestrador do equipo xuvenil da entidade verdinegra, que ordenou aos seus xogadores que se anotasen un gol en propia meta no partido fronte ao San Martín C.F.  no campo de A Bouza, en Barrantes. Esta decisión supuxo unha renuncia ao triunfo no encontro, que remataría con empate a dous tantos. pero supuxo un exemplo de enorme deportividade que fixo que Tilín fose reclamado por xornais e emisoras tanto a nivel comarcal como a nivel galego. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario