Buscar neste blog

venres, 2 de xuño de 2017

Tempos de reflexión e planificación

Cando aínda a temporada 2016/2017 non chegou á súa fin, e co equipo alevín en plena disputa polo campionato de liga nunha emocionante recta final do grupo 63A da Segunda fase alevín, o Armenteira C.F. atópase estes días nuns tempos de reflexión, pero tamén de planificación. De reflexión tras unha longa campaña na que, con catro equipos en competición, a entidade de O Leixo deu un paso adiante máis no proceso de crecemento que leva experimentando durante os últimos anos. A aposta por Valentín Estévez "Tilín" como responsable do equipo infantil, a fichaxe de Luis Barral, na compaña da súa filla Alba, como encargados dos equipos benxamín e alevín, ou a novidosa e arriscada saída á competición dun conxunto sénior feminino son algúns dos puntos de partida dunha temporada que volverá a ser histórica para o clube. Con todo, o balance definitivo terán que facelo cando lle dea definitivamente por rematada esta longa singladura, e cando, como vén sendo tradicional, se celebre a reunión cos pais, nais e demais representantes da masa social que servirá para pechar oficialmente a campaña. Mentres tanto, a Xunta Directiva que preside Martín Casais comeza a planificar o novo proxecto. Confirmada a continuidade do actual corpo técnico, os esforzos céntranse agora en ampliar o plantel de xogadores e xogadoras, especialmente naquelas categorías onde o número de efectivos vai ser máis escaso. A consolidación dos conxuntos feminino e de fútbol-8 e a creación do equipos para a categoría cadete e xuvenil capitalizan a labor de deseño do curso futbolístico que se iniciará o vindeiro mes de agosto. O atractivo que supón a exención de calquera cota de inscrición, un aspecto que distingue ao Armenteira C.F. dos demais clubes, así como o trato agradable e o ambiente familiar que sempre caracterizaron á entidade, unido á serierade e ao rigor no traballo, de seguro que permitirán realizar máis incorporacións. Como sempre ocorre nestas datas, volven xurdir os rumores sobre o interese doutros clubes polos futbolistas verdinegros, aínda que os dirixentes, con sobrada experiencia nestas situacións, apelan a que todos actúen co respecto e a corrección da que fai gala o Armenteira C.F., dando prioridade en todo momento á liberdade de decisión que deben ter nestes casos os xogadores e xogadoras.




Ningún comentario:

Publicar un comentario