Buscar neste blog

venres, 14 de xaneiro de 2022

A Liga Atlántica de Billarda chega este sábado a O Leixo

 A billarda ou estornela é un dos xogos populares con máis arraigo en Galicia. Consiste basicamente en golpear cun pau grande, denominado palán, un pau máis pequeno, a billarda propiamente dita, e enviala o máis lonxe posible. Aínda que as normas varían en función da zona xeográfica, existe un regulamento unificado pola Liga Atlántica de Billarda, unha competición que ten a súa orixe na Mariña luguesa, onde un grupo de persoas comezaron a traballar para recuperar un dos xogos populares máis tradicionais en Galicia, e que se fora deixando de practicar durante as últimas décadas. Así, desde o ano 2003 comezaron a organizarse torneos que acabaron dando lugar á creación da Liga Atlántica de Billarda, e pouco a pouco están conseguindo normalizar a práctica dunha actividade física, lúdica, cultural e deportiva de gran arraigo na nosa terra e que só se conservaba na memoria da xente de maior idade. Dividida en tres conferencias, a Conferencia Norleste, a Conferencia Noroeste e Conferencia Rías Baixas, a competición é unha liga aberta, na que calquera pode participar ou incorporarse ao longo da temporada, e disputa unha serie de xornadas durante o ano ata que, ao final da temporada celébrase a Final Liga Atlántica de Billarda, á que unicamente terán acceso aquelas persoas que lograron clasificarse polas súas respectivas conferencias.

E será a través da Conferencia Rías Baixas como chegará este sábado, 15 de xaneiro, a A Armenteira este xogo tan tradicional na nosa terra. Arredor dun centenar de participantes desprazaranse ata o campo de O Leixo para disputar a oitava xornada da Liga Atlántica de Billarda 2021/2022. Fai dous anos, en febreiro de 2020, este mesmo escenario ía recibir este singular evento, pero as condicións meteorolóxicas adversar obrigaron a trasladar a competición ao Pavillón Municipal de Deportes de Meis, en O Mosteiro. Neste caso, se a meteoroloxía o permite, arredor dun centenar de persoas iniciarán a súa participación na oitava xornada da liga en torno ás 16:00 horas. Non se trata dunha competición pechada, senón que calquera persoa que o desexe poderá participar. A organización encargarase de prestar o material necesario a quen non dispoña do mesmo, co cal, quen estea interesado en integrarse na competición, sempre que veña provisto de chándal ou roupa cómoda, soamente terá que inscribirse nas propias instalacións deportivas de O Leixo para disfrutar dunha xornada de deporte e diversión que se prolongará ao longo de toda a tarde. Coa promoción e coa colaboración do Armenteira C.F. e da Concellería de Deportes do Concello de Meis, que dirixe María Sancho, este evento convertirá este sábado a A Armenteira nunha das capitais dos xogos populares e agárdase que se congreguen en O Leixo un importante número de participantes e curiosos, que terán a posibilidade de disfrutar dunha tarde de exercicio físico nun entorno tan privilexiado e cunhas vistas tan marabillosas como o campo de O Leixo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario