Buscar neste blog

sábado, 28 de setembro de 2019

Vitoria do Armenteira C.F. feminino ante a E.D.M. Salceda F.F. tras un intenso e emocionante partido

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - E.D.M. SALCEDA F.F. - 2 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Alba, Rocío; Anabel, Sara Torres, Sara Rey; e Nerea. 
ÁRBITRO: Asensio Fariza. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da terceira xornada da primeira fase da Liga Feminina de fútbol-7, que se  disputou no campo de O Leixo, ante uns vintecinco espectadores, nunha mañá soleada e calorosa e sobre un terreo de xogo cunha superficie excesivamente dura e irregular..

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira logrou estrear o seu casilleiro de vitorias na temporada 2019/2020. Na terceira xornada e ante un rival que se prevé que loite polos mesmos obxectivos que as rapazas que adestra Marcial Prado, o cadro verdinegro venceu ao seu adversario tras un partido cheo de intensidade e emoción, no que destacou o gran traballo e compromiso colectivo, aínda que personalizado en dúas xogadoras: Alba, autora dos dous tantos locais, e Lola, a gardamallas, que detivo unha pena máxima nos intres finais do encontro. Con só sete futbolistas dispoñibles e, en consecuencia, sen ningún recambio no banco de suplentes, o Armenteira C.F. atopábase unha vez máis nunha situación nada favorable para afrontar os sesenta minutos de xogo. Con todo, axiña conseguiu poñerse en vantaxe grazas a unha excepcional cabalgada dende a zona defensiva de Alba que ela mesma culminou enviando o coiro ao fondo das redes defendidas por María Silva. Apenas dous minutos despois a futbolista de San Miguel ampliaría vantaxe para as locais. Sería tras unha excepcional execución dun lanzamento de falta, ante a que nada puido facer a meta visitante. En base a unha forte presión e á intensidade defensiva, o Armenteira C.F. trataba de contrarrestar o intento de trazar xogadas combinativas por parte das de Salceda de Caselas. Un balón bombeado que sorprendeu a Lola permitiría ao equipo visitante recurtar distancias. Puideron lograr a igualada despois dun rigoroso penalti sinalado por un Asensio Fariza moi pouco afortunado nesta mañá en O Leixo, pero a lanzadora das do Baixo Miño enviou o balón un metro á dereita da portería local. No segundo período mantívose o equilibrio. As pretensión de xogo combinativo da E.D.M. Salceda atopábanse unha e outra vez coa labor destrutiva das de A Armenteira, lideradas dende a zaga por Alba, que de novo volveu estar espléndida. Foi incrementando o ritmo o cadro visitante e froito delo atopouse con outro penalti, desta vez menos rigoroso. O lanzamento das de Salceda daría a oportunidade de lucirse á gardamallas Lola que, mediante unha brillante intervención, evitaría o empate. Nos últimos minutos o xogo endureceuse ao tempo que a tensión sobre o terreo de xogo ía en aumento. Unha sucesión de saques de curruncho deron emoción aos suspiros finais dun encontro que deixa ao Armenteira C.F. con catro puntos puntos no seu haber, unha cifra máis ca envexable, tendo en conta as dificultades para pór en marcha o equipo e a escaseza de efectivos que aínda segue sufrindo a escadra que dirixe Marcial Prado. Haberá que agardar dúas semanas para ver de novo ás mozas do conxunto verdinegro en competición, pois a Xunta Directiva está xestionando co Club Peñasco o aprazamento do partido da próxima xornada. Ata catro xogadoras estarán ausentes a próxima fin de semana, polo que fan imposible disputar un encontro que posiblemente se acabe trasladando para o 8 de decembro.





Ningún comentario:

Publicar un comentario