"Polo
san Xoán, a sardiña pinga no pan" é quizais o dito que mellor reflicte o que ocorre na noite máxica do 23 ao 24 de xuño. Pero o refraneiro e a rica cultura popular galega recollen moitos outros ditos referentes a esta tradicional celebración que dende tempos ancentrais conmemora o solsticio de verán: "na noite de san Xoán, bebe viño e come pan", "o día de san Xoán, é o día máis longo do verán" ou outros de ton máis festeiro coma "polo
san Xoán, as nove co día darán", "na
fogueira de San Xoán, todos caen ao chan" ou "no san
Xoán, na palangana cagarán". Todos eles fan alusión a algúns dos elementos típicos e imprescindibles nesta noite tan especial. O lume, a auga, as herbas, as sardiñas, o pan, os bailes ou o roubo das cancelas forman parte do conxunto de ritos e tradicións que século tras século que foron conformando en relación con esta festa. En A Armenteira o San Xoán sempre tivo gran arraigo. En torno ás fogueiras reuníanse as xentes das aldeas ou simplemente das casas colindantes para degustar o sabor das sardiñas á calor do lume. Logo non podían faltar as trasnadas. Cancelas, carros e diversos apeiros de labranza eran substraídos das casas e alboios e levados ata lugares visibles para que ao día seguinte puidesen ser recuperados polos seus propietarios despois da mofa e do escarnio de rigor. Dende o ano pasado este festexo tomou un carácter especial. O movemento veciñal que nacía por aquel entón decidiu impulsar esta celebración e convertila nun evento que congregase aos veciños e veciñas e reforzase ese espíritu de unidade que, coa chegada dos novos tempos e de novos hábitos de vida, pouco a pouco se foron perdendo. O éxito da primeira edición foi innegable. Máis de 400 persoas acudiron aos arredores da Casa de Cultura e disfrutaron dunha noite inesquecible. Como non podería ser doutra maneira, este ano toca repetir. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira anda estes días ultimando os preparativos dunha noite que desta volta procurará que sexa aínda máis especial. Non faltarán as sardiñas, o churrasco, o pan, a música, os foguetes e, sobre todo, o excepcional ambiente que lle da a xente desta parroquia a todos os actos nos que se reúne. Porque se falamos de maxia e se falamos de festa, A Armenteira é sen dúbida un territorio único e singular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario