Buscar neste blog

venres, 27 de setembro de 2019

A hora da política local

Cando imos camiño dunhas novas eleccións xerais a actividade política tanto a nivel estatal, como a nivel autonómico e local non se detén. A falta de acordo e do mantemento dun permanente goberno en funcións parecen provocar certo desapego respecto das decisións que se toman dende Madrid, pero non aparentemente non ocorre o mesmo cos asuntos municipais. Por este motivo, este venres, 27 de setembro hai unha nova cita coa política municipal do Concello de Meis. A partires das 20:30 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial terá lugar unha nova sesión ordinaria dun pleno municipal no que abordarán temas que interesan sobremaneira aos veciños e veciñas do Concello en xeral e da parroquia de A Armenteira en particular. Agárdase unha sesión longa, pero de gran interese. Entre as cuestións a tratar están a proposta de festas locais para 2020 ou a ratificación do acordo da Xunta do Goberno Local sobre o nomeamento do representante na Fundación Monte Castrove, a que se encarga de xestionar o Campo de Golf de Meis. Asimesmo, someteranse a debate e votación unha serie de mocións presentadas polos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE relativas á igualdade e a loita contra a violencia de xénero, á emerxencia climática ou en defensa da sanidade pública, especialmente co motivo da polémica suscitada pola falta de facultativos e do servizo de pediatría nos centros médicos do municipio ao longo deste verán. Tamén se tratarán e votarán temas como o impulso social da lingua galega no Concello, a solicitude á Xunta de Galicia para levar a cabo un cambio real na política de conservación dos ríos da provincia de Pontevedra ou a reclamación a esa mesma administración dun compromiso máis firme en materia educativa. O acto completarase cunha serie de cuestións de natureza orzamentaria e económica e coa posta en coñecemento das resolucións da alcaldía. Será de novo unha oportunidade de contemplar en vivo o desenvolvemento da política local e coñecer aspectos da realidade do Concello de Meis e da parroquia de A Armenteira a través da representación democrática elixida pola veciñanza o pasado 26 de maio e que tras corenta anos de gobernos conservadores pasou a mans dun executivo socialista presidido por Marta Giráldez, a primeira muller que ostenta o bastón de mando na historia da Corporación meisina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario