Buscar neste blog

martes, 31 de decembro de 2019

Un ano de cambios, tamén para A Armenteira

O ano 2019 foi para A Armenteira un ano de cambios, evolucións, pero tamén de permanencias. Con todo, foron os primeiros, pola súa trascendencia, os que marcaron o rumbo dunha parroquia que volveu dar moito que falar ao longo do ano. ARMENTEIRA, CON VOZ PROPIA estivo sempre pendente das noticias de prensa, de páxinas e portais de internet, ou tratou de cubrir a información de interese sobre a nosa parroquia ou a nosa xente con publicacións propias.

O ano comezaba para A Armenteira cos actos de conmemoración do trinta aniversario de Club de Golf Chan do Fento. Tamén no mes de xaneiro, a parroquia volvía vestirse de festa un ano máis para celebrar as tradicionais festas na honra de San Antonio Abad. Xa en febreiro, Mónica e Juan, xerentes do establecemento de hostalería Made in Fofán eran noticia por participar no concurso de televisión Bienvenidos a mi hotel, da cadena Cuatro, co que contribuían a promocionar este novo aínda que xa emblemático negocio situado no territorio de A Armenteira. Nese mesmo mes a Deputación Provincial de Pontevedra presentaba unha guía dos mosteiros da provincia, na que o mosteiro cisterciense da nosa parroquia, como non podería ser doutro xeito, ocupaba un lugar destacado. Cara a final de mes a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira organizaba un obradoiro de trampeo de vespa velutina, esa especie invasora que tanto dano está causando ao noso ecosistema. O mes de febreiro remataba cunha noticia que, a pesares de ser agardada, provocou gran expectación. Serafín Melón, ex-presidente do Armenteira C.F. e presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan do Monte, anunciaba a presentación da súa candidatura como cabeza de lista dunha agrupación política ás eleccións municipais que ían ter lugar en maio. Aínda no inverno, pero xa no mes de marzo, A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira comezaba a facer público o seu proxecto de horta ecolóxica comunitaria, ao tempo que buscaba participantes para darlle un maior impulso á idea. Por esa época a presenza de cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e nas vías de circulación convertíanse nun serio perigo e nunha preocupación para a veciñanza. A asemblea da asociación veciñal trataríao a finais de marzo como un dos seus principais puntos, e os diversos medios de comunicación abordarán o asunto en varias noticias. Marzo finalizaba cunha trascendental reunión, convocada pola A.N.P.A O Loureiro, á que acudiu o entón alcalde do Concello de Meis, José Luis Pérez Estévez, o na que se debatiron aspectos de vital importancia de cara ao futuro deste centro educativo.

Xa en primavera, A Armenteira convertíase nun gran centro de atención mediática coa gravación e emisión dunha reportaxe por parte do programa España Directo. Un equipo da canle RTVE desprazouse ata a nosa parroquia para abordar a problemática relacionada cos cabalos mostrencos que vagan polo monte Castrove, e ademais aproveitou para dar a coñecer aos telespectadores e telespectadoras as nosas paisaxes e algúns detalles sobre a forma de vida das xentes de A Armenteira. Días despois a parroquia e o Concello de Meis en xeral, pero particularmente o Armenteira C.F. conmovíanse polo falecemento en accidente de tráfico de Lucas Pérez, un mozo que durante varias temporadas vestira a camiseta verdinegra, e que perdía a vida tras unha brutal colisión na rotonda de San Simón, en Vilanova de Arousa. Nese mes os lobos empezaban a facer a súa aparición polo entorno do monte Castrove, devorando algún exemplar de gando que pastaba pola zona. Cara a final de mes A Armenteira preparábase novamente para celebrar unha das súas festas de maior raigame. Coa Semana Santa a parroquia disfrutaba das festas máis multitudinarias das que teñen lugar por estes lares, en especial coa celebración da popular romaría na honra da Virxe das Cabezas. O mes remataba con suceso que sorprendeu de madrugada aos veciños e veciñas do lugar de Couso: o incendio dunha nave, antigamente un taller mecánico e que nos últimos tempos se viña utilizando como estaleiro. Todas as hipóteses apuntaron entón a que o suceso tiña vínculos co narcotráfico, ao estar relacionada esta construción con David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, e condenado por participar en operacións de tráfico de drogas e de blanqueo dos capitais procedentes destas actividades. A finais de abril era noticia tamén a celebración de competicións correspondentes á Copa Galicia no Campo de Golf de Meis, ubicado no lugar de Silván. Xa no mes de maio chegaba a cita con outras das festas máis populares das que existen en A Armenteira: o San Xosé Obreiro. Gondes, As Pereiras, Cabeza de Boi e As Congostras lucían as súas mellores galas para vivir un ano máis a festa en torno á capela que se sitúa a carón da estrada que conduce ao mosteiro cisterciense. A primavera remataba de forma intensa. No plano deportivo o equipo infantil do Armenteira C.F. lograba proclamarse campión de liga da Segunda Autonómica Infantil, un feito histórico e tremendamente meritorio, que tivo o seu punto culminante tras un partido de infarto en Barro, e que tras a clara vitoria fronte ao Caldas C.F. no último encontro da competición, deu o título ao conxunto dirixido por Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. No plano político tampouco faltou emoción. As eleccións municipais do 29 de maio presentábanse aparentemente moi igualadas. E así foi. Despois dunha vibrante campaña electoral, o Partido Popular perdía maioría absoluta na Corporación Municipal do Concello de Meis. Unha alianza de goberno entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego outorgaba o bastón de alcaldesa a Marta Giráldez, a primeira muller na historia do municipio meisino en ocupar ese cargo. Poñíase fin así a cuarenta anos de mando das forzas conservadoras, que acapararan o poder no Concello nos cuarenta anos de democracia que sucederan á morte de Franco. A representación de A Armenteira nos plenos municipais quedaba agora en mans de Martín Casais, que formaba parte da candidatura do PSdeG-PSOE, nomeado concelleiro de Medio Ambiente, Servizos Socias e Sanidade, e que obstentaría ademais unha tenencia de alcaldía. Pola súa contra, nos bancos da oposición quedaría Ramón Prado, membro da candidatura do Partido Popular, pero que asimesmo ten encomendado un importante labor durante os próximos catro anos. Por escaso marxe de votos non conseguiu representación Serafín Melón, que encabezada a listaxe de Independientes por Meis, como tampouco o lograron outros candidatos e candidatas que nutrías as formacións que concurriron aos comicios, agás o Bloque Nacionalista Galego, que non albergaba ningunha persoa veciña ou natural de A Armenteira nas súas papeletas.

Co verán en curso, as noticias sobre accidentes no entorno de A Armenteira, en concretamente na Ruta da Pedra e da Auga aparecían de novo nos medios de comunicación. Era o caso dunha muller accidentada nunha zona de difícil acceso, o que obrigou a poñer en marcha un compricado mecanismo de rescate. A homenaxe aos rapaces e rapazas do equipo infantil do Armenteira C.F. ocupaba a nosa atención a mediados de xuño, cando tivo lugar a entrega da copa do campionato da Segunda Autonómica Infantil, á que acudiu unha ampla representación do clube, co plantel vencedor á fronte, e na que tiveron estiveron presentes autoridades do Concello e da Real Federación Galega de Fútbol. Finalizaba xuño con outra cita clave no panorama festivo anual da parroquia: o San Xoán. As previsións de mal tempo fixeron que a entidade organizadora, a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, trasladase a data de celebración da noite do 23 ao 24 de xuño á noite de San Pedro, ou o que é o mesmo, á noite do 28 ao 29 de xuño. O evento volveu reunir a un importante número de persoas para gozar das sardiñas, do pan, do churrasco, da música ou dun excelente ambiente arredor do lume da fogueira. O bo tempo animaba a práctica do deporte, e xa no mes de xullo, no campo Municipal de Meis, disputábase o I Torneo Interparroquial do Concello de Meis. No evento, organizado polo C.D. Mosteiro, participou un equipo representativo de A Armenteira, aínda que sen moita fortuna en canto a resultados. O triunfo final sería para o conxunto da parroquia de San Lourenzo de Nogueira. Tampouco se detiña a actividade municipal e, primeiro no Auditorio do Centro Multitusos de O Mosteiro, e logo na Casa de Cultura de A Armenteira, levábase a cabo a exposición das bases da concentración parcelaria. Numerosas persoas asistiron ás charlas e ás consultas cos representantes da empresa responsable para coñecer e efectuar as reclamacións oportunas que pechaban a fase do proceso á que seguirá a de reparto das respectivas parcelas. Tamén era noticia en xullo o paso da BTT Callos pola nosa parroquia, coa colocación dun punto de avituallamento nas proximidades do mosteiro cisterciense, unha tarefa coordinada de novo con gran éxito polo clube Armenteira e Punto. Por esa época chegaba ás oficinas do Concello a proposta de realización dun mercado medieval en A Armenteira, unha iniciativa que finalmente non puido saír adiante. O que si se realizou de novo foi a expedición ao programa da CRTVG Bamboleo. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o Armenteira C.F. encargábase de enviar por segundo ano consecutivo a un grupo de persoas da parroquia e arredores ao Plató 1.000, en Montouto, no Concello de Teo. Nesta ocasión, a actuación de Manolo García Vázquez nun dos concursos musicais deste espazo televisivo foi unha das notas máis chamativas, aínda que para a lembranza quedará a activa participación na expedición, tamén por segundo ano consecutivo, de Carmen Buceta "Crucita", unha veciña da parroquia de San Salvador que falecería de forma tráxica no mes de decembro. No mes de xullo destacaron ademais noticias a celebración da III Semana de Ouro do Albariño no campo de golf de Meis ou o paso por A Armenteira dun grupo de artistas chineses que inmortalizaron a súa experiencia nuns retratos que formarían parte dunha exposición itinerante. O mes de agosto foi algo máis tranquilo en canto a noticias. A reunión entre a Xunta Directiva do Armenteira C.F. e os pais e nais do nenos e nenas do equipo infantil servía para marcar o rumbo da entidadade na temporada que comezaba. Diversas dificultades, sobre todo en relación coa escaseza de efectivos para configurar un equipo, facían que despois de moitos anos o clube quedase sen representación nas categorías de fútbol base. Daban que falar tamén os continuos avistamentos de niños de vespa velutina e os requerimentos á Mancomunidade do Salnés para que desprazase o seu servizo de loita contra esta praga ata os distintos puntos da parroquia nos que se divisaran colmenas desta especie invasora. O mes de agosto remataba co Armenteira Jazz, novamente un gran éxito, que nesta edición se repartiu entre tres escenarios: o entorno do mosteiro cisterciense, entre a Praza de Vilar, o Café Bar O´Comercio e o Bar Restaurante A´Fonte, ao que se uniron a Tapería A`Peneira, en Cabeza de Boi, e a Taberna Carballo de Prado 1900, en Valboa, un local de hostelería que botou a andar durante este ano. Agosto, e practicamente a actividade informativa do verán chegaban á súa fin coa actuación do Dúo D`Perlas na praza de entrada ao adro do mosteiro, que viña a suplir a non celebración este ano das verbenas na honra de San Ero e da Divina Pastora. Á espera de que un novo grupo de persoas tome o mando da comisión de festas, o acto permitiu que Miguel Rodiño e Pepe Maquieira deleitasen unha vez máis aos veciños e veciñas cos seus animados e pegadizos ritmos.

Rematado o verán a prensa poñía a súa atención na XXX Edición do Torneo Nacional Acreca, no campo de golf, no anuncio de remodelación do centro CAAN, o centro de acollida de animais que a Deputación de Pontevedra ten en A Armenteira, ou no paso pola nosa parroquia dun grupo de rapaces e rapazas pertencentes á asociación NUPA, un colectivo que promove a loita e a investigación fronte a unha serie de patoloxías de carácter intestinal. Co mes de setembro comezaban os campionatos de liga para os equipos de fútbol de A Armenteira. O equipo sénior feminino, baixo a dirección de Marcial Prado, e o Armenteira Veteranos, capitaneado por enénisima temporada por José Luis Galiñanes, coñecían os seus respectivos calendarios e iniciaban a súa andaina na competición. A finais de setembro tiña lugar unha xuntanza entre o grupo de goberno do Concello e as xentes do lugar de Couso, coa finalidade de analizar e atopar unha solución ao problema da abondosa biomasa existente nas proximidades dos domicilios desa aldea. O mes de outubro comezaba coa noticia do paso da BTT Ruta do Viño Rías Baixas por A Armenteira, da Depoandaina pola Ruta da Pedra e da Auga ou doutro accidente dun ciclista nos montes da parroquia, e finalizaba coa reunión que Marta Giráldez e o seu equipo de goberno, acompañados dun técnico municipal, desenvolvían na Casa de Cultura para consultar aos veciños e veciñas respecto das súas demandas, propostas e necesidades de cara a elaborar uns orzamentos participativos para o exercicio de 2020. Co mes de novembro ía finalizando o outuno, e por aquel entón eran noticia a presenza e os danos causados polos lobos sobre as reses que pastan no monte Castrove ou as quince horas nas que estiveron sen suministro eléctrico en lugares como Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán. Tamén resoaban con forza comunicados en relación cos cambios no organigrama e no funcionamento do campo de golf impulsados polo novo presidente do Padroado Monte Castrove, José Ramón Vidal Juviño, e que provocaron unha controversia no seo da entidade deportiva. 

Culminaba 2019, xa no mes de decembro, con noticias como a reclamación vía enmenda que os grupos do PSdeG-PSOE e do Bloque Nacionalista Galego ían presentar no Parlamento de Galicia, para tratar de rectificar a asignación orzamentaria aprobada polo executivo de Alberto Núñez Feijóo e que deixaba sen partidas as necesarias reformas no C.E.I.P. de Armenteira, especialmente na parte do tellado. As festas na honra de San Nicolao de Bari, que volveron ter lugar en Silván, unha aldea que se reparte entre as parroquias de San Salvador e A Armenteira, e que nesta ocasión careceron de verbena, o engalamento dos locais comerciais para participar no concurso de decorado navideño promovido polo Concello de Meis, ao que se animaron catro establecementos localizados na parroquia, ou os efectos causados polo paso dos temporais Elsa e Fabien, pecharon un ano que no que A Armenteira foi novamente unha referencia. Moreas de textos, de fotografías, de vídeos e de noticias que a modo de resume nos contan o que aconteceu neste recuncho do planeta ao longo dos últimos 365 días.






















domingo, 29 de decembro de 2019

Vintecatro anos da gran arroiada

Finais de decembro de 1995. Nunha pendente do monte da Bouza, na parte oriental do lugar de Couso, ao pé da estrada que comunica o mosteiro de A Armenteira con Silván, e sobre o regato que baixa dende ese mesmo lugar para desembocar no río Armenteira, tivo lugar un fenómeno que aínda hoxe en día da que falar entre as xentes dos arredores. Eran tempos nos que internet, as redes sociais ou os servizos de mensaxería eran descoñecidos, nos que posuír un dispositivo fotográfico que inmortalizase o ocorrido non estaba ao alcance de calquera. Tampouco os medios de comunicación prestaban a cobertura que prestan na actualidade e sucesos como aquel, que sen dúbida era merecedor de ser recollido nos noticiarios ou nas páxinas dos xornais, unicamente puido difundirse grazas ao boca a boca e ás testemuñas e comentarios das persoas que se desprazaban á zona para contemplar de primeira man tal espectáculo natural. Faltaron tamén estudos xeolóxicos precisos que explicasen as causas daquela enorme barronqueira, que arrasou unha área dunha superficie superior á dun campo de fútbol. Unha gran masa de barro e pedras deslizouse de forma violenta por unha pronunciada pendente ata converxer no camiño que une, a través do monte da Bouza, os lugares de Couso e Silván, e que circula pegado ao que as xentes da zona denominan como o río Pequeno, en contraposición co río Grande ou río Armenteira. O fenómeno, posiblemente unha arroiada, chamou a atención entre a veciñanza dos núcleos próximos e a fama do acontecido non tardou en chegar a lugares máis lonxanos. Axiña comezaron a facerse conxeturas respecto de cales poderían ser as causas. Había quen apuntaba á influencia duns tremores de terra que por aqueles días afectaron a algunhas áreas de Galicia, pero o máis lóxico sería pensar que a súa orixe estivo nas abundantes e persistentes choivas do inverno de 1995, que acabaron conformando un gran caudal de materiais que se foi acumulando e acabou por desprenderse monte abaixo impulsado polo forza da gravidade. Un gran surco, polo que incluso podería discorrer unha autoestrada, eucaliptos tumbados e arrastrados, xunto con penedos grandes e pequenos, tal foi o rastro que deixou aquel fenómeno, unhas imaxes que aínda se conservan na retina de boa parte dos veciños e veciñas. Moito cambiaron as cousas en Couso e Silván, e en xeral en A Armenteira, dende aquel Nadal de 1995. Haberá quen diga que non cambiaron tanto, pero no que se refire á arroiada, o paso do tempo deixou case imperceptible a súa pegada. Coa actividade agrícola e gandeira en continuo retroceso, as leiras do Maestriño, que é así como se chama a zona, que por aquel entón combinaban os campos de herba para alimentar o gando coas toxeiras e parcelas para apañar leña, son hoxe unha fraga silvestre na que predominan os fentos, as silvas, os acivros ou especies arbóreas como ameneiros, sabugueiros, salgueiros e algún carballo, configurando un estreito bosque de ribeira, limitado a ambas marxes por eucaliptais que medran de forma improvisada e descontrolada. Non resulta fácil achegarse ao lugar. A natureza invadiu os camiños que utilizaban os antergos e hai que ir esquivando toxos, xestas, fentos e ata piñeiros e eucaliptos. Con todo, a lembranza daquel acontecemento serve para poñer de manifesto a existencia dun entorno que, como moitos outros en A Armenteira, destaca polo seu gran valor natural, paisaxístico e etnográfico, vestixio do pasado e xoia do presente, que neste caso nos revela a presenza doutra ruta da pedra da pedra e da auga que, ao igual que a orixinal, tan concurrida e popularmente coñecida, é merecedora de ser visitada, aínda que só sexa para escudiñar nos restos dun fenómento que vintecatro anos despois segue dando que falar.


venres, 27 de decembro de 2019

Unha nova comisión relanzará as festas de A Armenteira no próximo ano

O cese do equipo directivo da Comisión de Festas O`Noso tras a celebración das festas de Semana Santa deixou dende entón  á parroquia de A Armenteira sen verbenas e nin outros actos de carácter festivo. Si se mantiveron os oficios relixioso, pero non houbo alborada, sesión vermouth nin verbena na honra de San Ero e da Divina Pastora, as festas grandes do verán na localidade. Para máis inri, en Silván, que se reparte entre as parroquias de San Salvador e A Armenteira, este ano tampouco tivo lugar a verbena na honra de San Nicolao, co que contribuíu aínda máis á desesperación de tantos e tantos festeiros e festeiras. O descontento, o malestar e mesmo a tristura que pode causar a perda destas tradicións populares tan profundamente arraigadas levou a un grupo de veciños e veciñas a mobilizarse para tomar cartas no asunto. Coa intermediación do departamento de Cultura do Concello de Meis, esta representación veciñal logrou ir configurando unha xestora que asuma a responsabilidade da planificación dos eventos festivos na parroquia antes de que os membros da nova comisión tomen definitivamente posesión dos seus cargos, nun acto que será de asistencia pública e que contará coa presenza das autoridades locais e dos medios de comunicación con cobertura na comarca. Segundo confirmaron os interesados a xestora está composta por boa parte das forzas vivas de A Armenteira. Representantes de asociacións veciñais, culturais, deportivas, de sectores empresariais con vínculos na parroquia, ou incluso do sector eclesiástico e políticos en activo conforman un grupo coexionado que afronta con enorme ilusión o reto de devolver a A Armenteira un dereito a disfrutar das festas que consideran que endexamais debeu perder. A implicación coa parroquia, pero sobre todo o nivel de influencia e a capacidade económica foron os requisitos que máis se tiveron en conta á hora de elixir a este conxunto de persoas, e tamén serán as condicións que deberá reunir quen se queira sumar ao proxecto. De feito, xa foron rexeitadas algunhas solicitudes porque, a pesares das boas intencións de partida e das gañas de aportar ideas e traballar, non se axustaban ao perfíl que se requería. Sen tempo que perder, este grupo de traballo xa se puxo mans á obra e a primeira misión será a organización das festas de San Antonio Abad. Será previsiblemente cando se dea a coñecer a composición definitiva da comisión, nun acto que formará parte dun programa festivo no se reforzarán os oficios relixiosos, con misas en horario de mañá e de tarde os días 17 e 18 de xaneiro, e no que se fará unha clara aposta polas poxas, para as que se instalará unha carpa nas proximidades da capela, que servirá ademais para dar cabida a uns postos de venda e degustación de produtos locais. A isto haberá que engadir novidades como un pequeno festival folclórico á tardiña, que agardan poder celebrar na aula multiusos do colexio, que ao día seguinte continuará cun espectáculo de cantos na taberna, que ao longo do sábado 18 percorrerá os principais locais de hostalería da parroquia. 

Pero como todos os anos o punto forte das festas de A Armenteira chegará na Semana Santa. Nesa època, coa comisión xa a pleno rendimento, tratarán de darlle un pulo ás celebracións que, sen dúbida, son as máis multitudinarias das que teñen lugar nestas terras. A idea dos novos xestores sería alongar e completar o programa festivo, complementándoo con actividades de carácter cultural e de ocio. Teatro, exposicións, actuacións musicais e atraccións para nenos e nenas extenderíanse dende o xoves santo ata o luns de Pascua. Outro dos cambios sería a ampliación a dúas xornadas da tradicional festa da xuventude, que comezaría o sábado, coa presenza dalgún grupo de renome, e que continuaría na noite do domingo cunha sesión discográfica que repasará os grandes éxitos do pop e do rock español e internacional e que culminará cun festival dance ao fío da madrugada, todo elo a cargo de DJ`s de recoñecido prestixio. Ademais, negociarán co Concello o establecemento dunha zona de acampada regulada e cos servizos básicos para a mocidade que desexe, previa inscrición, situar a tenda de campaña no espazo que se habilitará para este fin. Para o domingo dos Dolores tratarán de manter algunha das actividades culturais e de ocio da semana anterior, aínda que a gran aposta centrarase na verbena nocturna, na cal estará presente algunha das mellores orquestras de Galicia. Panorama, Combo Dominicano ou París de Noia contan con case todas as papeletas para actuar esa noite en A Armenteira.

No que se refire ás festas do verán tampouco escatimarán esforzos, nin recursos. Agosto será o mes festivo por excelencia en A Armenteira. Á colaboración na organización dunha feira medieval a nova comisión engadirá un programa festivo que se prolongará ao longo do mes, e que vai traer á parroquia actuacións musicais, teatrais ou humorísticas, que se desenvolverán na súa maior parte na denominada Praza de Vilar, a que se atopa entre os dous establecementos de hostalería situados á entrada do mosteiro cisterciense. Un Entroido de verán, unha festa do orgullo, e un festival revival, na que artistas e grupos tributo interpretarán éxitos do pop e do rock, será outra das grandes apostas, antes dunha verbena, que unificará as que se celebraban na honra de San Ero e da Divina Pastora, e que pechará as festas de verán cun vistoso espectáculo para o que pretenden contratar a un artista de moda ou a algunha das orquestras de maior fama de Galicia.

Co final do verán non rematarán as actividades promovidas pola comisión. A súa intención é facerse cargo tamén do magosto, do Samaín e iniciarán negociacións coas xentes de Silván para, de non ser posible asumir na totalidade a organización das festas de San Nicolao, polo menos participar e aportar ideas e o capital necesario para que as verbenas deste lugar recobren o esplendor dos tempos pasados. En palabras dun dirixentes do proxecto, que de momento prefire permanecer no anonimato "o que queremos é que a xente de A Armenteira sexa feliz e que o sexa ao longo do ano, e que mellor maneira de facelo que con festas ou con algún tipo de diversión? Así a xente esquécese dos problemas económicos, da política, de se hai goberno ou non, da parcelaria, dos baches das pistas...", argumentou. "Se durante o ano que vén o recadamos o diñeiro suficiente, para o próximo Nadal instalaremos luces por todas as aldeas da parroquia e, como non, unha noria que nada terá que envexar á de Vigo", recalcou. Para finalizar lembrou: "a partires deste sábado, 28 de decembro, estarán dispoñibles nos puntos de encontro máis concurridos da parroquia, como bares, centros relixiosos ou edificios públicos, uns folletos informativos e unhas solicitudes que as persoas interesadas en unirse a nós as poidan cumprimentar. Despois iniciaremos o proceso de admisión. Iremos facendo unha selección, descartando a broza que sempre se soe presentar nestes casos, ata quedarnos cos elixidos. Para pedir polas portas vale calquera, pero para estar á fronte dunha comisión nos tempos que corren hai que ter boa imaxe, contactos e, sobre todo, diñeiro".







Armenteira C.F. A película, comeza a dar os seus primeiros pasos

O éxito recente da serie documental El corazón de Sergio Ramos ou de Matchday, a protagonizada polos futbolistas do F.C. Barcelona, está animando a outros clubes a levar a cabo iniciativas similares que tratan de copiar unha fórmula que sempre pode reportarlle uns réditos en forma de ingresos, popularidade ou mesmo no incremento da masa social ou da asistencia aos estadios. Clubes da elite pero tamén clubes máis ou menos modestos decidiron subirse ao carro das producións audiovisuais, aproveitando ademais o talento artístico e interpretativo que normalmente abunda entre o seu persoal humano. Tal é o caso do Armenteira C.F., que dende fai unhas semanas leva traballando nun proxecto ao que deron en chamar Armenteira C.F. A película, un filme en formato documental, con testemuños e material inédito, que percorrerá a historia do clube dende as primeiras pachangas no campo de O Leixo, pasando polo debut do clube en competición oficial en setembro de 1995, pola creación dos equipos sénior masculino e feminino, do Armenteira Veteranos, ata a actualidade. A inspiración para esta obra non puido ser outra que Valentín Estévez "Tilín", ex-adestrador nas categorías inferiores do Armenteira C.F., e que agora, convertido en Flako Estévez, está desenvolvendo unha carrera triunfante no mundo do cine. Foi a Flako a quen lle encomendaron a produción, dirección e coordinación dunha película na que ademais interpreta un papel destacado. Xunto a el a produción contará cun amplo reparto composto por ex-xogadores, ex-xogadoras, membros dos distintos corpos técnico, responsables das distintas Directivas, pais, nais e incluso representantes da afección que, incluso estando desvencellados do mundo do fútbol na actualidade, non quixeron perder a ocasión de sumar o seu grao de area a tan interesante proxecto. Cunha duración aproximada de dúas horas, Armenteira C.F. A película non pretende ser o típico documental lento, tedioso, con voz en off e que abusa en exceso dos testemuños dos protagonistas. Pola contra, Flako Estévez e o seu equipo, partindo da experiencia das producións de acción e aventuras nas que veñen traballando ultimamente, quixeron darlle un ritmo áxil, dinámico e cun trasfondo musical ao que agardan incorporar as melodías de artistas como Paco Charlín ou André Melón, personaxes que tiveron unha estreita vinculación co clube. Un arduo labor de recopilación, para o cal foi preciso adentrarse de maneira clandestina en salóns ou almacéns, permitiu acceder a material con imaxes reais, que se mesturarán con escenas de ficción, aínda que baseadas estrictamente na realidade. A historia do Armenteira C.F. será relatada dende o aspecto deportivo, pero tamén dende o extradeportivo, a cal constitúe o lado máis morboso e que posiblemente acabe desatando unha gran polémica cando teña lugar a estrea o filme. Como sinala un dos responsables do proxecto "Armenteira C.F. A película creouse coa intención de narrar a traxectoria do clube ao longo dos seus vintecatro anos de historia, pese a que na historia comece uns cantos anos atrás, candos os veciños da parroquia se xuntaban no campo de O Leixo para xogar unhas pachangas nas que se daban máis patadas aos rivais e compañeiros cós balóns". "Tamén contaremos aqueles trofeos veraniegos de San Ero e a Pastora na que dous equipos de A Armenteira se enfrontaban e nos que non faltaban a rivalidade, a emoción e mesmo a violencia", continuou. "A parte principal da historia da película ocúpaa a primeira etapa do Armenteira C.F., con Julio Serén e Barreiras, cuns equipos de fútbol base que parecían imbatibles e que lograron campionatos de liga nas categorías infantil e xuvenil e subcampionatos na Copa Deputación nestas categorías". "Centrarémonos no que ocorría no terreo do xogo, pero tamén no que ocorría fóra, que naquela época era moito, por toda a voráxine que rodeaba a aqueles equipos", afirmou tamén. "Outra parte importante da produción ocuparáaa o equipo sénior, aínda que neste caso xa dispoñemos dunha maior cantidade de material audiovisual, que tivemos que reconfigurar para darlle un aspecto máis cinematográfico e, de paso, cambiar un pouco a historia para facela máis favorable aos nosos intereses". "Respecto á segunda etapa do clube, nos períodos que o presidiron Lucía García, Serafín Melón e Martín Casais, o que fixemos foi adaptar o extenso material do que dispoñemos, e ata destruímos e queimamos algún, porque o que nos interesa crear tensións e disputas entre os televidentes, xa que iso contribúe a ter máis audiencia", sinalou. "Nesta etapa tamén prestaremos especial atención aos subcampionatos na Copa Deputación dos equipos alevín e xuvenil na temporada 2017/2018 e ao campionato de liga na categoría infantil na temporada 2018/2019. De feito, nesta último caso os adestradores Jorge Gómez e Pacheco, e algúns pais e nais, ten un peso importante na parte interpretativa", sentenciou. "En relación co equipo sénior feminino tamén serán moitas as esceas que reproducirán algún dos momentos máis inesquecibles da súa historia. Confiamos en que o propio Marcial Prado termine interpretándose a si mesmo, posto que se trata dun dos personaxes máis difíciles de interpretar. O que resultará máis difícil será atopar actrices para os papeis das xogadoras, para o cal abriremos inmediatamente un cásting coa intención de realizar unha exhaustiva selección". "En canto ao Armenteira Veteranos obviaremos parte do aspecto deportivo, por carecer de interese, e prestaremos unha particular atención ás discusións e disputas con árbitros e rivais, ou entre os compañeiros de equipo. Tamén incluiremos o que sucede nos vestuarios, nos pinchos e as copas tras os partidos e nas ceas e churrascadas, que sacarán á luz acontecementos que farán tremer a máis de un". Para finalizar, indicou: "esta película pretende mostrar de forma amena e divertida a historia do Armenteira C.F., aínda que, como dixemos, sen eludir a polémica e expoñéndos á censura ou á denuncia dalgunhas imaxes ou escenas. Non nos importa. Unha boa recadación xustifícao todo. Xente como Martín Casais, Jonathan Crespo, Iván Borrageiros, Marcial Prado, as mozas do equipo feminino ou os xogadores do Armenteira Veteranos terán a oportunidade de abrirse camiño no mundo da interpretación, seguro que o desexan e dotes non lles faltan, e que mellor maneira que facelo da man de Flako Estévez? Unicamente precisamos aumentar o elenco de actores e actrices e, por elo, a partires deste sábado, 28 de decembro, iniciaremos a incrición nun cásting ao que poderán concurrir tanto persoas que están ou estiveron relacionadas co Armenteira C.F. como outras que non o estiveron nin quixeron saber nada de nós. Eso si, todas serán debidamente remuneradas. Niso tampouco escatimaremos esforzos".



luns, 23 de decembro de 2019

Fabien tamén deixa a súa pegada en A Armenteira

A sucesión de temporais que veñen afectando a Galicia e a boa parte de España durante as últimas semanas tamén deixando pegada na comarca de O Salnés e en particular en zonas como a parroquia de A Armenteira. As imaxes con árbores arrincadas ou tumbadas, tendido eléctrico descolgado, mobiliario urbano desfeito ou desprazado ou muros e vivendas con serios desperfectos son habituais estes días nos noticiarios televisivos e nas portadas dos medios da prensa escrita e aínda son visibles para moitos veciños e veciñas que transiten por calquera recuncho da contorna. Pedazos de ramas e ou follas sobre as estradas debuxan o rastro de Elsa e sobre todo, de Fabien, denominacións que recibiron ás últimas cicloxéneses que discorreron polo noso territorio. En A Armenteira tamén segue resultando difícil circular por algúns viais, obrigando aos condutores e condutoras a esquivar os obstáculos mediante os que as borrascas quixeron deixar testemuña do seu paso. Un dos exemplos máis chamativos dos efectos de Fabien estaba a escasos metros do mosteiro cisterciense. Na rotonda que se atopa en fronte da Pousada o cono luminoso en forma de árbore de Nadal amencía estes días lixeiramente emborcado. Informadas as autoridades do Concello de Meis, axiña deron aviso á empresa Iluminaciones Umia, encargada da instalación e mantemento do alumeado característico destas épocas no municipio meisino. Ao tempo que se trataba de poñer rápida solución a este feito ao Concello chegaban tamén comunicacións sobre outras incidencias que os fortes ventos e as intensas e persistentes choivas provocaron en A Armenteira. A pesares de ser días festivos e de descanso para moitas persoas, as inclementencias meteorolóxicas parecen non querer dar tregua e manteñen especialmente activos tanto a operarios como a responsables do Concello que, se o tempo non cambia, terán que comer o turrón e as uvas pendentes do teléfono e dunhas alertas que agardamos que desaparezan, aínda que só sexa durante uns días.




A sétima arte do Flako

En Armenteira, e en xeral dentro do ámbito do fútbol local, Valentín Estévez é popularmente coñecido como "Tilín", un hipocorístico do seu nome de pila que acabou por transformarse en nome futbolístico despois de temporadas e temporadas correteando pola banda esquerda dos terreos de xogo de O Salnés lucindo as camisolas do C. Juventud Cambados, do Vilanova Atlético ou do Beiramar C.F. Aínda que nalgunha reportaxe da prensa escrita, na que se exhibían as fotos dos membros do plantel deste último clube, se referían a el como "Tinín", Valentín Estévez sempre insistía en lembrar que era con l e non con n como se escribía e pronunciaba o seu nome. Pero dende fai un tempo Tilín incorporou ás súas múltiples facetas unha nova, para o cal decidiu rescatar un apelativo que ata entón tiña reservado para os círculos máis achegados. Así, cando comezou a moverse entre cámaras e sesións de rodaxe, Valentín, sen deixar de ser nunca Tilín, pasou a ser coñecido como Flako Estévez, unha denominación quizais máis acorde con esta ocupación. Futbolista, adestrador, comerciante, metalúrxico, xardineiro, músico, cantante, poeta... son moitas as profesións deste cambadés, incansable conversador, e cunha retranca mariñeira que nos remite ao seu Santo Tomé natal, que un día, no verán de 2014, cando se celebraba o acto de presentación dos equipos do Armenteira C.F., se deixou ver polo campo de O Leixo ataviado cunha camiseta branca, chanclas e vermudas. A partires de entón A Armenteira e o clube de fútbol da parroquia comezaron dalgún xeito a formar parte da súa vida. Tras adestrar de forma consecutiva aos equipos alevín, benxamín, infantil e xuvenil do Armenteira C.F. ata a súa dimisión en abril de 2018, e despois de retornar ao corpo técnico do C. Juventud Cambados, o clube que viu nacer para o fútbol, o Flako comezou a súa incursión no mundo do cine. En pequenas gravacións e curtametraxes deixou as súas primeiras pegadas nun territorio para o que ninguén dubidaba que tiña cualidades, pero que ata aquel entón resultaba practicamente descoñecido para el. O éxito de seguimento da curta Unha familia exemplar deulle un gran impulso á súa carreira, e dende ese momento a presenza de Estevéz nas salas de filmación foi cada vez máis frecuentes. A participación en anuncios publicitarios, en videoclips, ou nalgunhas series de carácter estatal como Vivir sen permiso, permitiron que o rostro do Flako ocupase pouco a pouco un lugar modesto, aínda auténtico e claramente recoñecibe no panorama cinematográfico. As longas horas diante das cámaras, as viaxes ou as estreas incluso comezaron a supoñer un atranco á hora de compaxinar esta actividades co seu labor de adestrador. Con moitos proxectos por diante, a súa aventura no cinema chega agora ao seu cumio con Ann & West. El tesoro de las seis caras, unha película independente de aventuras, a primeira deste tipo rodada con cero euros e tan só cunha cámara de fotos, e filmada en localidades como Vigo, Pontevedra, Cambados, Baiona, Portonovo, a illa de A Toxa ou o no norte de Portugal. Desta obra a a día de hoxe unicamente se difundiu o tráiler, pero proximamente estará dispoñible e realizaranse diversas proxeccións para que os e as amantes do sétimo arte e os seguidores e seguidoras de Flako Estévez teñan a oportunidade de contemplar un traballo dun home que en A Armenteira alcanzou a fama con chándal de adestrador e que agora de abrirse camiño nun mundo non menos difícil, pero polo que tamén sente gran paixón, como é o do celuloide.

sábado, 14 de decembro de 2019

Un Armenteira Veteranos escasamente efectivo cae derrotado ante a A.C.D. J.L. Sanmartín-Rubitel

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - A.C.D. J.L. SANMARTÍN-RUBITEL - 1 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Óscar Barreiro, Richi;  Charles, José Pérez, Javi González; Marcial, Víctor; e Rubén. Tamén xogaron Galiñanes, Manolo, Yumas e Avelino.
GOLES: 0-1. Minuto 24. Pablo Martínez. 1-1. Minuto 47. Gonzálo González. 1-2. Minuto 50. Galiñanes. .
ÁRBITRO: Velasco García. Mostrou cartóns amarelos a Charles por parte do Armenteira Veteranos e a Javier Córdoba por parte da A.C.D. J.L. Sanmartín-Rubitel.
INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada da Terceira Galicia de Veteranos. Grupo 2, disputado no campo de O Leixo, con apenas cinco espectadores, nunha tarde fría, anubrada e chuviosa por momentos, sobre un terreo de xogo que nos primeiros minutos estivo cuberto pola néboa e que se atopaba nunha condicións aceptables tendo en conta o estado que presenta  habitualmente este campo.
.
 CRÓNICA
O Armenteira Veteranos pagou caros os erros cometidos no partido que disputou na tarde deste sábado ante a A.C.D. J.L. Sanmartín-Rubitel. A falta de acerto na definición e certas indecisións en defensa condenaron a un conxunto que comparecía de novo con baixas de importancia. Nesta ocasión o grupo de ausentes encabezábano pezas clave no equipo o meta Sirra, o mediocampista Martín ou o dianteiro goleador Jorge Castro. O encontro comezou de forma propicia para os locais. Co forte vento que soprando a favor, o Armenteira Veteranos convertiuse no claro dominador durante os primeiros minutos. O control do xogo e as accións de ataque trazadas principalmente por Charles, Javi González e José Pérez na zona de creación non se acababan traducindo en ocasións de gol. Con todo, sería o cadro visitante o primeiro en aproximarse con relativo perigo á area rival. Tras un córner lanzado polo Armenteira Veteranos, os de Pontevedra armaron un contragolpe aproveitando as dúbidas á hora de despexar e a descolocación da zaga local. Afortudamente para os verdinegros neste caso non estiveron acertados, feito que non ocorrería no minuto 24, cando un balón en profundidade a Pablo Martínez polo costado esquerdo atopábase co gardamallas Óscar Muñiz a media saída, permitindo que o atacante pontevedrés enviase un axustado disparo que se colou na rede pegado ao pau dereito da meta verde e negra. A inxustiza que reflectía o marcador non fixo desistir ao Armenteira Veteranos, que continou buscando a portería adversaria, aínda que novamente con escaso acerto. Os balóns que chegaban aos dianteiros locais non o facían nas condicións axeitadas para que puidesen acomodarse e rematar con comodidade entre os tres paus. No segundo período, nada máis comezar, un saque de meta de Óscar Muñiz caía nos pés de Gonzálo González, que dende aproxidamente o círculo central, conectaba un forte zapatazo que se acabou colando polo centro da meta, a escasos centímetros do longueiro. Tratou de reaccionar o Armenteira Veteranos meténdondolle máis ritmo ao xogo. A recompensa veu por fin no minuto 50, tras unha volea a reviravolta que Galiñanes foi quen de colocar na escadra esquerda da meta defendida por Roberto Ogando. Todo parecía indicar que o empate estaría próximo, pero os ataques verdinegros chocaban unha e outra vez coa falta de puntería dos seus atacantes. Marcial, Víctor, Rubén, Javi González, Galiñanes... dispuxeron de oportunidades para anotar o segundo tanto, pero ningún deles tivo fortuna. Este resultado, a todas luces inxusto a tenor do mostrado sobre o terreo de xogo, deixa ao Armenteira Veteranos na décimo oitava posición, con sete puntos. Na próxima xornada os verdinegros disfrutarán doutra ocasión de seguir sumando no encontro que os medirá o sábado, 21 de decembro, ao Godos C.F. Veteranos, un conxunto que se atopa un posto por debaixo dos de A Armenteira e cun punto menos.