A sucesión de temporais que veñen afectando a Galicia e a boa parte de España durante as últimas semanas tamén deixando pegada na comarca de O Salnés e en particular en zonas como a parroquia de A Armenteira. As imaxes con árbores arrincadas ou tumbadas, tendido eléctrico descolgado, mobiliario urbano desfeito ou desprazado ou muros e vivendas con serios desperfectos son habituais estes días nos noticiarios televisivos e nas portadas dos medios da prensa escrita e aínda son visibles para moitos veciños e veciñas que transiten por calquera recuncho da contorna. Pedazos de ramas e ou follas sobre as estradas debuxan o rastro de Elsa e sobre todo, de Fabien, denominacións que recibiron ás últimas cicloxéneses que discorreron polo noso territorio. En A Armenteira tamén segue resultando difícil circular por algúns viais, obrigando aos condutores e condutoras a esquivar os obstáculos mediante os que as borrascas quixeron deixar testemuña do seu paso. Un dos exemplos máis chamativos dos efectos de Fabien estaba a escasos metros do mosteiro cisterciense. Na rotonda que se atopa en fronte da Pousada o cono luminoso en forma de árbore de Nadal amencía estes días lixeiramente emborcado. Informadas as autoridades do Concello de Meis, axiña deron aviso á empresa Iluminaciones Umia, encargada da instalación e mantemento do alumeado característico destas épocas no municipio meisino. Ao tempo que se trataba de poñer rápida solución a este feito ao Concello chegaban tamén comunicacións sobre outras incidencias que os fortes ventos e as intensas e persistentes choivas provocaron en A Armenteira. A pesares de ser días festivos e de descanso para moitas persoas, as inclementencias meteorolóxicas parecen non querer dar tregua e manteñen especialmente activos tanto a operarios como a responsables do Concello que, se o tempo non cambia, terán que comer o turrón e as uvas pendentes do teléfono e dunhas alertas que agardamos que desaparezan, aínda que só sexa durante uns días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario