Buscar neste blog

domingo, 30 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos cae pola mínima tras quedarse en inferioridade en Berdón

                                                                     FICHA TÉCNICA


AF7 BAR MADIA LEVA-ARMENTEIRA VETERANOS - 1-0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Carlos Muniz, Óscar Barreiro; Rubén, José Pérez, Javi González, Martín, Júnior; e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Marcos, Marcial, Galiñanes e Rafa.

GOLES: 1-0. Minuto 70. Borja Doval. 

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Jorge Dávila, Galiñanes, Moncho, Javi González e, por partida dobre a Carlos Castro, por parte do Armenteira Veteranos, e a David Pérez e Pablo Nine por parte do AF7 Bar Madia Leva.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns quince espectadores, nunha tarde-noite fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos perdeu a oportunidade de auparse ao terceiro posto da táboa tras perder na tarde-noite deste sábado, 29 de xaneiro, ante o AF7 Bar Madia Leva no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa. De vencer, o cadro verdinegro colocaríase nos postos de honra do grupo A da Terceira Galicia, e nunhas condicións inmellorable para manter esa posición privilexiada, xa que todos os seus potenciais rivais acudirán a O Leixo como visitantes na segunda volta da liga. Foi tras un partido entretido, igualado, no que calquera dos dous conxuntos puido levarse a vitoria e no que quizais o máis xusto fose que rematase cun reparto de puntos. Pero houbo un feito determinante que marcou o rumbo do encontro e ese foi a expulsíón de Carlos Castro por dobre cartón amarelo a vinte minutos para o final. De feito, nada máis quedarse en inferioridade numérica os de A Armenteira recibiron o primeiro e único tanto que Sirra encaixou este sábado en terras vilagarcianas. A tónica do partido foi case a mesma desde o inicio. O AF7 Bar Madia Leva, un equipo con bos peloteiros e que aposta polo fútbol combinativo e o bo trato do balón, trataba de construír as xogadas combinando desde a defensa e, despois de traspasar a segunda liña do Armenteira Veteranos, buscaba con envíos en diagonal as costas dos laterais verdineiros, unha arma que dominan perfectamente nun campo dunha anchura considerable como o de Berdón. Borja Doval, posiblemente o futbolista de maior calidade dos vilagarciáns, e que fai apenas tres anos formaba parte do plantel do C.D. Mosteiro na Segunda Autonómica de categoría de afeccionados, actuaba como arquitecto do xogo do cadro local. Por el pasaban practicamente todas as accións de ataque e era o que trazaba a maior parte dos envíos en longo en dirección a uns extremos que abrían o campo pegados á marca de banda. Con todo, o Armenteira Veteranos mostrábase sólido e ordenado e, de cando en vez, armaba perigosas ofensivas de contraataque. Foi así como Jorge Castro dispuxo da primeira gran ocasión do encontro, aínda que neste caso o artilleiro de Vilar non estivo atinado, como tampouco o estivo José Pérez escasos minutos despois, nunha ocasión aínda máis clara, na o balón bicou o lateral do poste dereito da meta do AF7 Bar Madia Leva. Pese a que o dominio do esférico correspondía aos locais o Armenteira Veteranos gozaba das oportunidades máis claras, e de novo Jorge Castro, Rubén ou Martín cun lanzamento de longa distancia, que repelou o porteiro José Luis Piñeiro, ben puideron adiantar aos de A Armenteira. Adoecía de falta de pegada o AF7 Bar Madia Leva, que non conseguía poñer en apuros a Sirra. A gran ocasión para os vilagarciáns neste primeiro período estivo nunha pena máxima decretada polo colexiado Caeiro Abalo tras deixarse caer ao chan un atacante local ao sentir o leve contacto sobre unha media por parte da bota dun defensor do Armenteira Veteranos. Desperdiou a ocasión Pablo Nine ao enviar o coiro contra o poste dereito da meta de Sirra. Coa igualada no marcador o rumbo do partido continou sendo similar no segundo período. O Armenteira Veteranos mantíñase ben plantado sobre o terreo de xogo intentando recuperar rápido o balón para sorprender nun contragolpe. As accións de perigo dos locais reducíanse a disparos desde fóra da área, ante os cales Sirra se mostraba moi seguro. Cando o partido parecía camiñar cara un empate, en dúas accións case seguidas nas que o sempre contundente Carlos Castro actuou con gran intensidade, e nas que cometeu falta, foron sancionadas con sendos cartóns amarelos por Caeiro Abalo. Cun futbolista menos sobre o terreo de xogo a misión de lograr os tres puntos complicábase para o Armenteira Veteranos. Apenas dous minutos despois da expulsión de Carlos Castro, unha gran xogada individual de Borja Doval, na que penetra polo centro da defensa ata a área tras irse de varios rivais e verse favorecido por unha serie de rexeitamentos, remate cun toque sutil do futbolista vilagarcián que finaliza no fondo das mallas de Sirra. Non fixo caso o colexiado ás protestar dos futbolistas do Armenteira Veteranos, que se queixaban de que o atacante local se levou o balón coa man nun deses rexeitamentos, e o tanto subiu ao marcador. Tratoron os verdinegros de alcanzar canto menos a igualada nos minutos finais e incluso dispuxeron dunha clara ocasión nos pés de Jorge Castro, na que o control se lle escapou ao dianteiro de Vilar, pero finalmente os tres puntos acabaron quedando en Berdón. Con esta derrota, o Armenteira Veteranos mantense na quinta posición, con catorce puntos. A próxima xornada será de descanso para os de O Leixo, o que aproveitarán para repoñer forzas antes de medirse ao Dorrón C.F. Veteranos no que será o primeiro partido da segunda volta para a formación verde e negra.

sábado, 22 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos supera á S.D. Puentearnelas nun partido non demasiado brillante

  FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-S.D. PUENTEARNELAS - 4 - 72
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Muñiz, Marcos, Richi; Rubén, Martín, Júnior, Marcial; Galiñanes e Jorge Castro. Tamén xogaron Jorge Dávila, Rafa, Javi González, Óscar Barreiro e Carlos Castro.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Jorge Castro. 2-0. Minuto 31. Rubén. 2-1. Minuto 40. Guillermo Borrageiros. 3-1. Minuto 48. Manuel Mouriño, en propia meta. 3-2. Minuto 72. César Fariña. 4-2. Minuto 75. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Otero Otero. Mostrou cartóns a Richi e Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos e a Rafa Fernández por parte da S.D. Puentearnelas.

INCIDENCIAS: Partido da décima xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada, pero fresca, e sobre un terreo de xogo cunha superficie dura, compacta e irregular, a causa dos últimos partidos e adestramentos que tiveron lugar con choiva e co campo embarrado.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos venceu por catro tantos a dous á S.D. Puentearnelas no partido disputado na tarde deste sábado, 22 de xaneiro, no campo de O Leixo. Foi tras un encontro no que os locais demostraron ter máis potencial e máis recursos que ofrecer, pero no que non exhibiron unha especial brillantez. Saiu o Armenteira Veteranos coa intención de poñer terra de por medio desde os primeiros minutos. As obrigas laborais obrigaban a Sirra, o gardamallas verdinegro, a abandonar o encontro no descanso. Por este motivo o cadro local quería irse ao período de lecer coa maior vantaxe posible, dada a importancia que ten no equipo o que é, sen lugar a dúbidas, un dos mellores cancerbeiros da categoría. Con confianza no seu xogo, que combinaba o control da zona do mediocampo e o envío de balóns en longo buscando a presenza de Jorge Castro en ataque, o Armenteira Veteranos foi claro dominador durante a primeira media hora de xogo. A velocidade de Marcial e Rubén polos extremos, os apoios de Galiñanes na media punta e o perigo constante de Jorge Castro atopaban fisuras unha e outra vez na zaga dos de Pontearnelas. Non tardaría en chegar a primeira ocasión, nunha internada de Marcial polo costado esquero, que remata cun lanzamento ao lateral do pau. No minuto 5, Jorge Castro recibe un balón en profundidade e tras superar ao porteiro e perder ángulo de disparo, cun tremendo sangue frío, é quen recortar ata dar cun oco polo que colocar o balón no fondo das redes visitantes. Seguiu ofrecendo bo fútbol o equipo verdinegro nesta parte inicial do encontro, e o propio Jorge Castro dispuxo de varias oportunidades que ben puideron deixar o partido listo para sentenza. De novo Jorge Castro, tras saír vencedor dunha disputa cun defensor rival, pon en bandexa o balón a Rubén, que non falla ante Julio Cores. A vantaxe de dous goles parecía desesperar aos futbolistas da S.D. Puentearnelas, que non ocultaban o descontento coa situación sobre o terreo de xogo, con discusións e reproches mutuos. No medio dunha destas discusións, unha perda de balón nun ataque dos locais, orixinou un contraataque, no que César Fariña, cheo de rabia, conduciu o coiro a gran velocidade pola banda esquerda ata enviar un centro á área verdinegra que acaba rematando a gol Guillermo Borrageiros ante a pasividade da defensa local. Na reanudación, xa sen Sirra baixo os paus do Armenteira Veteranos, e con Javi González como porteiro de circunstancias, axiña os locais volveron tomar vantaxe. Manuel Mouriño, intentando curtar a traxectoria do balón tras un lanzamento de falta executado por Martín, despista a Julio Cores, e o esférico acaba bicando as redes da portería visitante. A renda parecía novamente suficiente para que a segunda metade fose relativamente plácida para a escadra verde e negra. Pero pouco a pouco os de A Armenteira foron caíndo nun fútbol espeso e con demasiadas imprecisións. Con todo, houbo que agardar ao minuto 72 para que os de Pontearnelas, no segundo lanzamento a portería que realizaban no partido, volvesen reducir distancias. Sería noutro contragolpe, no que César Fariña volveu imprimir un ritmo vertixinoso, ata adentrarse na área e empalmar un potente disparo ante o que nada puido facer Javi González. Pero apenas tres minutos despois, un testarazo de Jorge Castro tras un saque de córner, ampliaba outra vez a vantaxe para os de A Armenteira. O gol non mellorou as sensacións dos locais, que se mostraban desorientados sobre o campo e deixaban excesivos espazos entre liñas, o que era aproveitado polos xogadores da S.D. Puenternelas para tratar de levar perigo cara a meta local, buscando sobre todo as entradas por banda. Na recta final do encontro os visitantes dispuxeron de varias oportunidades, algunha delas de relativa claridade, pero non estiveron moi atinados no remate. Houbo tempo tamén para algunha acometida do Armenteira Veteranos. Unha internada de Richi pola esquerda, a xeito de lateral brasileiro, e unha carreira de Marcial corpo a corpo cun central da S.D. Puentearnelas, foron algunhas das accións coas que se pechou un encontro que acabaría deixando os tres puntos en O Leixo. Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con catorce puntos. A próxima fin de semana, o equipo verdinegro visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao AF7 Bar Madia Leva, que ocupa a terceira posición, con dezasete puntos, no que será un partido clave de cara a dilucidar cales as aspiracións dos de A Armenteira na liga, xa que, de vencer, lograrían acceder á parte nobre da táboa.


venres, 14 de xaneiro de 2022

Armenteira e comarca mobilízanse en apoio de Eva López como mellor futbolista galega semiprofesional no ano 2021

 A publicación, a inicios desta semana, das finalistas ao premio á mellor futbolista semiprofesional que concede a revista Galicia Sport suscitou unha gran expectación na parroquia de A Armenteira e en toda a súa contorna. Eva López, unha moza natural de A Armenteira, e formada nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F. figura no grupo das tres finalistas xunto con Ánxela Torres, do Victoria F.C., de Santiago de Compostela, e Tati Barcia do R.C. Deportivo Abanca "B". Dado que a gañadora sairá das votacións que se realicen a través da páxina web da revista, nada máis coñecerse a noticia iniciouse xa unha campaña en apoio de Eva. Foi primeiro o Umia C.F., no que milita actualmente a futbolista de O Busto, o que comezou a difudir polas aplicacións de mensaxería e a través das súas redes sociais unha campaña de apoio á candidatura de Eva. Amigas e amigos e xente que dalgún xeito coñece á xogadora ou ao seu entorno non tardaron en mobilizarse e as mensaxes a favor da futbolista, acompañadas do enlace que conduce directamente á votación, circulaban a gran velocidade polos dispositivos electrónicos. Como non podería ser doutro xeito, a súa parroquia de orixe, A Armenteira, puxo a disposición desta campaña todos os medios cos que conta. Con especial emoción se recibiu a noticia no seo do Armenteira C.F., entidade na que Eva se iniciou a súa carreira futbolística e na que permaneceu durante cinco temporadas como xogadora, ás que se sumarían posteriormente dúas máis como integrante do corpo técnico. 

Como lembra Martín Casais, actual presidente do clube verdinegro e adestrador de Eva na súa traxectoria no Armenteira C.F. " Eva foi unha das primeiras compoñentes do equipo co que refundamos as categorías de fútbol base do Armenteira C.F. aló pola temporada 2008/2009". "Era un equipo de categoría benxamín do que tamén formaban parte Villa, Adrián ou Carlos, un grupo de rapaces que marcou unha época na historia do Armenteira C.F." Para Martín Casais "Eva era unha rapaza que xa desde o principio mostraba un especial interese e unha gran afección polo fútbol" Destaca o papel da súa familia, especialmente do seu pai, José López, futbolisticamente coñecido como Joseíño, un personaxe moi comprometido co fútbol na parroquia de A Armenteira e un dos fundadores do Armenteira Veteranos. A traxectoria de Eva no Armenteira C.F. estendeuse ao longo de dúas temporadas na categoría benxamín, dúas temporadas na categoría alevín e unha na categoría infantil. Tratábase dunha futbolista que destacaba especialmente pola súa calidade técnica e, a pesar de xogar un equipo mixto, no que predominaban os rapaces, sempre era unha das que máis destacaba. Segundo indica Martín Casais "aínda que é zurda, practicamente nunca a colocaba no costado esquerdo. Non era unha futbolista especialmente explosiva, polo o seu rendimento nunha banda non sería o óptimo". "Como xogabamos na modalidade de fútbol-7, adoitaba situala na parte traseira do equipo, xa que sempre fun partidario de iniciar as xogadas combinando desde a defensa e, nese sentido, Eva era a que reunía as mellores condicións para desempeñar esa función". "Unicamente nos partidos contra rivais de maior esixencia física decidía adiantar a súa posición ata a liña do medio campo, ao igual que ocorreu cando deu o paso á categoría infantil, que xa disputa na modalidade de fútbol-11", sentenciou Martín. A vistosidade e o talento de Eva non pasaban desapercibidas para moitas das persoas que por aquel entón acudían a presenciar os partidos dos equipos de formación do Armenteira C.F. A visión de xogo, o toque rápido e o bo trato do balón eran os sinais de identidade dunha xeración que tiña a esta moza como unha das súas principais referencias. Un talento que chamou a atención dos responsables da selección galega de fútbol, para a que era convocada de forma asidua para adestramentos e partidos do combinado da categoría sub-12,  co que participou nalgún campionato de seleccións autonómicas, como o que tivo lugar en terras andaluzas na primavera de 2012.

Ao finalizar a temporada 2012/2013, cando cumpriu o seu primeiro ano na categoría infantil, Eva decidiu comezar unha nova aventura nun equipo constuído exclusivamente por rapazas, e enrolouse no Atlético Arousana. Alí permaneceu ata 2016, ano que se incorporou ao Umia C.F., que naquel momento comezaba a manifestarse como un clube emerxente na categoría feminina. Nas negociacións para a fichaxe de Eva foi clave a intervención de José Luis Galiñanes, presidente do Armenteira Veteranos, que nesa época ocupaba tamén a vicepresidencia da entidade de Barrantes. A relación de amizade entre Galiñanes e Joseíño, pai de Eva, ambos os dous fundadores do Armenteira Veteranos, facilitou en gran medida a chegada de Eva ao clube de A Bouza. Foi no Umia no que a futbolista de O Busto consegui relanzar a súa carreira, primeiro con Moisés Campos como adestrador, unha persoa á que sempre estivo moi unida, e logo, na temporada 2020/2021, baixo a dirección de Jito Quintana. O adestrador arousán, que tomou as rendas do equipo a metade desa mesma temporada, adiantou a posición de Eva no campo e, convertida en dianteira, a futbolista experimentou unha espectacular eclosión. Cunhas cifras goleadoras envexables, Eva leva sendo desde entón, xornada tras xornada, unha das futbolistas máis determinantes non só do Umia C.F., senón tamén do grupo da Primeira Nacional no que milita o seu conxunto.

O excepcional rendemento e as cifras goleadoras de Eva López ao longo do ano 2021 son méritos máis que suficientes para ser merecedora de ocupar un posto entre as tres aspirantes ao galardón que outorga a revista Galicia Sport. Tras partir inicialmente en desvantaxe, nos últimos días votacións preséntase moi igualadas. Ánxela Torres, a futbolista do Victoria F.C., estase mostrando como a principal rival de Eva para alcanzar o premio final. Por este motivo, a súa familia e as persoas máis achegadas á xogadora fan un chamamento a mobilizarse nunha campaña na que a parroquia de A Armenteira, o municipio de Meis e incluso a propia alcaldesa Marta Giráldez se implicaron de forma moi activa. O luns, 17 de xaneiro pecharase definitivamente a votación e se darase coñecer oficialmente a gañadora. Mentres tanto, aínda é posible dar o voto a Eva a través do enlace https://galiciasport.com/2022/01/09/futbol-mejor-jugadora-semiprofesional/


A Liga Atlántica de Billarda chega este sábado a O Leixo

 A billarda ou estornela é un dos xogos populares con máis arraigo en Galicia. Consiste basicamente en golpear cun pau grande, denominado palán, un pau máis pequeno, a billarda propiamente dita, e enviala o máis lonxe posible. Aínda que as normas varían en función da zona xeográfica, existe un regulamento unificado pola Liga Atlántica de Billarda, unha competición que ten a súa orixe na Mariña luguesa, onde un grupo de persoas comezaron a traballar para recuperar un dos xogos populares máis tradicionais en Galicia, e que se fora deixando de practicar durante as últimas décadas. Así, desde o ano 2003 comezaron a organizarse torneos que acabaron dando lugar á creación da Liga Atlántica de Billarda, e pouco a pouco están conseguindo normalizar a práctica dunha actividade física, lúdica, cultural e deportiva de gran arraigo na nosa terra e que só se conservaba na memoria da xente de maior idade. Dividida en tres conferencias, a Conferencia Norleste, a Conferencia Noroeste e Conferencia Rías Baixas, a competición é unha liga aberta, na que calquera pode participar ou incorporarse ao longo da temporada, e disputa unha serie de xornadas durante o ano ata que, ao final da temporada celébrase a Final Liga Atlántica de Billarda, á que unicamente terán acceso aquelas persoas que lograron clasificarse polas súas respectivas conferencias.

E será a través da Conferencia Rías Baixas como chegará este sábado, 15 de xaneiro, a A Armenteira este xogo tan tradicional na nosa terra. Arredor dun centenar de participantes desprazaranse ata o campo de O Leixo para disputar a oitava xornada da Liga Atlántica de Billarda 2021/2022. Fai dous anos, en febreiro de 2020, este mesmo escenario ía recibir este singular evento, pero as condicións meteorolóxicas adversar obrigaron a trasladar a competición ao Pavillón Municipal de Deportes de Meis, en O Mosteiro. Neste caso, se a meteoroloxía o permite, arredor dun centenar de persoas iniciarán a súa participación na oitava xornada da liga en torno ás 16:00 horas. Non se trata dunha competición pechada, senón que calquera persoa que o desexe poderá participar. A organización encargarase de prestar o material necesario a quen non dispoña do mesmo, co cal, quen estea interesado en integrarse na competición, sempre que veña provisto de chándal ou roupa cómoda, soamente terá que inscribirse nas propias instalacións deportivas de O Leixo para disfrutar dunha xornada de deporte e diversión que se prolongará ao longo de toda a tarde. Coa promoción e coa colaboración do Armenteira C.F. e da Concellería de Deportes do Concello de Meis, que dirixe María Sancho, este evento convertirá este sábado a A Armenteira nunha das capitais dos xogos populares e agárdase que se congreguen en O Leixo un importante número de participantes e curiosos, que terán a posibilidade de disfrutar dunha tarde de exercicio físico nun entorno tan privilexiado e cunhas vistas tan marabillosas como o campo de O Leixo.




sábado, 8 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos resiste con dignidade ante un ciclón denominado E.F.B. Vilanova-Caleiro

                                                               FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-E.F.B. VILANOVA-CATOIRA - 3 - 7

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Óscar Barreiro; Marcial, Rafa, Martín, Manolo; Júnior e Jorge Castro. Tamén xogaron José Pérez, Carlos Muñiz, Moncho e Bebeto.

GOLES: 0-1. Minuto 20. Diego Paz. 0-2. Minuto 24. Wenceslao. 0.3. Minuto 27. Adrián Camiño. 0-4. Minuto 35. Wenceslao. Minuto 35. 1-4. Jorge Castro. Minuto 36. 2-4. Jorge Castro, de penalti. Minuto 52. 3-4. Jorge Castro. Minuto 55. 3-5. Adrián Camiño. Minuto 57. 3-6. Melchor. Minuto 77. 3-7. David Castiñeiras. Minuto 79.

ÁRBITRO: Santiago Iglesias. Mostrou cartóns ao delegado Galiñanes por parte do Armenteira Veteranos e a Diego Paz e Miguel Cacabelos por parte da E.F.B. Vilanova-Caleiro.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha tarde nublada, fresca e por momentos chuviosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos non puido vencer á E.F.B. Vilanova-Caleiro no partido que disputaron estes dous equipos no campo de O Leixo na tarde do sábado, 8 de xaneiro. No que se levaba de liga 2021/2022 o cadro verde e negro permanecía imbatido no seu feudo, pero nesta ocasión foi imposible superar a un conxunto vilanovés que firma unha traxectoria impecable nas oitos xornadas disputadas, contando por vitorias todos os partidos, con triunfos solventes en cada un destes encontros. A todas estas dificultades sumábanse as importantes baixas coas que contaban os locais, como a de Richi no lateral da defensa, a de Javi na zona de mediocentros, ou as de Suso e Rubén na zona de ataque. Con todo, foi quizais, a tenor dos resultados obtidos ata o de agora, o partido máis complicado nesta liga para a E.F.B. Vilanova-Caleiro, que chegaba a O Leixo con só cinco tantos encaixados e que recibiu tres máis no seu paso por terras do Castrove e que viviu uns intres de apuro cando os de A Armenteira se colocaron 3-4 na segunda metade. O partido foi de claro dominio visitante. Tras uns primeiros minutos de tanteo, axiña os vilanoveses asumiron o mando do xogo. En base a un fútbol de transicións rápidas, o cadro de Vilanova de Arousa imprimía un ritmo frenético nos últimos metros, apoiados na calidade de futbolistas como Melchor, Adrián Camiño e, especialmente Wenceslao, que foi un verdadeiro quebradeiro de cabeza para os locais nesta primeira metade. Jorge Castro ou Júnior ben puideron adiantar aos verdineros, pero sería Diego Paz, tras unha cabezada nun saque de curruncho, o que abriría a senda da vitoria para os das terras de Valle-Inclán. A partir de entón todo resultou máis fácil para a E.F.B. Vilanova-Caleiro, que mediante combinacións rápidas mostraba a enorme calidade dos seus homes de ataque e desarbolaba unha e outra vez á defensa local. Un gol de Jorge Castro, pouco antes do descanso, maquillaba un pouco o resultado e, tras a reanudación, a relaxación dos visitantes, escasamente adaptados ademais á superficie de terra do campo de O Leixo, unida á reacción do Armenteira Veteranos, a piques estiveron de poñer en perigo a vitoria do líder sólido do grupo. Jorge Castro transformando un penalti sobre el cometido e, de novo Jorge Castro uns minutos despois colocaban aos de Armenteira a un único tanto dos de Vilanova. Pero, outro erro clamoroso do colexiado Santiago Iglesias, moi pouco afortunado na tarde deste sábado en O Leixo, no que decretou unha falta a favor da E.F.B. Vilanova cando un futbolista visitante se mancou el só ao intentar golpear o balón e impactar contra o chan, propiciou o gol da tranquilidade para os arousáns. Adrián Camiño, un futbolista cunha extensa traxectoria nas categorías de élite do balompé comarcal, que deixou a súa pegada en equipos como o Arosa S.C., Céltiga F.C., C.D. Ribadumia ou Umia C.F., do que foi o principal referente cando fai apenas dúas temporadas o clube de Barrantes logrou o ascenso á Preferente Galicia, convertía maxistralmente o lanzamento de falta, na que é unha das súas principais especialidades. Con dous goles de desvantaxe o Armenteira Veteranos non baixou os brazos e tratou de seguir competindo. Jorge Castro, que demostrou que ten unha calidade que nada ten que envexar á dos atacantes do conxunto de Vilanova continuaba sendo a principal arma ofensiva dos verdinegros, aspecto no que tamén volveu destacar Bebeto, que ao longo do partido estrelou no longueiro dous lanzamentos a balón parado, aínda que quizais foi Sirra o futbolista máis destacado dos locais na tarde deste sábado, que uniu ao seu variado recital de paradas dotes de calidade técnica cada vez que saía da área a curtar as accións de ataque dos vilanoveses. O gardamallas de Couso baixaba o coiro co peito, controlábao co pé, e ata se atrevía a facer algún recorte antes de entregar o balón a un compañeiro para iniciar a xogada co balón a ras do chan. Incluso se atreveu a subir a rematar un córner cando o encontro chegaba á súa fin. Sen dúbida, demostrou mañas do que se esixe a un gardameta no fútbol moderno, un estilo de porteiro que tanto enarbolan adestradores de éxito a nivel mundial como Pep Guardiola ou Luis Enrique. Con esta derrota, o Armenteira Veteranos sitúase na sétima posición, con oito puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana o campo de A Lanzada para medirse ao Noalla Veteranos, pechancelas do grupo con menos tres puntos.


venres, 7 de xaneiro de 2022

O Armenteira C.F. converte a cantina de O Leixo nun paseo pola historia do fútbol na parroquia de A Armenteira

Setembro de 1995. Esa foi a data na que un equipo de fútbol participaba nunha competición oficial por primera vez. 26 anos e tres meses pasaron desde entón. Pero a historia do fútbol na parroquia de A Armenteira remóntosa moito máis atrás no tempo. Aqueles grupos de rapaces, que fai décadas lle daban patadas a un balón nos distintos lugares da parroquia, nas tardes dos domingos, ou ao longo da semana despois de colaborar na casa atendendo as leiras ou o gando, nunha época no que a economía e os xeitos de vida eran ben distintos aos da actualidade. A Corveira en Gondes, a Labradiña en Vilar ou o denominado "Molinón" en Valboa eran campos de fútbol improvisados en espazos máis ou menos amplos, libres da circulación de vehículos ou animais, nos cales se podía dar patadas un balón e practicar un deporte parecido ao fútbol. Eran outros tempos, era outra ilusión, pero os soños daquelas xeracións de rapaces cristalizaron coa fundación do Armenteira C.F. no ano 1995 e do Armenteira Veteranos unha década despois. Tendo sempre presente a cultura popular do pobo ao que representa e mostrando a unha especial sensibilidade por todo o que rodea ao mundo do fútbol a Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu pór en marcha un pequeno proxecto para dar a coñecer a historia do fútbol en A Armenteira. A idea xurdiu despois de comprobar a expectación e a nostalxia que espertaban entre as persoas que visitaban a cantina do campo de O Leixo as fotografías que se foron colgando ao longo dos últimos anos. Xentes que dunha maneira ou outra estiveron vencelladas ao clube verdinegro lembraban con emoción e sacaban a relucir anécdotas do pasado cada vez que observaban fotografías que representan distintos combinados da entidade verdinegra, desde equipos das categorías alevín, infantil ou incluso equipos femininos improvisados para disputar pachangas ou trofeos en días festivos ou na época de verán. Por este motivo, decidiron habilitar unha parte da parede da cantina para colocar fotografías de formacións do Armenteira C.F. e do Armenteira Veteranos, que van desde a temporada 1995/1996 ata os tempos actuais. Persnaxes como Julio Serén ou o malogrado Manuel Gómez "Barreiras", figuras clave na creación do clube e aos que moitos e moitas lembran con enorme cariño son protagonistas de instantáneas que, no caso das de maior antigüidade, carecen de nitidez e incluso presentan dificultades para identificar ás persoas representadas. Xunto a eles aparecen compoñentes dos equipos masculinos e femininos dos equipos de A Armenteira, acompañados de adestradores míticos do clube como Martín Casais, actual presidente do clube, Marcial Prado, Jonathan Crespo ou Valentín Estévez “Tinín”. Entre as figuras que maior emoción esperta de entre as que aparecen nas fotografías que penduran das paredes da cantina do campo de O Leixo é a da Javier Martínez Ucha “Chicho”, directivo e futbolista do Armenteira C.F. e do Armenteira Veteranos, traxicamente falecido en accidente de tráfico en novembro de 2016, e ao que tamén se lembra cunha camisola do Armenteira Veteranos que usou durante varias temporadas e que se exhibe nun dos lados da parede. A exposición fotográfica estará aberta ao público ao longo dos partidos e dos adestramentos e xa poderá contemplarse a partir da próxima fin de semana cando, na tarde do sábado, o Armenteira Veteranos reciba á E.F.B. Vilanova-Caleiro ou cando, na tarde do domingo, o equipo feminino do Armenteira C.F. reciba ao C.D. Mosteiro nun novo derbi municipal. Será unha campaña de promoción que se irá ampliando a medida que se habiliten novos espazos para a colocación de fotografías e que tamén se desenvolverá nas redes sociais, nas que a entidade verdinegra sempre se mostra especialmente activa. Co lema “Acompáñanos neste paseo pola historia do fútbol en A Armenteira. Porque queremos seguir sentindo, soñando e  escribindo a historia en verde e negro” e adornado cos logotipos habituais e representativos das campañas do clube a exposición pretende poñer en valor o papel que o chamado deporte rei tivo e ten na actualidade na parroquia e resaltar a importancia e o mérito de que existan entidades como o Armenteira C.F. ou o Armenteira Veteranos, que pasean e promocionan o nome da parroquia de A Armenteira polos campos de fútbol de Galicia e a través dos diferentes medios de comunicación.





luns, 3 de xaneiro de 2022

O Armenteira C.F. feminino xa coñece o calendario da segunda fase da liga 2021/2022

 A delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer na mañá deste luns, 3 de xaneiro, a composición e o calendario da segunda fase da liga 2021/2022, na modalidade de fútbol-7, na que participa o equipo feminino do Armenteira C.F. Tras unha primeira fase na que os equipos foron encadrados en grupos seguindo criterios de proximidade e na disputaron unha liguiña a unha soa volta, na segunda fase a competición disputarase a dobre volta, e os equipos foron divididos en dous grupos, en base á clasificación e á puntuación obtida na primeira fase. No grupo 1B, no que figura o Armenteira C.F. féminas, competirán tamén o Marín C.F., o C.D. Mosteiro, o Tyde F.C. "B", o San Roque Casablanca, o Cultural Areas e o Club Deportivo Agaela. Para o cadro verdinegro os desprazamentos máis longos serán Ponteareas, municipio ao que pertence o Cultural Areas, e Tui, localidade que é representada por un clube histórico como o Tyde F.C. A priori, e tendo en conta os resultados da primeira fase os favoritos a loitar polo campionato serían precisamente o Tyde F.C. "B", xunto co C.D. Mosteiro e o C.D. Agaela de Cangas do Morrazo. Con todo, neste tipo de competición con dobre fase adoita haber algunha que outra sorpresa e, dado que a primera parte da liga foi excesivamente curta, a bagaxe da primeira volta resulta insuficiente para facer unha previsión do que poida ocorrer no que resta de temporada, un argumento ao que se agarra o Armenteira C.F. para afrontar con optimismo esta nova reválida que se lle presenta. O conxunto que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado tivo que lidiar cunha serie de dificultades desde o inicio da competición. A situación derivada da pandemia, as estrictas esixencias das autoridades políticas e deportivas e a escasa preparación coa que compareceron na liga, sen tempo a realizar un período de temporada, unidas á merma de efectivos cos que iniciou a primeira fase, impediron que a escadra verde e negra puidese traballar con relativa normalidade nestes dous primeiros meses da súa temporada 2021/2022. A grave lesión de Rocío, unha das futbolistas máis importantes do equipo, que posiblemente lle impedirá disputar máis partidos nesta campaña, tratará de ser compensada coa incorporación de novas xogadoras e coa mellora do rendemento das máis veteranas, unhas bases que deberían servir para dar un impulso e refrendar a progresión que se parecía albiscar na formación feminina de O Leixo tras os primeiros partidos.