O Armenteira Veteranos inicia este sábado, 14 de setembro, a partires das 19:30 horas, no campo Municipal de Castrelo, a súa aventura nunha nova categoría, a Terceira Galicia de Veteranos. Tras as dificultades que tivo que afrontar a pasada temporada, na que sufriu numerosas e importantes baixas, que provocaron que o equipo se presentase na maior parte dos partidos moi escaso de efectivos, o cadro verdinegro terá que participar este ano nunha categoría inferior. O descenso supoñerá ademais que teñan que realizar desprazamentos máis longos, xa que no grupo figuran conxuntos de localidades como Santomé de Piñeiro, no Concello de Marín, ou A Estrada. Pero tamén significará unha oportunidade para retomar a senda dos resultados favorables, tendo en conta ademais que para esta campaña volverá contar coa presenza de Jorge Castro, xogador franquicia e principal referencia goleadora do Armenteira Veteranos durante os últimos anos, e que, por motivos laborais, estivo ausente durante a temporada 2018/2019. Para comezar esta aventura o calendario deparou un duelo de rivalidade, ante un conxunto como o Castrelo C.F. Veteranos, un rival tradicionalmente compricado, especialmente no seu terreo de xogo, con superficie de terra, como o de O Leixo. Será nunha xornada condicionada polas tarefas de vendima, o que fará que ambos os dous equipos, pertencentes a unha comarca na que abundan as explotacións vitivinícolas, se vexan en apuros para reunir os futbolistas suficientes para disputar un encontro que nas últimas edicións destacou pola emoción e a igualdade e que medirá a dous conxuntos que aspiran a ocupar a zona media-alta da táboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario