Buscar neste blog

luns, 23 de decembro de 2019

A sétima arte do Flako

En Armenteira, e en xeral dentro do ámbito do fútbol local, Valentín Estévez é popularmente coñecido como "Tilín", un hipocorístico do seu nome de pila que acabou por transformarse en nome futbolístico despois de temporadas e temporadas correteando pola banda esquerda dos terreos de xogo de O Salnés lucindo as camisolas do C. Juventud Cambados, do Vilanova Atlético ou do Beiramar C.F. Aínda que nalgunha reportaxe da prensa escrita, na que se exhibían as fotos dos membros do plantel deste último clube, se referían a el como "Tinín", Valentín Estévez sempre insistía en lembrar que era con l e non con n como se escribía e pronunciaba o seu nome. Pero dende fai un tempo Tilín incorporou ás súas múltiples facetas unha nova, para o cal decidiu rescatar un apelativo que ata entón tiña reservado para os círculos máis achegados. Así, cando comezou a moverse entre cámaras e sesións de rodaxe, Valentín, sen deixar de ser nunca Tilín, pasou a ser coñecido como Flako Estévez, unha denominación quizais máis acorde con esta ocupación. Futbolista, adestrador, comerciante, metalúrxico, xardineiro, músico, cantante, poeta... son moitas as profesións deste cambadés, incansable conversador, e cunha retranca mariñeira que nos remite ao seu Santo Tomé natal, que un día, no verán de 2014, cando se celebraba o acto de presentación dos equipos do Armenteira C.F., se deixou ver polo campo de O Leixo ataviado cunha camiseta branca, chanclas e vermudas. A partires de entón A Armenteira e o clube de fútbol da parroquia comezaron dalgún xeito a formar parte da súa vida. Tras adestrar de forma consecutiva aos equipos alevín, benxamín, infantil e xuvenil do Armenteira C.F. ata a súa dimisión en abril de 2018, e despois de retornar ao corpo técnico do C. Juventud Cambados, o clube que viu nacer para o fútbol, o Flako comezou a súa incursión no mundo do cine. En pequenas gravacións e curtametraxes deixou as súas primeiras pegadas nun territorio para o que ninguén dubidaba que tiña cualidades, pero que ata aquel entón resultaba practicamente descoñecido para el. O éxito de seguimento da curta Unha familia exemplar deulle un gran impulso á súa carreira, e dende ese momento a presenza de Estevéz nas salas de filmación foi cada vez máis frecuentes. A participación en anuncios publicitarios, en videoclips, ou nalgunhas series de carácter estatal como Vivir sen permiso, permitiron que o rostro do Flako ocupase pouco a pouco un lugar modesto, aínda auténtico e claramente recoñecibe no panorama cinematográfico. As longas horas diante das cámaras, as viaxes ou as estreas incluso comezaron a supoñer un atranco á hora de compaxinar esta actividades co seu labor de adestrador. Con moitos proxectos por diante, a súa aventura no cinema chega agora ao seu cumio con Ann & West. El tesoro de las seis caras, unha película independente de aventuras, a primeira deste tipo rodada con cero euros e tan só cunha cámara de fotos, e filmada en localidades como Vigo, Pontevedra, Cambados, Baiona, Portonovo, a illa de A Toxa ou o no norte de Portugal. Desta obra a a día de hoxe unicamente se difundiu o tráiler, pero proximamente estará dispoñible e realizaranse diversas proxeccións para que os e as amantes do sétimo arte e os seguidores e seguidoras de Flako Estévez teñan a oportunidade de contemplar un traballo dun home que en A Armenteira alcanzou a fama con chándal de adestrador e que agora de abrirse camiño nun mundo non menos difícil, pero polo que tamén sente gran paixón, como é o do celuloide.

Ningún comentario:

Publicar un comentario