Buscar neste blog

mércores, 20 de marzo de 2019

A asociación veciñal convoca á veciñanza para a asemblea do próximo sábado

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira celebra este sábado, 23 de febreiro, a Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao ano 2019. Constituída no ano 2016, a entidade veciñal máis representativa da parroquia tivo que agardar ata o ano seguinte para comezar oficialmente a súa andaina, tras dar por finalizados os trámites burocráticos e administrativos. Dende entón convertiuse nun referente no tecido asociativo non só a nivel parroquial, senón tamén a nivel municipal e comarcal. A súa labor social, cultural, formativa e de promoción económica, así como o seu papel como interlocutora entre a veciñanza e as administracións públicas fan imprescindible a existencia dunha sociedade que se mantén firme grazas á persistencia da Xunta Directiva e duns veciños e veciñas que ano tras ano renovan o seu compromiso con este proxecto. Por estes motivos a asemblea deste sábado cobra aínda máis importancia. Na orde do día figuran entre outros puntos a aprobación das contas e o balance das actividades realizadas durante o exercicio de 2018, a aprobación das cotas de asociación para o presente exercicio ou o rexisto e renovación dos carnets das persoas que o desexen. Especial relevancia terá a presentación dos proxectos e actividades que a entidade vai desenvolver durante o ano 2019, pero un dos puntos máis candentes do acto será previsiblemente a análise da problemática relacionada coa presenza de cabalos salvaxes nas leiras de cultivo e na vía pública. De feito, foron varios os medios de comunicación, de carácter local ou estatal, os que, nada máis ter coñecemento da convocatoria da asemblea, se dirixiron aos representantes da asociación para informarse respecto dun feito que levanta tanta alarma entre as xentes de A Armenteira. Ao acto tamén están convidados os dirixentes das distintas agrupacións políticas que existen no Concello de Meis, que sen dúbida tomarán nota das queixas, das demandas, das propostas e das suxestións que este 23 de abril se fagan públicas no local da Casa de Cultura de A Armenteira e que tratarán de recoller para incluír nos programas electorais de cara ás comicios municipais que terán lugar o próximo mes de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario