Buscar neste blog

mércores, 6 de marzo de 2019

Unha horta con moito futuro

Dende fai séculos a agricultura convertiuse nunha actividade básica na vida e na economía dos seres humanos. Por moito que a ciencia avanzase e por moito que a tecnoloxía se apropiase de practicamente todas as actividades que realizamos, seguimos precisando do campo e de todo o que produce para sobrevivir. Na época industrial e capitalista as técnicas agrarias foron transformándose para adaptarse ás necesidades do mercado. Os modernos métodos de cultivo, os fertilizantes químicos artificiais e unha explotación intensiva do solo, que van irremediablemente unidos ao progreso, conlevan unha serie de efectos colaterais, en forma de residuos e contaminación, que se incorporan á cadea trófica e que poñen en risco a propia sáude humana. Contra isto, nos últimos tempos están xurdindo iniciativas que apostan por un agro sostible e máis respectuoso co medio ambiente, unha reacción que ten, sen lugar a dúbidas, entre os seus mellores exemplos ás hortas ecolóxicas. Son espazos nos que se cultivan prantas hortícolas, pequenos frutais ou especies aromáticas sen utilizar produtos químicos e sempre baixo os principios que rexen a agricultura ecolóxica. Desterrados os pesticidas e os abonos artificiais esta modalidade aposta por técnicas como a asociación e a rotación de cultivos, o uso do compost e outros fertilizantes de orixe natural ou a loita integrada para a eliminación de pragas. Unha característica básica destes espazos é a biodiversidade. É moi importante que haxa distintos tipos de plantas, para que desta maneira haxa máis polizadores, abellas por exemplo, e o solo conserve a salubridade e a riqueza grazas ás rotacións e ás asociacións e aproveite as vantaxes que lle aporta cada cada especie. Tamén é frecuente que na horta se liberen insectos beneficiosos ou incluso sapos, que ademais de non supoñer ningún risco medioambiental son tremendamente eficaces na loita contra as pragas. Outros métodos típicos nesta modalidade agraria son a reciclaxe, que vai dende os recipientes ata os restos vexetais cos que se elabora o compost, a utilización de sementes que non foron manipuladas xeneticamente e o aforro de auga, ben reutilizándoa, ben recurrindo ao rego por goteo ou ben regando ás horas máis axeitadas para non malgastar este recurso tan necesario.

No seu afán por defender e difundir o coidado do medio ambiente ao tempo que se aproveitan os recursos propios e naturais a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira pon en marcha o seu proxecto de horta ecolóxica comunitaria. Nunha parcela que reúne as condicións idóneas, cun solo fértil, con bos accesos, soleada e cun manancial de auga próximo a sociedade veciñal impulsará esta primavera unha actividade á que convida a participar a aquelas persoas da parroquia e arredores concienciadas coa ecoloxía e coa nutrición sá e de calidade. Lembran que é unha forma excelente de disfrutar da natureza, ademais de facer exercicio físico de forma moderada mentres se adquiren uns coñecementos de gran validez e utilidade e se favorece a socialización a través da comunicación, do compañeirismo e do traballo en equipo. Os tempos mudaron e as actividades agrarias arcaicas e escasamente rendibles que constituían a base das economías familiares no pasado foron desaparecendo da paisaxe de A Armenteira, pero eses recursos, tan abundantes e tan insuficientemente explotados, atopan agora a súa oportunidade coa agricultura ecolóxica, unha opción para o presente e, industiblemente, a máis viable e lóxica para o futuro. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario