Finais de decembro de 1995. Nunha pendente do monte da Bouza, na parte oriental do lugar de Couso, ao pé da estrada que comunica o mosteiro de A Armenteira con Silván, e sobre o regato que baixa dende ese mesmo lugar para desembocar no río Armenteira, tivo lugar un fenómeno que aínda hoxe en día da que falar entre as xentes dos arredores. Eran tempos nos que internet, as redes sociais ou os servizos de mensaxería eran descoñecidos, nos que posuír un dispositivo fotográfico que inmortalizase o ocorrido non estaba ao alcance de calquera. Tampouco os medios de comunicación prestaban a cobertura que prestan na actualidade e sucesos como aquel, que sen dúbida era merecedor de ser recollido nos noticiarios ou nas páxinas dos xornais, unicamente puido difundirse grazas ao boca a boca e ás testemuñas e comentarios das persoas que se desprazaban á zona para contemplar de primeira man tal espectáculo natural. Faltaron tamén estudos xeolóxicos precisos que explicasen as causas daquela enorme barronqueira, que arrasou unha área dunha superficie superior á dun campo de fútbol. Unha gran masa de barro e pedras deslizouse de forma violenta por unha pronunciada pendente ata converxer no camiño que une, a través do monte da Bouza, os lugares de Couso e Silván, e que circula pegado ao que as xentes da zona denominan como o río Pequeno, en contraposición co río Grande ou río Armenteira. O fenómeno, posiblemente unha arroiada, chamou a atención entre a veciñanza dos núcleos próximos e a fama do acontecido non tardou en chegar a lugares máis lonxanos. Axiña comezaron a facerse conxeturas respecto de cales poderían ser as causas. Había quen apuntaba á influencia duns tremores de terra que por aqueles días afectaron a algunhas áreas de Galicia, pero o máis lóxico sería pensar que a súa orixe estivo nas abundantes e persistentes choivas do inverno de 1995, que acabaron conformando un gran caudal de materiais que se foi acumulando e acabou por desprenderse monte abaixo impulsado polo forza da gravidade. Un gran surco, polo que incluso podería discorrer unha autoestrada, eucaliptos tumbados e arrastrados, xunto con penedos grandes e pequenos, tal foi o rastro que deixou aquel fenómeno, unhas imaxes que aínda se conservan na retina de boa parte dos veciños e veciñas. Moito cambiaron as cousas en Couso e Silván, e en xeral en A Armenteira, dende aquel Nadal de 1995. Haberá quen diga que non cambiaron tanto, pero no que se refire á arroiada, o paso do tempo deixou case imperceptible a súa pegada. Coa actividade agrícola e gandeira en continuo retroceso, as leiras do Maestriño, que é así como se chama a zona, que por aquel entón combinaban os campos de herba para alimentar o gando coas toxeiras e parcelas para apañar leña, son hoxe unha fraga silvestre na que predominan os fentos, as silvas, os acivros ou especies arbóreas como ameneiros, sabugueiros, salgueiros e algún carballo, configurando un estreito bosque de ribeira, limitado a ambas marxes por eucaliptais que medran de forma improvisada e descontrolada. Non resulta fácil achegarse ao lugar. A natureza invadiu os camiños que utilizaban os antergos e hai que ir esquivando toxos, xestas, fentos e ata piñeiros e eucaliptos. Con todo, a lembranza daquel acontecemento serve para poñer de manifesto a existencia dun entorno que, como moitos outros en A Armenteira, destaca polo seu gran valor natural, paisaxístico e etnográfico, vestixio do pasado e xoia do presente, que neste caso nos revela a presenza doutra ruta da pedra da pedra e da auga que, ao igual que a orixinal, tan concurrida e popularmente coñecida, é merecedora de ser visitada, aínda que só sexa para escudiñar nos restos dun fenómento que vintecatro anos despois segue dando que falar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario