Buscar neste blog

xoves, 22 de xuño de 2017

Armenteira está que arde

Non é a sufocante calor nin tampouco o alto risco de incendio que segue afectando a estas terras e que vén de provocar unha terrible traxedia en Portugal os que fan que a temperatura en A Armenteira estea subindo ata límites insospeitados. O causante de todo isto non é outro que o gran acontecemento que se vivirá na parroquia na noite do 23 ao 24 de xullo. A festa de San Xoán está producindo un ascenso do termómetro da festa e da diversión como poucas veces ocorrera antes nun territorio con oitocentos habitantes pero con moitas gañas de xuntarse, traballar e colaborar na organización de eventos tan especiais coma este. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o amplo equipo de colaboradores están culminando os preparativos para unha celebración na que non faltará de nada. Sardiñas, churrasco, pan, refrescos, cervexas, viño, auga, postre, música, sorteos... e un excepcional ambiente engalanarán un acto festivo no que o gran protagonista, aínda que non o único, será o lume dunha fogueira que alumeará o campo da festa ao tempo que o son dos foguetes anunciará que o solsticio de verán tamén chegou a A Armenteira. É por elo polo que este venres vai ser un día intenso para estas xentes. Recoller a leña no monte, rematar de preparar parte do menú, colocar as grellas, as mesas, as barras... en definitiva, todo un conxunto de tarefas que realizan de forma desinteresada e unicamente movidos pola paixón e o amor que senten polo lugar que os viu nacer ou os acolleu, un lugar que sen dúbida é especial polo que é, polo que ten e, principalmente, polo que as súas xentes fan que sexa. Todo isto permítennos dicir que Armenteira está que arde non só é un dos lemas escollidos pola asociación senón que será unha realidade que fará a festa, o bo ambiente e a diversión entren en combustión o venres 23 de xuño a partires das 22 horas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario