Buscar neste blog

venres, 7 de xaneiro de 2022

O Armenteira C.F. converte a cantina de O Leixo nun paseo pola historia do fútbol na parroquia de A Armenteira

Setembro de 1995. Esa foi a data na que un equipo de fútbol participaba nunha competición oficial por primera vez. 26 anos e tres meses pasaron desde entón. Pero a historia do fútbol na parroquia de A Armenteira remóntosa moito máis atrás no tempo. Aqueles grupos de rapaces, que fai décadas lle daban patadas a un balón nos distintos lugares da parroquia, nas tardes dos domingos, ou ao longo da semana despois de colaborar na casa atendendo as leiras ou o gando, nunha época no que a economía e os xeitos de vida eran ben distintos aos da actualidade. A Corveira en Gondes, a Labradiña en Vilar ou o denominado "Molinón" en Valboa eran campos de fútbol improvisados en espazos máis ou menos amplos, libres da circulación de vehículos ou animais, nos cales se podía dar patadas un balón e practicar un deporte parecido ao fútbol. Eran outros tempos, era outra ilusión, pero os soños daquelas xeracións de rapaces cristalizaron coa fundación do Armenteira C.F. no ano 1995 e do Armenteira Veteranos unha década despois. Tendo sempre presente a cultura popular do pobo ao que representa e mostrando a unha especial sensibilidade por todo o que rodea ao mundo do fútbol a Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu pór en marcha un pequeno proxecto para dar a coñecer a historia do fútbol en A Armenteira. A idea xurdiu despois de comprobar a expectación e a nostalxia que espertaban entre as persoas que visitaban a cantina do campo de O Leixo as fotografías que se foron colgando ao longo dos últimos anos. Xentes que dunha maneira ou outra estiveron vencelladas ao clube verdinegro lembraban con emoción e sacaban a relucir anécdotas do pasado cada vez que observaban fotografías que representan distintos combinados da entidade verdinegra, desde equipos das categorías alevín, infantil ou incluso equipos femininos improvisados para disputar pachangas ou trofeos en días festivos ou na época de verán. Por este motivo, decidiron habilitar unha parte da parede da cantina para colocar fotografías de formacións do Armenteira C.F. e do Armenteira Veteranos, que van desde a temporada 1995/1996 ata os tempos actuais. Persnaxes como Julio Serén ou o malogrado Manuel Gómez "Barreiras", figuras clave na creación do clube e aos que moitos e moitas lembran con enorme cariño son protagonistas de instantáneas que, no caso das de maior antigüidade, carecen de nitidez e incluso presentan dificultades para identificar ás persoas representadas. Xunto a eles aparecen compoñentes dos equipos masculinos e femininos dos equipos de A Armenteira, acompañados de adestradores míticos do clube como Martín Casais, actual presidente do clube, Marcial Prado, Jonathan Crespo ou Valentín Estévez “Tinín”. Entre as figuras que maior emoción esperta de entre as que aparecen nas fotografías que penduran das paredes da cantina do campo de O Leixo é a da Javier Martínez Ucha “Chicho”, directivo e futbolista do Armenteira C.F. e do Armenteira Veteranos, traxicamente falecido en accidente de tráfico en novembro de 2016, e ao que tamén se lembra cunha camisola do Armenteira Veteranos que usou durante varias temporadas e que se exhibe nun dos lados da parede. A exposición fotográfica estará aberta ao público ao longo dos partidos e dos adestramentos e xa poderá contemplarse a partir da próxima fin de semana cando, na tarde do sábado, o Armenteira Veteranos reciba á E.F.B. Vilanova-Caleiro ou cando, na tarde do domingo, o equipo feminino do Armenteira C.F. reciba ao C.D. Mosteiro nun novo derbi municipal. Será unha campaña de promoción que se irá ampliando a medida que se habiliten novos espazos para a colocación de fotografías e que tamén se desenvolverá nas redes sociais, nas que a entidade verdinegra sempre se mostra especialmente activa. Co lema “Acompáñanos neste paseo pola historia do fútbol en A Armenteira. Porque queremos seguir sentindo, soñando e  escribindo a historia en verde e negro” e adornado cos logotipos habituais e representativos das campañas do clube a exposición pretende poñer en valor o papel que o chamado deporte rei tivo e ten na actualidade na parroquia e resaltar a importancia e o mérito de que existan entidades como o Armenteira C.F. ou o Armenteira Veteranos, que pasean e promocionan o nome da parroquia de A Armenteira polos campos de fútbol de Galicia e a través dos diferentes medios de comunicación.





Ningún comentario:

Publicar un comentario