Non é a sufocante calor nin tampouco o alto risco de incendio que segue afectando a estas terras e que vén de provocar unha terrible traxedia en Portugal os que fan que a temperatura en A Armenteira estea subindo ata límites insospeitados. O causante de todo isto non é outro que o gran acontecemento que se vivirá na parroquia na noite do 23 ao 24 de xullo. A festa de San Xoán está producindo un ascenso do termómetro da festa e da diversión como poucas veces ocorrera antes nun territorio con oitocentos habitantes pero con moitas gañas de xuntarse, traballar e colaborar na organización de eventos tan especiais coma este. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o amplo equipo de colaboradores están culminando os preparativos para unha celebración na que non faltará de nada. Sardiñas, churrasco, pan, refrescos, cervexas, viño, auga, postre, música, sorteos... e un excepcional ambiente engalanarán un acto festivo no que o gran protagonista, aínda que non o único, será o lume dunha fogueira que alumeará o campo da festa ao tempo que o son dos foguetes anunciará que o solsticio de verán tamén chegou a A Armenteira. É por elo polo que este venres vai ser un día intenso para estas xentes. Recoller a leña no monte, rematar de preparar parte do menú, colocar as grellas, as mesas, as barras... en definitiva, todo un conxunto de tarefas que realizan de forma desinteresada e unicamente movidos pola paixón e o amor que senten polo lugar que os viu nacer ou os acolleu, un lugar que sen dúbida é especial polo que é, polo que ten e, principalmente, polo que as súas xentes fan que sexa. Todo isto permítennos dicir que Armenteira está que arde non só é un dos lemas escollidos pola asociación senón que será unha realidade que fará a festa, o bo ambiente e a diversión entren en combustión o venres 23 de xuño a partires das 22 horas.
Buscar neste blog
xoves, 22 de xuño de 2017
sábado, 17 de xuño de 2017
Despedida da liga con triunfo e con festa para o equipo alevín do Armenteira C.F.
O equipo alevín do Armenteira C.F. pechou este sábado a temporada 2016/2017 coa disputa do último partido de liga do grupo 63A da Segunda fase alevín no campo de Outeiro-Perdecanai ante o Barro C.F. O cadro verdinegro exerceu paradóxicamente como local, pese a que o encontro tivo lugar no campo rival, xa que, a petición do conxunto de Barro, foi cambiada a orde dos partidos para que se puidese xogar esta última xornada no concello da comarca de Pontevedra, que estes días celebra a XXXVIII Festa do Viño. Encadrado nun extenso programa de partidos, o encontro estivo marcado pola forte calor, que condicionou o ritmo lento que xa se mantivo dende o principio. A escadra de O Leixo presentou un equipo inicial con Sergio Matilde baixo paus, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús polo costado dereito, Junior polo costado esquerdo, Íñigo de mediocentro e Brais Santamaría na punta de ataque. Tomou rapidamente a iniciativa o Armenteira C.F. ante un contricante que apenas era quen de saír do seu campo. No minuto 5 Adri culminaría unha xogada colectiva enviando ao fondo das mallas un balón que el mesmo lanzara e se lle viñera rebotado dende o poste. Sen que o rival tivese tempo a reaccionar Brais Santamaría finalizaría con gran finura unha asistencia que o deixou cara a cara ante o meta Diego Prado. O terceiro tanto sería obra de Manu Meixús tras unha internada súa que o levou ata a área rival. Co partido sentenciado os de A Armenteira trataron de rasear o coiro e intentar practicar un fútbol combinativo que non sempre foi posible realizar esta temporada. Ao tempo, os goles seguían caíndo na portería do Barro C.F. Sete a un ao descanso e doce a un ao rematar os cincuenta minutos deixan ben ás claras a comodidade da vitoria dos rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. A exquisitez foi a nota característica de boa parte destes goles. Un taconazo de Sara Rey que deixou a Íñigo só para enviar a gol ou unha perfecta vaselina de Manu Meixús son unha excelente mostra delo. Con este triunfo o conxunto verde e negro finaliza a competición na segunda posición con cincuenta e oito puntos, a catro do C. Xuventú Sanxenxo, ao supera no número de tantos anotados, 137 fronte aos 136 dos amarelos, aínda que deixa a sensación de que o campionado ben puido quedarse en A Armenteira. O potencial do equipo e o ocorrido no partido clave en O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, no que se foron ao descanso cunha vantaxe de dous goles, indican o preto que estes nenos e nenas estiveron de lograr un título de liga que non visita as vitrinas do Armenteira C.F. dende fai dezasete anos. O premio simbólico a este traballo foron as medallas e os trofeos que, no marco do programa festivo organizado polo concello de Barro, o clube e a institución municipal entregaron ao Armenteira C.F. así como aos equipos de categoría alevín e prebenxamín locais e ao equipo prebenxamín da E.F.B. Moañesa. Da man do tenente de alcalde e presidente do Barro C.F. José Sanmartín os compoñentes de estes conxuntos foron recibindo estes agasallos mentres eran reclamados polas numerosas cámaras dos aparellos electrónicos que trataban de inmortalizar o momento.
mércores, 14 de xuño de 2017
Armenteira, entre sardiñas, lume e pan
"Polo
san Xoán, a sardiña pinga no pan" é quizais o dito que mellor reflicte o que ocorre na noite máxica do 23 ao 24 de xuño. Pero o refraneiro e a rica cultura popular galega recollen moitos outros ditos referentes a esta tradicional celebración que dende tempos ancentrais conmemora o solsticio de verán: "na noite de san Xoán, bebe viño e come pan", "o día de san Xoán, é o día máis longo do verán" ou outros de ton máis festeiro coma "polo
san Xoán, as nove co día darán", "na
fogueira de San Xoán, todos caen ao chan" ou "no san
Xoán, na palangana cagarán". Todos eles fan alusión a algúns dos elementos típicos e imprescindibles nesta noite tan especial. O lume, a auga, as herbas, as sardiñas, o pan, os bailes ou o roubo das cancelas forman parte do conxunto de ritos e tradicións que século tras século que foron conformando en relación con esta festa. En A Armenteira o San Xoán sempre tivo gran arraigo. En torno ás fogueiras reuníanse as xentes das aldeas ou simplemente das casas colindantes para degustar o sabor das sardiñas á calor do lume. Logo non podían faltar as trasnadas. Cancelas, carros e diversos apeiros de labranza eran substraídos das casas e alboios e levados ata lugares visibles para que ao día seguinte puidesen ser recuperados polos seus propietarios despois da mofa e do escarnio de rigor. Dende o ano pasado este festexo tomou un carácter especial. O movemento veciñal que nacía por aquel entón decidiu impulsar esta celebración e convertila nun evento que congregase aos veciños e veciñas e reforzase ese espíritu de unidade que, coa chegada dos novos tempos e de novos hábitos de vida, pouco a pouco se foron perdendo. O éxito da primeira edición foi innegable. Máis de 400 persoas acudiron aos arredores da Casa de Cultura e disfrutaron dunha noite inesquecible. Como non podería ser doutra maneira, este ano toca repetir. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira anda estes días ultimando os preparativos dunha noite que desta volta procurará que sexa aínda máis especial. Non faltarán as sardiñas, o churrasco, o pan, a música, os foguetes e, sobre todo, o excepcional ambiente que lle da a xente desta parroquia a todos os actos nos que se reúne. Porque se falamos de maxia e se falamos de festa, A Armenteira é sen dúbida un territorio único e singular.
xoves, 8 de xuño de 2017
Peche de temporada coa ollada posta no futuro
Hai idades e categorías que son especialmente compricadas para os clubes de fútbol. Os estudos, o traballo ou as diversas visicitudes relacionadas coa adolescencia fan que a partires da categoría infantil os clubes teñan serias dificultades para completar ou sequera formar equipos. Tal é o caso que a Federación Galega de Fútbol chegou a recibir propostas para organizar competicións para estas categorías na modalidade de fútbol-7 ou fútbol-8. O Armenteira C.F. non é un caso aparte. De feito, a inicios da temporada que está a piques de rematar intentou formar un equipo xuvenil. Tras varias reunións, negociacións para incorporar fichaxes, conversas outros clubes da da comarca... non foi posible e tivo que desbotar esta opción. Pero a idea non decaiu na mente dos dirixentes da entidade de O Leixo e, con vistas a próxima campaña, volven retomar a iniciativa. Desta ocasión trátase dun proxecto complexo, que abrangue tanto aos xogadores de idade cadete coma aos de idade xuvenil, e que ten un plantexamento inclusivo e acorde co carácter familiar que sempre caracterizou ao Armenteira C.F. O número de equipos a constituír dependerá da cantidade de efectivos, pero segundo sinalan, os seus esforzos centraranse en garantir que todos e cada un destes mozos teña un equipo no que xogar. Para elo, e tras uns días de deseño, planificación e posta en común das distintas opinións respecto do asunto, este venres día 9 de xuño, a partires das 20:30 horas, nas instalacións do campo de O Leixo, terá lugar unha reunión cos futbolistas interesados para dar a coñecer e perfilar este proxecto. Para aderezar este acto disputarase previamente un partido amigable entre o equipo local de categoría infantil e o C. Xuventú Sanxenxo, que servirá de peche de temporada para o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín". Tras o encontro estes rapaces e rapazas, xunto cos seus pais, uniranse á xuntanza á que foron convocados os mozos de categoría xuvenil e poderán escoitar e valorar a iniciativa. E todos eles, xunto cos compoñentes do equipo infantil do C. Xuventú de Sanxenxo, poderán disfrutar a continuación dunha pequena festa de peche de campaña, na que non poderán faltar os pinchos e o bo ambiente polo que é recoñecido o Armenteira C.F. Pretende ser, en definitiva, un evento no que se faga balance do pasado, se analice e debata o presente e, sobre todo, se trace entre todos e todas un plan que teña a ollada posta no futuro dun clube que non quere deixar de medrar.
luns, 5 de xuño de 2017
Remontada entre a néboa do equipo alevín do Armenteira C.F. ante o C. Xuventude Cambados
O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou unha importante e traballada vitoria no partido disputado na tarde deste luns ante o C. Xuventude Cambados no campo de O Leixo. O partido estivo marcado pola intensa néboa que cubría as instalacións deportivas de O Leixo, un feito que soe ocorrer con relativa frecuencia, pero que nesta temporada apenas fixera acto de presenza. Tras varias deliberacións e con máis de media hora de retraso sobre o horario previsto, o colexiado Vidal Cousido, de acordo cos adestradores de ámbolos dous conxuntos, decidiu que o encontro se iniciase. Con Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri de centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polos costados, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría o Armenteira C.F. saiu con pouca intensidade ao terreo de xogo, o cal que foi aproveitado polos cambadeses para tomar unha vantaxe de dous goles cando apenas se levaban seis minutos disputados. Non tardou en reaccionar o cadro local, que se lanzou na procura da meta defendida de Roi Trigo, aínda que con máis corazón que cabeza. As présas por culminar as xogadas e as imprecisións provocadas polo mal estado da superficie do campo impedían que o dominio local dese os seus froitos. Sería Junior, remachando sobre a liña de gol, o que abrise a lata dos da vila do albariño. Todo parecía menos compricado dende entón e un disparo de Manu Meixús era enviado ao interior da súa propia portería por un defensor do C. Xuventude Cambados cando o balón se ía cara afora. Na segunda metade, os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral sairon decididos a culminar a remontada. De novo a falta de fortuna e puntería parecían desesperar á afección local, que vía como o balón se paseaba por diante a portería contraria unha e outra vez, pero non daba chegado á rede. E ao igual que ocorriu na épica remontada de Cotobade, sería Javi, convertido nun habiloso interior esquerdo, o que se encargaría de iniciar a reacción do seu equipo colocando un balón raseado no fondo das mallas de Roi Trigo. Xa coa maior tranquilidade que daba o marcador, e tras uns minutos de relativo relax, o Armenteira C.F. volveu ao ataque, e nunha das numerosas ocasións das que disfrutou na recta final do encontro, Fran, coa axuda dun defensor amarelo, que desviou a traxectoria do coiro, despistando ao meta cambadés, acadaría o cuarto e definitivo gol para a seu conxunto. Este triunfo por catro tantos a dous sitúa como líder provisional á escadra alevín do Armenteira C.F., á espera de que se dispute o partido aprazado da fin de semana entre o C. Xuventú Sanxenxo e o Catoira S.D., e que terá lugar este mércores 7 de xuño no campo de Baltar de Arriba. Con todo, as miras do cadro verdinegro están xa postas na próxima fin de semana, e no partido que os medirá o domingo 11 ao C.D. Lérez, oitavo clasificado con dezanove puntos, a partires das 11:00 horas no campo de O Carrasco, en Marcón, e ao que se chegará tras unha semana de adestramentos atípica, pois boa parte do plantel estará ausente a causa dunha excursión escolar.
sábado, 3 de xuño de 2017
O equipo alevín do Armenteira C.F., campion da final de consolación do IV Torneo de fútbol.8 C.D. Ribadumia
O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou proclamarse campión da final de consolación do IV Torneo de fútbol-8 C.D. Ribadumia. O cadro que adestra Luis Barral, nesta ocasión dirixido por Jonathan Crespo, realizou un campionato extraordinariamente serio e demostrou o talento e a valía tanto individual como colectiva que atesouran este grupo de xogadores e xogadoras. Encadrados no grupo B xunto a Arousa S.C., E.F. Lalín e E.F. Villa de Marín, no primeiro encontro impuxéronse ao Arousa S.C. por tres goles a un nun partido de claro dominio verdinegro e no que só unha decisión defensiva dos de A Armenteira permitiu aos arousistas anotar o seu único tanto. Este tanto reforzou a moral dos vilagarciáns, pero de pouco lle serviu, xa que os goles de Junior, Brais Santamaría e Adri foron inalcanzables para o conxunto branquiamarelo. Máis compricada foi para o Armenteira C.F. a segunda cita da mañá. Garantida a clasificación para a seguinte fase, un inicio de partido dubitativo e a falta de motivación, foron claves para que a E.F. Lalín enseguida tomase vantaxe. O resultado de oito goles a cero, a todas luces demasiado abultado, deixaba definitavemente como líder de grupo ao cadro da comarca de O Deza. A ausencia a última hora da E.F. Villa de Marín obrigou a reducir a tres equipos o grupo, co que nos partidos que se debían enfrontar as de Vilaxoán os rivais recibían un triunfo por tres goles a cero. Con seis puntos no taboleiro e clasificados no segundo posto, a escadra verde e negra tivo que disputar pola tarde unha fase de consolación na que se repetiron duelos da liguiña de grupos e, nas semifinais, Arousa S.C. e Armenteira C.F. e Tyde F.C. e C. Vilagarcía S.D. mediron o seu potencial. O maior poderío físico e a superioridide nos metros finais permitiron que o conxunto verdinegro vencese con relativa comodidade por dous goles a cero, con tantos de Brais Santamaría e Íñigo. Todo quedaba por decidir na gran final. O C. Vilagarcía S.D. aparentaba ser un máis ca duro escollo para os rapaces e rapazas que dirixiu Jonathan Crespo. A presenza na punta de ataque de Ruibo, un neno que militou fai uns anos no fútbol base de O Leixo, era unha das principais preocupacións do corpo técnico dos de A Armenteira. Pero a súa impresionante pegada axiña lle permitiu porse cunha vantaxe de tres goles a cero, e a solidadaridade, a seguridade defensiva e o excelente traballo en equipo contribuíron tamén a que o Armenteira C.F. acabase vencendo por cinco goles a un e se proclamase campión da final de consolación. Manu Meixús por partida dobre, Brais Santamaría e Adri foron os autores dos tantos. As facianas de ilusión e emoción dos futbolistas verdinegros foron en aumento a media que se achegaba o momento da entrega de trofeos. Os tres capitáns do equipo, Íñigo, Adri e Manu Meixús, foron os encargados de coller de mans do edil de Medio Ambiente no concello de Ribadumia unha copa que supón o merecido agasallo ao excelente traballo que se está e se vén facendo nas últimas temporadas con este grupo de futbolistas. A copa, que sorprendeu polo elevado do seu tamaño, pasará a ingresar unhas vitrinas do campo de O Leixo que comezan a quedar escasas dada a profusión na participación ou organización deste tipo de eventos por parte do Armenteira C.F.
venres, 2 de xuño de 2017
Tempos de reflexión e planificación
Cando aínda a temporada 2016/2017 non chegou á súa fin, e co equipo alevín en plena disputa polo campionato de liga nunha emocionante recta final do grupo 63A da Segunda fase alevín, o Armenteira C.F. atópase estes días nuns tempos de reflexión, pero tamén de planificación. De reflexión tras unha longa campaña na que, con catro equipos en competición, a entidade de O Leixo deu un paso adiante máis no proceso de crecemento que leva experimentando durante os últimos anos. A aposta por Valentín Estévez "Tilín" como responsable do equipo infantil, a fichaxe de Luis Barral, na compaña da súa filla Alba, como encargados dos equipos benxamín e alevín, ou a novidosa e arriscada saída á competición dun conxunto sénior feminino son algúns dos puntos de partida dunha temporada que volverá a ser histórica para o clube. Con todo, o balance definitivo terán que facelo cando lle dea definitivamente por rematada esta longa singladura, e cando, como vén sendo tradicional, se celebre a reunión cos pais, nais e demais representantes da masa social que servirá para pechar oficialmente a campaña. Mentres tanto, a Xunta Directiva que preside Martín Casais comeza a planificar o novo proxecto. Confirmada a continuidade do actual corpo técnico, os esforzos céntranse agora en ampliar o plantel de xogadores e xogadoras, especialmente naquelas categorías onde o número de efectivos vai ser máis escaso. A consolidación dos conxuntos feminino e de fútbol-8 e a creación do equipos para a categoría cadete e xuvenil capitalizan a labor de deseño do curso futbolístico que se iniciará o vindeiro mes de agosto. O atractivo que supón a exención de calquera cota de inscrición, un aspecto que distingue ao Armenteira C.F. dos demais clubes, así como o trato agradable e o ambiente familiar que sempre caracterizaron á entidade, unido á serierade e ao rigor no traballo, de seguro que permitirán realizar máis incorporacións. Como sempre ocorre nestas datas, volven xurdir os rumores sobre o interese doutros clubes polos futbolistas verdinegros, aínda que os dirixentes, con sobrada experiencia nestas situacións, apelan a que todos actúen co respecto e a corrección da que fai gala o Armenteira C.F., dando prioridade en todo momento á liberdade de decisión que deben ter nestes casos os xogadores e xogadoras.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)











