A Real Federación Galega de Fútbol vén de dar a coñecer o calendario da primeira fase do grupo único da liga feminina da modalidade de fútbol-7 no que participará o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. O conxunto que dirixirá por cuarta temporada consecutiva o meisino Marcial Prado compartirá grupo con equipos pertencentes na súa maioría á zona de Vigo e do sur da provincia de Pontevedra, co que terá que afrontar de novo longos desprazamentos nos encontros que dispute como visitante. Son rivais coñecidos polo conxunto verdinegro, pois xa se enfrontou a todos eles na pasada campaña. O comezo da liga está fixado para a próxima fin de semana, cando o Armenteira C.F. reciba ao Caldelas C.D., un equipo da localidade de Caldelas de Tui, que na temporada 2018/2019 tivo que visitar o feudo das de A Armenteira, aínda que o mal estado no que se atopaba aquel día o campo de O Leixo obrigou a que o partido se acabase disputando no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro. Será a primeira proba para unha escadra que iniciou a pretemporada cunha notable escaseza de efectivos e que está á espera de incorporar algunhas xogadoras para poder afrontar con garantías a primeira fase dunha competición que se disputará a partido único e que finalizará o 12 de xaneiro, dando paso a unha segunda liguiña na que os equipos se distribuirán en función da clasificación acadada nesta fase inicial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario