FICHA TÉCNICA
S.D. PUENTEARNELAS - ARMENTEIRA VETERANOS - 3 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Moncho; Martín, Carlos Muniz, Javi, Óscar Barreiro; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Rubén, Avelino, Manolo, Rafa, Marcial e Yumas.
GOLES: 0-1. Minuto 9. Jorge Castro. 1-1. Minuto 21. Rafael Pintos, de penalti. 1-2. Minuto 55. Marcial. 2-2. Minuto 67. Víctor Romero. 3-2. Minuto 80. Rafa Fernández.
ÁRBITRO: Núñez Veget. Mostrou cartóns amarelos a Julio Cores por parte da S.D. Puentearnelas e a Galiñanes e a Moncho por parte do Armenteira Veteranos, e cartón vermello directo a Óscar Barreiro por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da terceira da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de As Chans, ante uns trinta espectadores, nunha soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo lixeiramente seco, aínda que nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos perdeu outra oportunidade para acadar a primeira vitoria da temporada 2019/2020. Parecía a ocasión propicia para inaugurar o casilleiro de triunfos, pero, por diversas circunstancias, este feito non foi posible. A desacertada arbitraxe de Núñez Veget, excesivamente nervioso, inseguro e con moitas dúbidas, acabou prexudicando os intereses dun Armenteira Veteranos que, por outra banda, tampouco conseguiu reflectir no marcador a superioridade que a priori parecía ter sobre o terreo de xogo. O encontro comezou de cara para os visitantes. Manexando a posesión e movendo e balón con relativa comodidade non atopaban demasiados atrancos para chegar á área rival. Con apenas nove minutos disputados Jorge Castro culminaba maxistralmente unha xogada colectiva e adiantaba ao Armenteira Veteranos. Todo parecía poñerse de cara ata que un penalti sinalado por Núñez Veget ao decretar man cando Javi repelía un lanzamento de córner da S.D. Puentearnelas. As protestas dos futbolistas de A Armenteira non surtiron efecto e a pena máxima acabaría sendo convertida por Rafa Pintos. Este gol e unha serie de cambios que modificaron a disposición dos xogadores sobre o campo trastocaron a estratexia do Armenteira Veteranos.A isto uníanse os problemas físicos de Jorge Castro, a gran referencia ofensiva dos verdinegros, que por estrivo moi lonxe do seu nivel habitual. As lesións de Carlos Castro e de Óscar Muniz deixaban desguarnecido o centro da zaga dun Armenteira Veteranos comezaba a dar síntomas de debilidade. Uns man a man dos dianteiros locais, magnificamente solventado polo gardamallas Sirra foron un aviso. Con todo, o cadro visitante aínda tiña a sensación de sentirse superior sobre a superficie de herba artificial do campo da parroquia de Tremoedo. O camiño cara o triunfo parecía abrirse na segunda metade, cando Marcial destapou o tarro das esencias e, mediante unha minivaselina superaba a saída de Julio Cores e enviaba o coiro ao fondo da rede. Pero os plans visitantes volvían frustrarse, e un contraataque da S.D. Puentearnelas, rematado cunha cabezada de Víctor Romero no segundo pau, situaba de novo a igualada. Coa esperanza de levarse os tres puntos o Armenteira Veteranos buscaba entrar polos costados, onde tanto Manolo pola esquerda como Marcial pola dereita se mostraban moi incisivos. Faltaba o remate de Jorge Castro. Cando semellaba que o resultado conducía ao empate unha polémica decisión do colexiado, ao sinalar unha infracción no borde da área do Armenteira Veteranos, acabaría coas esperanzas verdinegras. Non fixo caso Núñez Veget ás reclamacións de Javi, que lle indicaba que a infracción fora cometida polo atacante local, acción que este recoñeceu e, tras expulsar a Óscar Barreiro por un comentario que deu en considerar despectivo, autorizou o lanzamento da falta. Fran Fernández, ex-futbolista do Armenteira Veteranos, colocaría o esférico na escadra de Sirra e botaría por terra as opcións dun cadro visitante que cun home menos vía moi reducidas as opcións de sumar algún punto na súa visita a Pontearnelas. O marcador final de tres tantos a dous mantén aínda ao conxunto de O Leixo sen punto algún tras tres xornadas disputadas. Unha mala noticia para un equipo que esta semana, ao contrario que viña sucedendo nos últimos encontros, presentaba unha ampla relación de xogadores, entre os cales cabe destacar a Yumas, que este sábado debutaba coa camisola verde e negra. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos terá que recibir no campo de O Leixo ao equipo vilagarcián da Asociación Deportiva de Veteranos Fátima, que ocupa a undécima posición con tres puntos.