O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou unha importante e traballada vitoria no partido disputado na tarde deste luns ante o C. Xuventude Cambados no campo de O Leixo. O partido estivo marcado pola intensa néboa que cubría as instalacións deportivas de O Leixo, un feito que soe ocorrer con relativa frecuencia, pero que nesta temporada apenas fixera acto de presenza. Tras varias deliberacións e con máis de media hora de retraso sobre o horario previsto, o colexiado Vidal Cousido, de acordo cos adestradores de ámbolos dous conxuntos, decidiu que o encontro se iniciase. Con Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri de centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polos costados, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría o Armenteira C.F. saiu con pouca intensidade ao terreo de xogo, o cal que foi aproveitado polos cambadeses para tomar unha vantaxe de dous goles cando apenas se levaban seis minutos disputados. Non tardou en reaccionar o cadro local, que se lanzou na procura da meta defendida de Roi Trigo, aínda que con máis corazón que cabeza. As présas por culminar as xogadas e as imprecisións provocadas polo mal estado da superficie do campo impedían que o dominio local dese os seus froitos. Sería Junior, remachando sobre a liña de gol, o que abrise a lata dos da vila do albariño. Todo parecía menos compricado dende entón e un disparo de Manu Meixús era enviado ao interior da súa propia portería por un defensor do C. Xuventude Cambados cando o balón se ía cara afora. Na segunda metade, os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral sairon decididos a culminar a remontada. De novo a falta de fortuna e puntería parecían desesperar á afección local, que vía como o balón se paseaba por diante a portería contraria unha e outra vez, pero non daba chegado á rede. E ao igual que ocorriu na épica remontada de Cotobade, sería Javi, convertido nun habiloso interior esquerdo, o que se encargaría de iniciar a reacción do seu equipo colocando un balón raseado no fondo das mallas de Roi Trigo. Xa coa maior tranquilidade que daba o marcador, e tras uns minutos de relativo relax, o Armenteira C.F. volveu ao ataque, e nunha das numerosas ocasións das que disfrutou na recta final do encontro, Fran, coa axuda dun defensor amarelo, que desviou a traxectoria do coiro, despistando ao meta cambadés, acadaría o cuarto e definitivo gol para a seu conxunto. Este triunfo por catro tantos a dous sitúa como líder provisional á escadra alevín do Armenteira C.F., á espera de que se dispute o partido aprazado da fin de semana entre o C. Xuventú Sanxenxo e o Catoira S.D., e que terá lugar este mércores 7 de xuño no campo de Baltar de Arriba. Con todo, as miras do cadro verdinegro están xa postas na próxima fin de semana, e no partido que os medirá o domingo 11 ao C.D. Lérez, oitavo clasificado con dezanove puntos, a partires das 11:00 horas no campo de O Carrasco, en Marcón, e ao que se chegará tras unha semana de adestramentos atípica, pois boa parte do plantel estará ausente a causa dunha excursión escolar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario