Buscar neste blog

venres, 27 de decembro de 2019

Unha nova comisión relanzará as festas de A Armenteira no próximo ano

O cese do equipo directivo da Comisión de Festas O`Noso tras a celebración das festas de Semana Santa deixou dende entón  á parroquia de A Armenteira sen verbenas e nin outros actos de carácter festivo. Si se mantiveron os oficios relixioso, pero non houbo alborada, sesión vermouth nin verbena na honra de San Ero e da Divina Pastora, as festas grandes do verán na localidade. Para máis inri, en Silván, que se reparte entre as parroquias de San Salvador e A Armenteira, este ano tampouco tivo lugar a verbena na honra de San Nicolao, co que contribuíu aínda máis á desesperación de tantos e tantos festeiros e festeiras. O descontento, o malestar e mesmo a tristura que pode causar a perda destas tradicións populares tan profundamente arraigadas levou a un grupo de veciños e veciñas a mobilizarse para tomar cartas no asunto. Coa intermediación do departamento de Cultura do Concello de Meis, esta representación veciñal logrou ir configurando unha xestora que asuma a responsabilidade da planificación dos eventos festivos na parroquia antes de que os membros da nova comisión tomen definitivamente posesión dos seus cargos, nun acto que será de asistencia pública e que contará coa presenza das autoridades locais e dos medios de comunicación con cobertura na comarca. Segundo confirmaron os interesados a xestora está composta por boa parte das forzas vivas de A Armenteira. Representantes de asociacións veciñais, culturais, deportivas, de sectores empresariais con vínculos na parroquia, ou incluso do sector eclesiástico e políticos en activo conforman un grupo coexionado que afronta con enorme ilusión o reto de devolver a A Armenteira un dereito a disfrutar das festas que consideran que endexamais debeu perder. A implicación coa parroquia, pero sobre todo o nivel de influencia e a capacidade económica foron os requisitos que máis se tiveron en conta á hora de elixir a este conxunto de persoas, e tamén serán as condicións que deberá reunir quen se queira sumar ao proxecto. De feito, xa foron rexeitadas algunhas solicitudes porque, a pesares das boas intencións de partida e das gañas de aportar ideas e traballar, non se axustaban ao perfíl que se requería. Sen tempo que perder, este grupo de traballo xa se puxo mans á obra e a primeira misión será a organización das festas de San Antonio Abad. Será previsiblemente cando se dea a coñecer a composición definitiva da comisión, nun acto que formará parte dun programa festivo no se reforzarán os oficios relixiosos, con misas en horario de mañá e de tarde os días 17 e 18 de xaneiro, e no que se fará unha clara aposta polas poxas, para as que se instalará unha carpa nas proximidades da capela, que servirá ademais para dar cabida a uns postos de venda e degustación de produtos locais. A isto haberá que engadir novidades como un pequeno festival folclórico á tardiña, que agardan poder celebrar na aula multiusos do colexio, que ao día seguinte continuará cun espectáculo de cantos na taberna, que ao longo do sábado 18 percorrerá os principais locais de hostalería da parroquia. 

Pero como todos os anos o punto forte das festas de A Armenteira chegará na Semana Santa. Nesa època, coa comisión xa a pleno rendimento, tratarán de darlle un pulo ás celebracións que, sen dúbida, son as máis multitudinarias das que teñen lugar nestas terras. A idea dos novos xestores sería alongar e completar o programa festivo, complementándoo con actividades de carácter cultural e de ocio. Teatro, exposicións, actuacións musicais e atraccións para nenos e nenas extenderíanse dende o xoves santo ata o luns de Pascua. Outro dos cambios sería a ampliación a dúas xornadas da tradicional festa da xuventude, que comezaría o sábado, coa presenza dalgún grupo de renome, e que continuaría na noite do domingo cunha sesión discográfica que repasará os grandes éxitos do pop e do rock español e internacional e que culminará cun festival dance ao fío da madrugada, todo elo a cargo de DJ`s de recoñecido prestixio. Ademais, negociarán co Concello o establecemento dunha zona de acampada regulada e cos servizos básicos para a mocidade que desexe, previa inscrición, situar a tenda de campaña no espazo que se habilitará para este fin. Para o domingo dos Dolores tratarán de manter algunha das actividades culturais e de ocio da semana anterior, aínda que a gran aposta centrarase na verbena nocturna, na cal estará presente algunha das mellores orquestras de Galicia. Panorama, Combo Dominicano ou París de Noia contan con case todas as papeletas para actuar esa noite en A Armenteira.

No que se refire ás festas do verán tampouco escatimarán esforzos, nin recursos. Agosto será o mes festivo por excelencia en A Armenteira. Á colaboración na organización dunha feira medieval a nova comisión engadirá un programa festivo que se prolongará ao longo do mes, e que vai traer á parroquia actuacións musicais, teatrais ou humorísticas, que se desenvolverán na súa maior parte na denominada Praza de Vilar, a que se atopa entre os dous establecementos de hostalería situados á entrada do mosteiro cisterciense. Un Entroido de verán, unha festa do orgullo, e un festival revival, na que artistas e grupos tributo interpretarán éxitos do pop e do rock, será outra das grandes apostas, antes dunha verbena, que unificará as que se celebraban na honra de San Ero e da Divina Pastora, e que pechará as festas de verán cun vistoso espectáculo para o que pretenden contratar a un artista de moda ou a algunha das orquestras de maior fama de Galicia.

Co final do verán non rematarán as actividades promovidas pola comisión. A súa intención é facerse cargo tamén do magosto, do Samaín e iniciarán negociacións coas xentes de Silván para, de non ser posible asumir na totalidade a organización das festas de San Nicolao, polo menos participar e aportar ideas e o capital necesario para que as verbenas deste lugar recobren o esplendor dos tempos pasados. En palabras dun dirixentes do proxecto, que de momento prefire permanecer no anonimato "o que queremos é que a xente de A Armenteira sexa feliz e que o sexa ao longo do ano, e que mellor maneira de facelo que con festas ou con algún tipo de diversión? Así a xente esquécese dos problemas económicos, da política, de se hai goberno ou non, da parcelaria, dos baches das pistas...", argumentou. "Se durante o ano que vén o recadamos o diñeiro suficiente, para o próximo Nadal instalaremos luces por todas as aldeas da parroquia e, como non, unha noria que nada terá que envexar á de Vigo", recalcou. Para finalizar lembrou: "a partires deste sábado, 28 de decembro, estarán dispoñibles nos puntos de encontro máis concurridos da parroquia, como bares, centros relixiosos ou edificios públicos, uns folletos informativos e unhas solicitudes que as persoas interesadas en unirse a nós as poidan cumprimentar. Despois iniciaremos o proceso de admisión. Iremos facendo unha selección, descartando a broza que sempre se soe presentar nestes casos, ata quedarnos cos elixidos. Para pedir polas portas vale calquera, pero para estar á fronte dunha comisión nos tempos que corren hai que ter boa imaxe, contactos e, sobre todo, diñeiro".







Ningún comentario:

Publicar un comentario