Buscar neste blog

sábado, 17 de xuño de 2017

Despedida da liga con triunfo e con festa para o equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. pechou este sábado a temporada 2016/2017 coa disputa do último partido de liga do grupo 63A da Segunda fase alevín no campo de Outeiro-Perdecanai ante o Barro C.F. O cadro verdinegro exerceu paradóxicamente como local, pese a que o encontro tivo lugar no campo rival, xa que, a petición do conxunto de Barro, foi cambiada a orde dos partidos para que se puidese xogar esta última xornada no concello da comarca de Pontevedra, que estes días celebra a XXXVIII Festa do Viño. Encadrado nun extenso programa de partidos, o encontro estivo marcado pola forte calor, que condicionou o ritmo lento que xa se mantivo dende o principio. A escadra de O Leixo presentou un equipo inicial con Sergio Matilde baixo paus, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús polo costado dereito, Junior polo costado esquerdo, Íñigo de mediocentro e Brais Santamaría na punta de ataque. Tomou rapidamente a iniciativa o Armenteira C.F. ante un contricante que apenas era quen de saír do seu campo. No minuto 5 Adri culminaría unha xogada colectiva enviando ao fondo das mallas un balón que el mesmo lanzara e se lle viñera rebotado dende o poste. Sen que o rival tivese tempo a reaccionar Brais Santamaría finalizaría con gran finura unha asistencia que o deixou cara a cara ante o meta Diego Prado. O terceiro tanto sería obra de Manu Meixús tras unha internada súa que o levou ata a área rival. Co partido sentenciado os de A Armenteira trataron de rasear o coiro e intentar practicar un fútbol combinativo que non sempre foi posible realizar esta temporada. Ao tempo, os goles seguían caíndo na portería do Barro C.F. Sete a un ao descanso e doce a un ao rematar os cincuenta minutos deixan ben ás claras a comodidade da vitoria dos rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. A exquisitez foi a nota característica de boa parte destes goles. Un taconazo de Sara Rey que deixou a Íñigo só para enviar a gol ou unha perfecta vaselina de Manu Meixús son unha excelente mostra delo. Con este triunfo o conxunto verde e negro finaliza a competición na segunda posición con cincuenta e oito puntos, a catro do C. Xuventú Sanxenxo, ao supera no número de tantos anotados, 137 fronte aos 136 dos amarelos, aínda que deixa a sensación de que o campionado ben puido quedarse en A Armenteira. O potencial do equipo e o ocorrido no partido clave en O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, no que se foron ao descanso cunha vantaxe de dous goles, indican o preto que estes nenos e nenas estiveron de lograr un título de liga que non visita as vitrinas do Armenteira C.F. dende fai dezasete anos. O premio simbólico a este traballo foron as medallas e os trofeos que, no marco do programa festivo organizado polo concello de Barro, o clube e a institución municipal entregaron ao Armenteira C.F. así como aos equipos de categoría alevín e prebenxamín locais e ao equipo prebenxamín da E.F.B. Moañesa. Da man do tenente de alcalde e presidente do Barro C.F. José Sanmartín os compoñentes de estes conxuntos foron recibindo estes agasallos mentres eran reclamados polas numerosas cámaras dos aparellos electrónicos que trataban de inmortalizar o momento.









Ningún comentario:

Publicar un comentario