FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - A ESTRADA VETERANOS - 2 - 3
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Avelino; Óscar Barreiro, Carlos Muniz, Javi, Martín; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Moncho e Rafa.
GOLES: 0-1. Minuto 40. José Varela. 0-2. Minuto 48. Juan Mosquera. 1-2. Minuto 63. Jorge Castro. 2-2. Minuto 66. Emilio Constenla, en propia meta. 2-3. Minuto 87. Manuel Martins.
ÁRBITRO: Velasco García. Mostrou cartóns amarelos a Francisco Freire por parte do A Estrada Veteranos, a Moncho por parte do Armenteira Veteranos e expulsou por doble cartón amarelo a Javier Álvarez despois dunha discusión que se produciu na última xogada do encontro.
INCIDENCIAS: Partido da segunda xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha temperada e nublada, e sobre un terreo de xogo excesivamente enlameado e esvaradizo, nunhas condicións moi pouco aptas para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos deixou escapar tres puntos nos minutos finais do partido que supoñía o regreso de Jorge Castro coa camisola verdinegra. O atacante de Vilar, que a pasada temporada non puido participar en ningún encontro por motivos laborais, regresaba este sábado ao campo de O Leixo coa intención de rescatar a un equipo que non acaba de superar a mala xeira de resultados que vén arrastrando dende fai un ano, e que o levou a un descenso de categoría. O partido comezou de forma favorable para o conxunto local. Mantendo a posesión do balón e xogando case sempre en campo contrario, o Armenteira Veteranos sentíase cómodo sobre a superficie de lama dun terreo de xogo que, como ocorre habitualmente nos días de choiva, se ía volvendo impracticable coa acumulación de pegadas. Un disparo de Jorge Castro que repeliu o pau esquerdo da portería defendida por Santiago Gañete foi a ocasión máis clara para os verdinegros nestes primeiros minutos. Custáballe retomar o tacto co balón ao goleador do Armenteira Veteranos e non era quen de irse dos defensores coa facilidade que acostuma. Co paso dos minutos o cadro local foi cedendo terreo e o A Estrada Veteranos empezou a deixarse ver con tímidas aparicións polas proximidades da meta custodiada por Sirra. Un man a man entre un dianteiro estradense e o gardamallas de Couso, que este último resolveu maxistralmente, foi un aviso de que o perigo ía ser real. A escasos minutos do descanso, unha falta colgada á área era rematada no segundo pau ao fondo da rede por José Varela completamente libre de marca. No segundo período o Armenteira Veteranos continou desorientado. Non era quen de facerse co control do xogo e a falta de confianza e mesmo a desmotivación era evidente nos seus xogadores. Unha internada polo costado esquerdo do ataque visitante por parte do hábil extremo Juan Mosquera era culminada polo propio futbolista estradense para poñer o que semellaba ser a sentenza. Incluso a vantaxe puido ampliarse se un rebote dunha parada de Sirra que foi dar en Óscar Muñiz non fose freada pola lama que cubría a liña de gol. Case desesperado e sen apenas argumentos, o conxunto de O Leixo mantiña como única opción que algún pelotazo acabase nos pés de Jorge Castro e que este volvese a sacar o manual de recursos ofensivos que tanto dano soe causar ás defensas rivais. E isto foi o que ocurriu. Dous ramalazos do dianteiro de Vilar remataron en sendos goles e permitiron lograr unha igualada coa que minutos antes nin soñaban os locais. Chegaron incluso a crer na vitoria, pero outra xogada a balón parado, unha falta novamente colgada á área polo A Estrada Veteranos, foi rematada polo corpulento defensa central dos da Terra de Tabeirós e, ante a resposta de Sirra, o balón quedou morto na área para que Manuel Martins remachase a gol. Foi sen dúbida un mazazo para un Armenteira Veteranos que daba por bo o empate tras un partido moi desacertado. Unha disputa nas inmediacións da área estradense provocou que o colexiado Velasco García acelerase o asubío final e solucionase este amago de conflito cun par de cartóns amarelos, un para o xogador local Moncho, e outro para Javier Álvarez, que neste caso era o segundo. Sen demasiado tempo a laiarse do sucedido este sábado o Armenteira Veteranos tratará de resarcirse desta derrota na visita que o próximo sábado rendirá ao campo de As Chans, onde se medirá á S.D. Puentearnelas, décimo terceiro clasificado cun punto no casilleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario