Buscar neste blog

luns, 3 de xaneiro de 2022

O Armenteira C.F. feminino xa coñece o calendario da segunda fase da liga 2021/2022

 A delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer na mañá deste luns, 3 de xaneiro, a composición e o calendario da segunda fase da liga 2021/2022, na modalidade de fútbol-7, na que participa o equipo feminino do Armenteira C.F. Tras unha primeira fase na que os equipos foron encadrados en grupos seguindo criterios de proximidade e na disputaron unha liguiña a unha soa volta, na segunda fase a competición disputarase a dobre volta, e os equipos foron divididos en dous grupos, en base á clasificación e á puntuación obtida na primeira fase. No grupo 1B, no que figura o Armenteira C.F. féminas, competirán tamén o Marín C.F., o C.D. Mosteiro, o Tyde F.C. "B", o San Roque Casablanca, o Cultural Areas e o Club Deportivo Agaela. Para o cadro verdinegro os desprazamentos máis longos serán Ponteareas, municipio ao que pertence o Cultural Areas, e Tui, localidade que é representada por un clube histórico como o Tyde F.C. A priori, e tendo en conta os resultados da primeira fase os favoritos a loitar polo campionato serían precisamente o Tyde F.C. "B", xunto co C.D. Mosteiro e o C.D. Agaela de Cangas do Morrazo. Con todo, neste tipo de competición con dobre fase adoita haber algunha que outra sorpresa e, dado que a primera parte da liga foi excesivamente curta, a bagaxe da primeira volta resulta insuficiente para facer unha previsión do que poida ocorrer no que resta de temporada, un argumento ao que se agarra o Armenteira C.F. para afrontar con optimismo esta nova reválida que se lle presenta. O conxunto que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado tivo que lidiar cunha serie de dificultades desde o inicio da competición. A situación derivada da pandemia, as estrictas esixencias das autoridades políticas e deportivas e a escasa preparación coa que compareceron na liga, sen tempo a realizar un período de temporada, unidas á merma de efectivos cos que iniciou a primeira fase, impediron que a escadra verde e negra puidese traballar con relativa normalidade nestes dous primeiros meses da súa temporada 2021/2022. A grave lesión de Rocío, unha das futbolistas máis importantes do equipo, que posiblemente lle impedirá disputar máis partidos nesta campaña, tratará de ser compensada coa incorporación de novas xogadoras e coa mellora do rendemento das máis veteranas, unhas bases que deberían servir para dar un impulso e refrendar a progresión que se parecía albiscar na formación feminina de O Leixo tras os primeiros partidos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario