Buscar neste blog

xoves, 8 de xuño de 2017

Peche de temporada coa ollada posta no futuro

Hai idades e categorías que son especialmente compricadas para os clubes de fútbol. Os estudos, o traballo ou as diversas visicitudes relacionadas coa adolescencia fan que a partires da categoría infantil os clubes teñan serias dificultades para completar ou sequera formar equipos. Tal é o caso que a Federación Galega de Fútbol chegou a recibir propostas para organizar competicións para estas categorías na modalidade de fútbol-7 ou fútbol-8. O Armenteira C.F. non é un caso aparte. De feito, a inicios da temporada que está a piques de rematar intentou formar un equipo xuvenil. Tras varias reunións, negociacións para incorporar fichaxes, conversas outros clubes da da comarca... non foi posible e tivo que desbotar esta opción. Pero a idea non decaiu na mente dos dirixentes da entidade de O Leixo e, con vistas a próxima campaña, volven retomar a iniciativa. Desta ocasión trátase dun proxecto complexo, que abrangue tanto aos xogadores de idade cadete coma aos de idade xuvenil, e que ten un plantexamento inclusivo e acorde co carácter familiar que sempre caracterizou ao Armenteira C.F. O número de equipos a constituír dependerá da cantidade de efectivos, pero segundo sinalan, os seus esforzos centraranse en garantir que todos e cada un destes mozos teña un equipo no que xogar. Para elo, e tras uns días de deseño, planificación e posta en común das distintas opinións respecto do asunto, este venres día 9 de xuño, a partires das 20:30 horas, nas instalacións do campo de O Leixo, terá lugar unha reunión cos futbolistas interesados para dar a coñecer e perfilar este proxecto. Para aderezar este acto disputarase previamente un partido amigable entre o equipo local de categoría infantil e o C. Xuventú Sanxenxo, que servirá de peche de temporada para o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín". Tras o encontro estes rapaces e rapazas, xunto cos seus pais, uniranse á xuntanza á que foron convocados os mozos de categoría xuvenil e poderán escoitar e valorar a iniciativa. E todos eles, xunto cos compoñentes do equipo infantil do C. Xuventú de Sanxenxo, poderán disfrutar a continuación dunha pequena festa de peche de campaña, na que non poderán faltar os pinchos e o bo ambiente polo que é recoñecido o Armenteira C.F. Pretende ser, en definitiva, un evento no que se faga balance do pasado, se analice e debata o presente e, sobre todo, se trace entre todos e todas un plan que teña a ollada posta no futuro dun clube que non quere deixar de medrar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario