A publicación, a inicios desta semana, das finalistas ao premio á mellor futbolista semiprofesional que concede a revista Galicia Sport suscitou unha gran expectación na parroquia de A Armenteira e en toda a súa contorna. Eva López, unha moza natural de A Armenteira, e formada nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F. figura no grupo das tres finalistas xunto con Ánxela Torres, do Victoria F.C., de Santiago de Compostela, e Tati Barcia do R.C. Deportivo Abanca "B". Dado que a gañadora sairá das votacións que se realicen a través da páxina web da revista, nada máis coñecerse a noticia iniciouse xa unha campaña en apoio de Eva. Foi primeiro o Umia C.F., no que milita actualmente a futbolista de O Busto, o que comezou a difudir polas aplicacións de mensaxería e a través das súas redes sociais unha campaña de apoio á candidatura de Eva. Amigas e amigos e xente que dalgún xeito coñece á xogadora ou ao seu entorno non tardaron en mobilizarse e as mensaxes a favor da futbolista, acompañadas do enlace que conduce directamente á votación, circulaban a gran velocidade polos dispositivos electrónicos. Como non podería ser doutro xeito, a súa parroquia de orixe, A Armenteira, puxo a disposición desta campaña todos os medios cos que conta. Con especial emoción se recibiu a noticia no seo do Armenteira C.F., entidade na que Eva se iniciou a súa carreira futbolística e na que permaneceu durante cinco temporadas como xogadora, ás que se sumarían posteriormente dúas máis como integrante do corpo técnico.
Como lembra Martín Casais, actual presidente do clube verdinegro e adestrador de Eva na súa traxectoria no Armenteira C.F. " Eva foi unha das primeiras compoñentes do equipo co que refundamos as categorías de fútbol base do Armenteira C.F. aló pola temporada 2008/2009". "Era un equipo de categoría benxamín do que tamén formaban parte Villa, Adrián ou Carlos, un grupo de rapaces que marcou unha época na historia do Armenteira C.F." Para Martín Casais "Eva era unha rapaza que xa desde o principio mostraba un especial interese e unha gran afección polo fútbol" Destaca o papel da súa familia, especialmente do seu pai, José López, futbolisticamente coñecido como Joseíño, un personaxe moi comprometido co fútbol na parroquia de A Armenteira e un dos fundadores do Armenteira Veteranos. A traxectoria de Eva no Armenteira C.F. estendeuse ao longo de dúas temporadas na categoría benxamín, dúas temporadas na categoría alevín e unha na categoría infantil. Tratábase dunha futbolista que destacaba especialmente pola súa calidade técnica e, a pesar de xogar un equipo mixto, no que predominaban os rapaces, sempre era unha das que máis destacaba. Segundo indica Martín Casais "aínda que é zurda, practicamente nunca a colocaba no costado esquerdo. Non era unha futbolista especialmente explosiva, polo o seu rendimento nunha banda non sería o óptimo". "Como xogabamos na modalidade de fútbol-7, adoitaba situala na parte traseira do equipo, xa que sempre fun partidario de iniciar as xogadas combinando desde a defensa e, nese sentido, Eva era a que reunía as mellores condicións para desempeñar esa función". "Unicamente nos partidos contra rivais de maior esixencia física decidía adiantar a súa posición ata a liña do medio campo, ao igual que ocorreu cando deu o paso á categoría infantil, que xa disputa na modalidade de fútbol-11", sentenciou Martín. A vistosidade e o talento de Eva non pasaban desapercibidas para moitas das persoas que por aquel entón acudían a presenciar os partidos dos equipos de formación do Armenteira C.F. A visión de xogo, o toque rápido e o bo trato do balón eran os sinais de identidade dunha xeración que tiña a esta moza como unha das súas principais referencias. Un talento que chamou a atención dos responsables da selección galega de fútbol, para a que era convocada de forma asidua para adestramentos e partidos do combinado da categoría sub-12, co que participou nalgún campionato de seleccións autonómicas, como o que tivo lugar en terras andaluzas na primavera de 2012.
Ao finalizar a temporada 2012/2013, cando cumpriu o seu primeiro ano na categoría infantil, Eva decidiu comezar unha nova aventura nun equipo constuído exclusivamente por rapazas, e enrolouse no Atlético Arousana. Alí permaneceu ata 2016, ano que se incorporou ao Umia C.F., que naquel momento comezaba a manifestarse como un clube emerxente na categoría feminina. Nas negociacións para a fichaxe de Eva foi clave a intervención de José Luis Galiñanes, presidente do Armenteira Veteranos, que nesa época ocupaba tamén a vicepresidencia da entidade de Barrantes. A relación de amizade entre Galiñanes e Joseíño, pai de Eva, ambos os dous fundadores do Armenteira Veteranos, facilitou en gran medida a chegada de Eva ao clube de A Bouza. Foi no Umia no que a futbolista de O Busto consegui relanzar a súa carreira, primeiro con Moisés Campos como adestrador, unha persoa á que sempre estivo moi unida, e logo, na temporada 2020/2021, baixo a dirección de Jito Quintana. O adestrador arousán, que tomou as rendas do equipo a metade desa mesma temporada, adiantou a posición de Eva no campo e, convertida en dianteira, a futbolista experimentou unha espectacular eclosión. Cunhas cifras goleadoras envexables, Eva leva sendo desde entón, xornada tras xornada, unha das futbolistas máis determinantes non só do Umia C.F., senón tamén do grupo da Primeira Nacional no que milita o seu conxunto.
O excepcional rendemento e as cifras goleadoras de Eva López ao longo do ano 2021 son méritos máis que suficientes para ser merecedora de ocupar un posto entre as tres aspirantes ao galardón que outorga a revista Galicia Sport. Tras partir inicialmente en desvantaxe, nos últimos días votacións preséntase moi igualadas. Ánxela Torres, a futbolista do Victoria F.C., estase mostrando como a principal rival de Eva para alcanzar o premio final. Por este motivo, a súa familia e as persoas máis achegadas á xogadora fan un chamamento a mobilizarse nunha campaña na que a parroquia de A Armenteira, o municipio de Meis e incluso a propia alcaldesa Marta Giráldez se implicaron de forma moi activa. O luns, 17 de xaneiro pecharase definitivamente a votación e se darase coñecer oficialmente a gañadora. Mentres tanto, aínda é posible dar o voto a Eva a través do enlace https://galiciasport.com/2022/01/09/futbol-mejor-jugadora-semiprofesional/
Ningún comentario:
Publicar un comentario