Buscar neste blog

sábado, 8 de xaneiro de 2022

O Armenteira Veteranos resiste con dignidade ante un ciclón denominado E.F.B. Vilanova-Caleiro

                                                               FICHA TÉCNICA


ARMENTEIRA VETERANOS-E.F.B. VILANOVA-CATOIRA - 3 - 7

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Óscar Barreiro; Marcial, Rafa, Martín, Manolo; Júnior e Jorge Castro. Tamén xogaron José Pérez, Carlos Muñiz, Moncho e Bebeto.

GOLES: 0-1. Minuto 20. Diego Paz. 0-2. Minuto 24. Wenceslao. 0.3. Minuto 27. Adrián Camiño. 0-4. Minuto 35. Wenceslao. Minuto 35. 1-4. Jorge Castro. Minuto 36. 2-4. Jorge Castro, de penalti. Minuto 52. 3-4. Jorge Castro. Minuto 55. 3-5. Adrián Camiño. Minuto 57. 3-6. Melchor. Minuto 77. 3-7. David Castiñeiras. Minuto 79.

ÁRBITRO: Santiago Iglesias. Mostrou cartóns ao delegado Galiñanes por parte do Armenteira Veteranos e a Diego Paz e Miguel Cacabelos por parte da E.F.B. Vilanova-Caleiro.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha tarde nublada, fresca e por momentos chuviosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
.
  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos non puido vencer á E.F.B. Vilanova-Caleiro no partido que disputaron estes dous equipos no campo de O Leixo na tarde do sábado, 8 de xaneiro. No que se levaba de liga 2021/2022 o cadro verde e negro permanecía imbatido no seu feudo, pero nesta ocasión foi imposible superar a un conxunto vilanovés que firma unha traxectoria impecable nas oitos xornadas disputadas, contando por vitorias todos os partidos, con triunfos solventes en cada un destes encontros. A todas estas dificultades sumábanse as importantes baixas coas que contaban os locais, como a de Richi no lateral da defensa, a de Javi na zona de mediocentros, ou as de Suso e Rubén na zona de ataque. Con todo, foi quizais, a tenor dos resultados obtidos ata o de agora, o partido máis complicado nesta liga para a E.F.B. Vilanova-Caleiro, que chegaba a O Leixo con só cinco tantos encaixados e que recibiu tres máis no seu paso por terras do Castrove e que viviu uns intres de apuro cando os de A Armenteira se colocaron 3-4 na segunda metade. O partido foi de claro dominio visitante. Tras uns primeiros minutos de tanteo, axiña os vilanoveses asumiron o mando do xogo. En base a un fútbol de transicións rápidas, o cadro de Vilanova de Arousa imprimía un ritmo frenético nos últimos metros, apoiados na calidade de futbolistas como Melchor, Adrián Camiño e, especialmente Wenceslao, que foi un verdadeiro quebradeiro de cabeza para os locais nesta primeira metade. Jorge Castro ou Júnior ben puideron adiantar aos verdineros, pero sería Diego Paz, tras unha cabezada nun saque de curruncho, o que abriría a senda da vitoria para os das terras de Valle-Inclán. A partir de entón todo resultou máis fácil para a E.F.B. Vilanova-Caleiro, que mediante combinacións rápidas mostraba a enorme calidade dos seus homes de ataque e desarbolaba unha e outra vez á defensa local. Un gol de Jorge Castro, pouco antes do descanso, maquillaba un pouco o resultado e, tras a reanudación, a relaxación dos visitantes, escasamente adaptados ademais á superficie de terra do campo de O Leixo, unida á reacción do Armenteira Veteranos, a piques estiveron de poñer en perigo a vitoria do líder sólido do grupo. Jorge Castro transformando un penalti sobre el cometido e, de novo Jorge Castro uns minutos despois colocaban aos de Armenteira a un único tanto dos de Vilanova. Pero, outro erro clamoroso do colexiado Santiago Iglesias, moi pouco afortunado na tarde deste sábado en O Leixo, no que decretou unha falta a favor da E.F.B. Vilanova cando un futbolista visitante se mancou el só ao intentar golpear o balón e impactar contra o chan, propiciou o gol da tranquilidade para os arousáns. Adrián Camiño, un futbolista cunha extensa traxectoria nas categorías de élite do balompé comarcal, que deixou a súa pegada en equipos como o Arosa S.C., Céltiga F.C., C.D. Ribadumia ou Umia C.F., do que foi o principal referente cando fai apenas dúas temporadas o clube de Barrantes logrou o ascenso á Preferente Galicia, convertía maxistralmente o lanzamento de falta, na que é unha das súas principais especialidades. Con dous goles de desvantaxe o Armenteira Veteranos non baixou os brazos e tratou de seguir competindo. Jorge Castro, que demostrou que ten unha calidade que nada ten que envexar á dos atacantes do conxunto de Vilanova continuaba sendo a principal arma ofensiva dos verdinegros, aspecto no que tamén volveu destacar Bebeto, que ao longo do partido estrelou no longueiro dous lanzamentos a balón parado, aínda que quizais foi Sirra o futbolista máis destacado dos locais na tarde deste sábado, que uniu ao seu variado recital de paradas dotes de calidade técnica cada vez que saía da área a curtar as accións de ataque dos vilanoveses. O gardamallas de Couso baixaba o coiro co peito, controlábao co pé, e ata se atrevía a facer algún recorte antes de entregar o balón a un compañeiro para iniciar a xogada co balón a ras do chan. Incluso se atreveu a subir a rematar un córner cando o encontro chegaba á súa fin. Sen dúbida, demostrou mañas do que se esixe a un gardameta no fútbol moderno, un estilo de porteiro que tanto enarbolan adestradores de éxito a nivel mundial como Pep Guardiola ou Luis Enrique. Con esta derrota, o Armenteira Veteranos sitúase na sétima posición, con oito puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana o campo de A Lanzada para medirse ao Noalla Veteranos, pechancelas do grupo con menos tres puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario