Buscar neste blog

martes, 31 de decembro de 2019

Un ano de cambios, tamén para A Armenteira

O ano 2019 foi para A Armenteira un ano de cambios, evolucións, pero tamén de permanencias. Con todo, foron os primeiros, pola súa trascendencia, os que marcaron o rumbo dunha parroquia que volveu dar moito que falar ao longo do ano. ARMENTEIRA, CON VOZ PROPIA estivo sempre pendente das noticias de prensa, de páxinas e portais de internet, ou tratou de cubrir a información de interese sobre a nosa parroquia ou a nosa xente con publicacións propias.

O ano comezaba para A Armenteira cos actos de conmemoración do trinta aniversario de Club de Golf Chan do Fento. Tamén no mes de xaneiro, a parroquia volvía vestirse de festa un ano máis para celebrar as tradicionais festas na honra de San Antonio Abad. Xa en febreiro, Mónica e Juan, xerentes do establecemento de hostalería Made in Fofán eran noticia por participar no concurso de televisión Bienvenidos a mi hotel, da cadena Cuatro, co que contribuían a promocionar este novo aínda que xa emblemático negocio situado no territorio de A Armenteira. Nese mesmo mes a Deputación Provincial de Pontevedra presentaba unha guía dos mosteiros da provincia, na que o mosteiro cisterciense da nosa parroquia, como non podería ser doutro xeito, ocupaba un lugar destacado. Cara a final de mes a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira organizaba un obradoiro de trampeo de vespa velutina, esa especie invasora que tanto dano está causando ao noso ecosistema. O mes de febreiro remataba cunha noticia que, a pesares de ser agardada, provocou gran expectación. Serafín Melón, ex-presidente do Armenteira C.F. e presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan do Monte, anunciaba a presentación da súa candidatura como cabeza de lista dunha agrupación política ás eleccións municipais que ían ter lugar en maio. Aínda no inverno, pero xa no mes de marzo, A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira comezaba a facer público o seu proxecto de horta ecolóxica comunitaria, ao tempo que buscaba participantes para darlle un maior impulso á idea. Por esa época a presenza de cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e nas vías de circulación convertíanse nun serio perigo e nunha preocupación para a veciñanza. A asemblea da asociación veciñal trataríao a finais de marzo como un dos seus principais puntos, e os diversos medios de comunicación abordarán o asunto en varias noticias. Marzo finalizaba cunha trascendental reunión, convocada pola A.N.P.A O Loureiro, á que acudiu o entón alcalde do Concello de Meis, José Luis Pérez Estévez, o na que se debatiron aspectos de vital importancia de cara ao futuro deste centro educativo.

Xa en primavera, A Armenteira convertíase nun gran centro de atención mediática coa gravación e emisión dunha reportaxe por parte do programa España Directo. Un equipo da canle RTVE desprazouse ata a nosa parroquia para abordar a problemática relacionada cos cabalos mostrencos que vagan polo monte Castrove, e ademais aproveitou para dar a coñecer aos telespectadores e telespectadoras as nosas paisaxes e algúns detalles sobre a forma de vida das xentes de A Armenteira. Días despois a parroquia e o Concello de Meis en xeral, pero particularmente o Armenteira C.F. conmovíanse polo falecemento en accidente de tráfico de Lucas Pérez, un mozo que durante varias temporadas vestira a camiseta verdinegra, e que perdía a vida tras unha brutal colisión na rotonda de San Simón, en Vilanova de Arousa. Nese mes os lobos empezaban a facer a súa aparición polo entorno do monte Castrove, devorando algún exemplar de gando que pastaba pola zona. Cara a final de mes A Armenteira preparábase novamente para celebrar unha das súas festas de maior raigame. Coa Semana Santa a parroquia disfrutaba das festas máis multitudinarias das que teñen lugar por estes lares, en especial coa celebración da popular romaría na honra da Virxe das Cabezas. O mes remataba con suceso que sorprendeu de madrugada aos veciños e veciñas do lugar de Couso: o incendio dunha nave, antigamente un taller mecánico e que nos últimos tempos se viña utilizando como estaleiro. Todas as hipóteses apuntaron entón a que o suceso tiña vínculos co narcotráfico, ao estar relacionada esta construción con David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, e condenado por participar en operacións de tráfico de drogas e de blanqueo dos capitais procedentes destas actividades. A finais de abril era noticia tamén a celebración de competicións correspondentes á Copa Galicia no Campo de Golf de Meis, ubicado no lugar de Silván. Xa no mes de maio chegaba a cita con outras das festas máis populares das que existen en A Armenteira: o San Xosé Obreiro. Gondes, As Pereiras, Cabeza de Boi e As Congostras lucían as súas mellores galas para vivir un ano máis a festa en torno á capela que se sitúa a carón da estrada que conduce ao mosteiro cisterciense. A primavera remataba de forma intensa. No plano deportivo o equipo infantil do Armenteira C.F. lograba proclamarse campión de liga da Segunda Autonómica Infantil, un feito histórico e tremendamente meritorio, que tivo o seu punto culminante tras un partido de infarto en Barro, e que tras a clara vitoria fronte ao Caldas C.F. no último encontro da competición, deu o título ao conxunto dirixido por Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. No plano político tampouco faltou emoción. As eleccións municipais do 29 de maio presentábanse aparentemente moi igualadas. E así foi. Despois dunha vibrante campaña electoral, o Partido Popular perdía maioría absoluta na Corporación Municipal do Concello de Meis. Unha alianza de goberno entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego outorgaba o bastón de alcaldesa a Marta Giráldez, a primeira muller na historia do municipio meisino en ocupar ese cargo. Poñíase fin así a cuarenta anos de mando das forzas conservadoras, que acapararan o poder no Concello nos cuarenta anos de democracia que sucederan á morte de Franco. A representación de A Armenteira nos plenos municipais quedaba agora en mans de Martín Casais, que formaba parte da candidatura do PSdeG-PSOE, nomeado concelleiro de Medio Ambiente, Servizos Socias e Sanidade, e que obstentaría ademais unha tenencia de alcaldía. Pola súa contra, nos bancos da oposición quedaría Ramón Prado, membro da candidatura do Partido Popular, pero que asimesmo ten encomendado un importante labor durante os próximos catro anos. Por escaso marxe de votos non conseguiu representación Serafín Melón, que encabezada a listaxe de Independientes por Meis, como tampouco o lograron outros candidatos e candidatas que nutrías as formacións que concurriron aos comicios, agás o Bloque Nacionalista Galego, que non albergaba ningunha persoa veciña ou natural de A Armenteira nas súas papeletas.

Co verán en curso, as noticias sobre accidentes no entorno de A Armenteira, en concretamente na Ruta da Pedra e da Auga aparecían de novo nos medios de comunicación. Era o caso dunha muller accidentada nunha zona de difícil acceso, o que obrigou a poñer en marcha un compricado mecanismo de rescate. A homenaxe aos rapaces e rapazas do equipo infantil do Armenteira C.F. ocupaba a nosa atención a mediados de xuño, cando tivo lugar a entrega da copa do campionato da Segunda Autonómica Infantil, á que acudiu unha ampla representación do clube, co plantel vencedor á fronte, e na que tiveron estiveron presentes autoridades do Concello e da Real Federación Galega de Fútbol. Finalizaba xuño con outra cita clave no panorama festivo anual da parroquia: o San Xoán. As previsións de mal tempo fixeron que a entidade organizadora, a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, trasladase a data de celebración da noite do 23 ao 24 de xuño á noite de San Pedro, ou o que é o mesmo, á noite do 28 ao 29 de xuño. O evento volveu reunir a un importante número de persoas para gozar das sardiñas, do pan, do churrasco, da música ou dun excelente ambiente arredor do lume da fogueira. O bo tempo animaba a práctica do deporte, e xa no mes de xullo, no campo Municipal de Meis, disputábase o I Torneo Interparroquial do Concello de Meis. No evento, organizado polo C.D. Mosteiro, participou un equipo representativo de A Armenteira, aínda que sen moita fortuna en canto a resultados. O triunfo final sería para o conxunto da parroquia de San Lourenzo de Nogueira. Tampouco se detiña a actividade municipal e, primeiro no Auditorio do Centro Multitusos de O Mosteiro, e logo na Casa de Cultura de A Armenteira, levábase a cabo a exposición das bases da concentración parcelaria. Numerosas persoas asistiron ás charlas e ás consultas cos representantes da empresa responsable para coñecer e efectuar as reclamacións oportunas que pechaban a fase do proceso á que seguirá a de reparto das respectivas parcelas. Tamén era noticia en xullo o paso da BTT Callos pola nosa parroquia, coa colocación dun punto de avituallamento nas proximidades do mosteiro cisterciense, unha tarefa coordinada de novo con gran éxito polo clube Armenteira e Punto. Por esa época chegaba ás oficinas do Concello a proposta de realización dun mercado medieval en A Armenteira, unha iniciativa que finalmente non puido saír adiante. O que si se realizou de novo foi a expedición ao programa da CRTVG Bamboleo. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira e o Armenteira C.F. encargábase de enviar por segundo ano consecutivo a un grupo de persoas da parroquia e arredores ao Plató 1.000, en Montouto, no Concello de Teo. Nesta ocasión, a actuación de Manolo García Vázquez nun dos concursos musicais deste espazo televisivo foi unha das notas máis chamativas, aínda que para a lembranza quedará a activa participación na expedición, tamén por segundo ano consecutivo, de Carmen Buceta "Crucita", unha veciña da parroquia de San Salvador que falecería de forma tráxica no mes de decembro. No mes de xullo destacaron ademais noticias a celebración da III Semana de Ouro do Albariño no campo de golf de Meis ou o paso por A Armenteira dun grupo de artistas chineses que inmortalizaron a súa experiencia nuns retratos que formarían parte dunha exposición itinerante. O mes de agosto foi algo máis tranquilo en canto a noticias. A reunión entre a Xunta Directiva do Armenteira C.F. e os pais e nais do nenos e nenas do equipo infantil servía para marcar o rumbo da entidadade na temporada que comezaba. Diversas dificultades, sobre todo en relación coa escaseza de efectivos para configurar un equipo, facían que despois de moitos anos o clube quedase sen representación nas categorías de fútbol base. Daban que falar tamén os continuos avistamentos de niños de vespa velutina e os requerimentos á Mancomunidade do Salnés para que desprazase o seu servizo de loita contra esta praga ata os distintos puntos da parroquia nos que se divisaran colmenas desta especie invasora. O mes de agosto remataba co Armenteira Jazz, novamente un gran éxito, que nesta edición se repartiu entre tres escenarios: o entorno do mosteiro cisterciense, entre a Praza de Vilar, o Café Bar O´Comercio e o Bar Restaurante A´Fonte, ao que se uniron a Tapería A`Peneira, en Cabeza de Boi, e a Taberna Carballo de Prado 1900, en Valboa, un local de hostelería que botou a andar durante este ano. Agosto, e practicamente a actividade informativa do verán chegaban á súa fin coa actuación do Dúo D`Perlas na praza de entrada ao adro do mosteiro, que viña a suplir a non celebración este ano das verbenas na honra de San Ero e da Divina Pastora. Á espera de que un novo grupo de persoas tome o mando da comisión de festas, o acto permitiu que Miguel Rodiño e Pepe Maquieira deleitasen unha vez máis aos veciños e veciñas cos seus animados e pegadizos ritmos.

Rematado o verán a prensa poñía a súa atención na XXX Edición do Torneo Nacional Acreca, no campo de golf, no anuncio de remodelación do centro CAAN, o centro de acollida de animais que a Deputación de Pontevedra ten en A Armenteira, ou no paso pola nosa parroquia dun grupo de rapaces e rapazas pertencentes á asociación NUPA, un colectivo que promove a loita e a investigación fronte a unha serie de patoloxías de carácter intestinal. Co mes de setembro comezaban os campionatos de liga para os equipos de fútbol de A Armenteira. O equipo sénior feminino, baixo a dirección de Marcial Prado, e o Armenteira Veteranos, capitaneado por enénisima temporada por José Luis Galiñanes, coñecían os seus respectivos calendarios e iniciaban a súa andaina na competición. A finais de setembro tiña lugar unha xuntanza entre o grupo de goberno do Concello e as xentes do lugar de Couso, coa finalidade de analizar e atopar unha solución ao problema da abondosa biomasa existente nas proximidades dos domicilios desa aldea. O mes de outubro comezaba coa noticia do paso da BTT Ruta do Viño Rías Baixas por A Armenteira, da Depoandaina pola Ruta da Pedra e da Auga ou doutro accidente dun ciclista nos montes da parroquia, e finalizaba coa reunión que Marta Giráldez e o seu equipo de goberno, acompañados dun técnico municipal, desenvolvían na Casa de Cultura para consultar aos veciños e veciñas respecto das súas demandas, propostas e necesidades de cara a elaborar uns orzamentos participativos para o exercicio de 2020. Co mes de novembro ía finalizando o outuno, e por aquel entón eran noticia a presenza e os danos causados polos lobos sobre as reses que pastan no monte Castrove ou as quince horas nas que estiveron sen suministro eléctrico en lugares como Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán. Tamén resoaban con forza comunicados en relación cos cambios no organigrama e no funcionamento do campo de golf impulsados polo novo presidente do Padroado Monte Castrove, José Ramón Vidal Juviño, e que provocaron unha controversia no seo da entidade deportiva. 

Culminaba 2019, xa no mes de decembro, con noticias como a reclamación vía enmenda que os grupos do PSdeG-PSOE e do Bloque Nacionalista Galego ían presentar no Parlamento de Galicia, para tratar de rectificar a asignación orzamentaria aprobada polo executivo de Alberto Núñez Feijóo e que deixaba sen partidas as necesarias reformas no C.E.I.P. de Armenteira, especialmente na parte do tellado. As festas na honra de San Nicolao de Bari, que volveron ter lugar en Silván, unha aldea que se reparte entre as parroquias de San Salvador e A Armenteira, e que nesta ocasión careceron de verbena, o engalamento dos locais comerciais para participar no concurso de decorado navideño promovido polo Concello de Meis, ao que se animaron catro establecementos localizados na parroquia, ou os efectos causados polo paso dos temporais Elsa e Fabien, pecharon un ano que no que A Armenteira foi novamente unha referencia. Moreas de textos, de fotografías, de vídeos e de noticias que a modo de resume nos contan o que aconteceu neste recuncho do planeta ao longo dos últimos 365 días.






















Ningún comentario:

Publicar un comentario