Buscar neste blog

sábado, 14 de setembro de 2019

Inicio de liga con empate para o Armenteira C.F. feminino ante o Caldelas C.D.

 FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - CALDELAS C.D. - 0 - 0
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Alba, Sara Torres; Sara Rey, Anabel; e Tatiana. Tamén xogou Rocío.
ÁRBITRO: Castrelo Dabouza. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada da primeira fase da Liga Feminina de fútbol-7, que se disputou no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha mañá moi soleada e calorosa e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira comezou cun aceptable resultado a súa segunda aventura la Liga feminina de fútbol-7. Nunhas circunstancias nada favorables, cunha notable escaseza de efectivos e no medio dunha calor abafante, sobre 30 graos durante boa parte do partido, o conxunto que dirixe por cuarta temporada consecutiva Marcial Prado logrou resistir os elementos e conseguir que un dos tres puntos en xogo se quedase en O Leixo. Comezou o cadro local con só seis xogadoras sobre o terreo de xogo, unha menos do que establece o regulamento, debido que Rocío, por motivos laborais, chegou ás instalacións deportivas do lugar de O Busto cando se levaban disputados uns cinco minutos. O colexiado Castrelo Dabouza, amparándose na normativa, non deixou que a futbolista pontevedresa se incorporase ao partido ata o segundo período. En inferioridade numérica o cadro local plantou cara ás de Caldelas de Tui, dispoñendo nos pés de Tatiana dunha das escasas ocasións deste primeiro período. Con Rocío xa sobre a superficie de terra de O Leixo, na segunda media hora de xogo mantívose a tónica da parte inicial. O fútbol disputábase basicamente na zona de mediocampo e as ocasións eran contadas. As máis claras deste segundo período foron para o conxunto visitante, sobre todo un lanzamento que, tras impactar no longueiro, caiu sobre a liña de gol da portería defendida por Lola. Todo finalizou cun reparto de puntos que, a tenor do contemplado na calorosa xornada de fútbol do mediodía deste sábaxo, foi a todas luces xusto. A próxima fin de semana o Armenteira C.F. realizará un dos desprazamentos máis longos dos que lle agardan esta temporada, concretamente ata a localidade de A Cañiza, na que se medirá, no campo de Augas Férreas, ao cadro local do A.D. Cañiza C.F. Feminino, un dos equipos que a priori está destinado a ocupar os postos altos da táboa.




Ningún comentario:

Publicar un comentario