Buscar neste blog

domingo, 17 de marzo de 2019

Resultados desiguais para os equipos de fútbol de A Armenteira nesta fin de semana

A xornada desta fin de semana deparou uns resultados e unha fortuna desigual para os equipos de fútbol de A Armenteira. Foi unha xornada intensa de fútbol no campo de O Leixo e concentrada no sábado, no que, especialmente durante a tarde, se viviu un excepcional ambiente, grazas á numerosa afluencia de público e aos berros de ánimos se escoitaban dende a bancada. Houbo resultados mellores, regulares e peores, aínda que a sensación foi pouco agradable, agás no caso do equipo infantil, que continúa coa súa xeira vitoriosa, nada máis e nada menos que nove nove triunfos consecutivos son os que acumula o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez.

A fin de semana comezou co partido que disputou o equipo sénior feminino fronte ao San Roque Casablanca. O cadro que dirixe Marcial Prado levaba unha victoria e unha derrota nesta segunda fase da Liga Feminina de fútbol-7 e recibía e afrontaba un duro reto: a visita do líder do grupo. O encontro foi equilibrado con maior posesión das viguesas aínda que con ocasións claras repartidas por ambas as dúas partes. Na recta final do partido as visitantes incrementaron o ritmo do xogo, guiadas pola calidade e a capacidade de desborde de Elisa Martín-Casal e, cando só restaban catro minutos, unha internada pola banda esquerda, que saiu a cortar Anabel, rematou co balón no sobre a liña de gol para que Sara Fernández o empurrase ao fondo da rede. A derrota por cero a un coa que se pechou o encontro deixa ás mozas verdinegras na sexta posición, con tres puntos, á espera da cita da próxima fin de semana nas instalacións deportivas de O Lourambal ante o conxunto do Porriño F.C., que ocupa a cuarta praza cun punto máis cás de A Armenteira.

Xa á tarde correspondíalle o turno ao equipo infantil, que recibía ao C. Juventud Cambados"B". Os rapaces e rapazas que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez partían coa idea de lograr un novo triunfo para manterse nunha pugna polo liderado na que dende fai semanas vén competindo co Barro C.F., coa vantaxe para este último de ter disputou unha xornada de liga máis. Non tardou en adiantarse o equipo verdinegro. Íñigo, rompendo a defensa cambadesa, en dúas accións similares, poñía en franca vantaxe ao conxunto local. Co marcador a favor Jorge Gómez puido ir dosificando o seu plantel e facendo probaturas para rodar un equipo ao que lle agarda un final de temporada tremendamente esixente. Na segunda metade o Armenteira C.F. refrendou a súa superioridade, como soe ocurrir na maior parte dos encontros, e tres goles de Manu Meixús e un de Júnior, con asistencia do propio Manu Meixús solventaron o cómodo triunfo da formación verdinegra. Esta vitoria, que ao final foi de seis tantos a cero, mantén ao equipo infantil de O Leixo na segunda posición, con dezaoioto puntos, unicamente a un do Barro C.F. A próxima fin de semana terá que visitar o campo de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, onde os agarda a S.C.D. Ponte Caldelas "B", un equipo que aínda non conseguiu puntuar no que levamos da segunda fase da liga.

Pechouse a xornada co partido entre o Armenteira Veteranos e o Godos C.F. Veteranos. Era unha cita aparentemente propicia para que os locais acadasen un triunfo, algo que esta temporada se lle está resistindo ao cadro que capitanea José Luis Galiñanes. Nun encontro sen excesivo ritmo e no que escasearon as ocasións claras de gol serían os de Caldas de Reis os que tomarían vantaxe. Ramón Ares poría por diante aos visitantes xa no primeiro período. Non sería ata a segunda metade cando reaccionaron os de A Armenteira e primeiro Manueliño, índose en velocidade e batendo ao gardamallas José Carballo e logo Javi, no tempo engadido, ao enviar ao fondo da rede un potente testarazo, daban á volta ao marcador. Apresurábase a afección local a celebrar o triunfo, pero a decisión do colexiado Lorenzo De la Torre de alongo o desconto permitiu que o Godos C.F. Veteranos, tras unha internada pola súa zona de ataque esquerda, colocase o coiro no centro da área para que Diego Pérez puxese a igualada coa que finalizaron os noventa minutos de xogo. Con este reparto de puntos o Armenteira Veteranos continúa na décimo quinta posición, con catorce puntos, á espera de rendir visita, o próximo sábado ao campo de A Reiboa, no concello veciño de Poio, onde se medirá ao Raxó C.F., sexto clasificado, con trinta e sete puntos, pero ao que xa venceu na primeira votla da liga.










Ningún comentario:

Publicar un comentario