Buscar neste blog

venres, 8 de marzo de 2019

Unha fábrica de campionas

Cando vén de celebrarse este 8 de marzo o Día Internacional da Muller e son tantas as demandas e reivindicacións que este colectivo segue reclamando, e cando ao mesmo tempo son moitos os logros e os méritos dos que todos e todas podemos sentirnos orgullosos, o Armenteira C.F., dende a súa discreción e a súa humildade, quere ver recoñecida unha pequena cota de protagonismo. En base á tradición e a mentalidades absolutamente retrógradas, había quen consideraba ao fútbol coma un deporte de homes e para homes, no que as mulleres ocupaban un papel secundario, limitándose a acudir como simples afeccionadas ou a exercer de asistentas en funcións de escasa relevancia. Nese contexto, xa dende os seus inicios, o Armenteira C.F. foi pioneiro en asignar tarefas de responsabilidade ao colectivo feminino. Nos primeiros anos, con Julio Serén á fronte, Pili Muñiz e Cristina Pérez incorporáronse á Xunta Directiva. Ambas as dúas continuarían na dirección do clube cando, a partires do 2005, se puxo en marcha un equipo sénior masculino, ocupando Cristina o cargo de presidenta. Uns anos despois sería relevada no cargo por Lucía García e, en épocas máis recentes, Marga Barral e Mónica Castro collerían as rendas da entidade. Na actualidade outra muller, Nuria González, encárgase da coordinación do equipo sénior feminino. Nos terreos de xogo a situación foi parella. Varias foron as rapazas que se uniron, fai máis dunha década, a aquel conxunto benxamín co que Martín Casais inaugurou o proxecto para as categorías base que continúa vixente. De todas elas sería Eva López a que acadaría logros máis importantes. Convocada en varias ocasións coa selección galega a futbolista de O Busto abriu camiño a moitas outras nenas que quixeron probar fortuna no balompé coa camisola verdinegra. A ela seguiríana unhas cuantas mozas competindo en equipos de formación mixtos ata que, no verán de 1995, o Armenteira C.F. se lanzou a unha arriscada aventura: a creación dun equipo sénior feminino. Tras dúas temporadas competido, este conxunto conseguiu resistir a unha chea de adversidades e continúa o seu rumbo na Liga Feminina de fútbol-7 baixo da dirección de Marcial Prado. Mentres, no equipo infantil, Irene Varela e Irene Pesqueira manteñen vivo o espírito feminino no conxunto referencia do clube nas etapas de formación. Son méritos que se veñen conseguindo día a día, con enorme esforzo e sacrificio, cunha intensa dedicación por parte de todas e cada unha das persoas que representan a unha entidade pola que, a pesares dos disgustos e decepcións, seguen profesando unha fe e unha devoción verdadeiramente meritorias. Estes días algúns medios de comunicación, a páxina na internet da Real Federación Galega de Fútbol ou as redes sociais dalgúns clubes veciños alardean da noticia do triunfo do equipo feminino na categoría sub-12 co que a delegación de Pontevedra da Federación competiu no campionato galego. Un triunfo do que o Armenteira C.F. se sente tremendamente orgulloso, non só pola súa decidida aposta e polo seu indiscutible compromiso co deporte de féminas, senón porque nesa escadra figuraban dúas rapazas formadas na escola de O Leixo. Sara Otero, gardamallas desa selección, que dende a temporada 2015/2016 pertenceu ao clube de A Armenteira e que, dende este verán pasou a formar parte do Umia C.F., e Estela Castro, que se iniciou no fútbol vestindo de verdinegro na pasada campaña, e que na actualidade, obrigada por un cambio de residencia, milita na A.J. Lérez, eran dúas das compoñentes dese conxunto que logrou de forma brillante un título tras impoñerse na final ao equipo da delegación de A Coruña por cero goles a catro. Dous exemplos que, en definitiva, son froito dun longo traballo dun clube que, nunhas circunstancias nada favorables, conseguiu converterse nunha fábrica de campionas e que demostran que tanto o Armenteira C.F. como as mulleres, no fútbol e na vida, por moitas dificultades que xurdan, poucas metas existen que non poidan superar.




Ningún comentario:

Publicar un comentario