Buscar neste blog

venres, 27 de decembro de 2019

Armenteira C.F. A película, comeza a dar os seus primeiros pasos

O éxito recente da serie documental El corazón de Sergio Ramos ou de Matchday, a protagonizada polos futbolistas do F.C. Barcelona, está animando a outros clubes a levar a cabo iniciativas similares que tratan de copiar unha fórmula que sempre pode reportarlle uns réditos en forma de ingresos, popularidade ou mesmo no incremento da masa social ou da asistencia aos estadios. Clubes da elite pero tamén clubes máis ou menos modestos decidiron subirse ao carro das producións audiovisuais, aproveitando ademais o talento artístico e interpretativo que normalmente abunda entre o seu persoal humano. Tal é o caso do Armenteira C.F., que dende fai unhas semanas leva traballando nun proxecto ao que deron en chamar Armenteira C.F. A película, un filme en formato documental, con testemuños e material inédito, que percorrerá a historia do clube dende as primeiras pachangas no campo de O Leixo, pasando polo debut do clube en competición oficial en setembro de 1995, pola creación dos equipos sénior masculino e feminino, do Armenteira Veteranos, ata a actualidade. A inspiración para esta obra non puido ser outra que Valentín Estévez "Tilín", ex-adestrador nas categorías inferiores do Armenteira C.F., e que agora, convertido en Flako Estévez, está desenvolvendo unha carrera triunfante no mundo do cine. Foi a Flako a quen lle encomendaron a produción, dirección e coordinación dunha película na que ademais interpreta un papel destacado. Xunto a el a produción contará cun amplo reparto composto por ex-xogadores, ex-xogadoras, membros dos distintos corpos técnico, responsables das distintas Directivas, pais, nais e incluso representantes da afección que, incluso estando desvencellados do mundo do fútbol na actualidade, non quixeron perder a ocasión de sumar o seu grao de area a tan interesante proxecto. Cunha duración aproximada de dúas horas, Armenteira C.F. A película non pretende ser o típico documental lento, tedioso, con voz en off e que abusa en exceso dos testemuños dos protagonistas. Pola contra, Flako Estévez e o seu equipo, partindo da experiencia das producións de acción e aventuras nas que veñen traballando ultimamente, quixeron darlle un ritmo áxil, dinámico e cun trasfondo musical ao que agardan incorporar as melodías de artistas como Paco Charlín ou André Melón, personaxes que tiveron unha estreita vinculación co clube. Un arduo labor de recopilación, para o cal foi preciso adentrarse de maneira clandestina en salóns ou almacéns, permitiu acceder a material con imaxes reais, que se mesturarán con escenas de ficción, aínda que baseadas estrictamente na realidade. A historia do Armenteira C.F. será relatada dende o aspecto deportivo, pero tamén dende o extradeportivo, a cal constitúe o lado máis morboso e que posiblemente acabe desatando unha gran polémica cando teña lugar a estrea o filme. Como sinala un dos responsables do proxecto "Armenteira C.F. A película creouse coa intención de narrar a traxectoria do clube ao longo dos seus vintecatro anos de historia, pese a que na historia comece uns cantos anos atrás, candos os veciños da parroquia se xuntaban no campo de O Leixo para xogar unhas pachangas nas que se daban máis patadas aos rivais e compañeiros cós balóns". "Tamén contaremos aqueles trofeos veraniegos de San Ero e a Pastora na que dous equipos de A Armenteira se enfrontaban e nos que non faltaban a rivalidade, a emoción e mesmo a violencia", continuou. "A parte principal da historia da película ocúpaa a primeira etapa do Armenteira C.F., con Julio Serén e Barreiras, cuns equipos de fútbol base que parecían imbatibles e que lograron campionatos de liga nas categorías infantil e xuvenil e subcampionatos na Copa Deputación nestas categorías". "Centrarémonos no que ocorría no terreo do xogo, pero tamén no que ocorría fóra, que naquela época era moito, por toda a voráxine que rodeaba a aqueles equipos", afirmou tamén. "Outra parte importante da produción ocuparáaa o equipo sénior, aínda que neste caso xa dispoñemos dunha maior cantidade de material audiovisual, que tivemos que reconfigurar para darlle un aspecto máis cinematográfico e, de paso, cambiar un pouco a historia para facela máis favorable aos nosos intereses". "Respecto á segunda etapa do clube, nos períodos que o presidiron Lucía García, Serafín Melón e Martín Casais, o que fixemos foi adaptar o extenso material do que dispoñemos, e ata destruímos e queimamos algún, porque o que nos interesa crear tensións e disputas entre os televidentes, xa que iso contribúe a ter máis audiencia", sinalou. "Nesta etapa tamén prestaremos especial atención aos subcampionatos na Copa Deputación dos equipos alevín e xuvenil na temporada 2017/2018 e ao campionato de liga na categoría infantil na temporada 2018/2019. De feito, nesta último caso os adestradores Jorge Gómez e Pacheco, e algúns pais e nais, ten un peso importante na parte interpretativa", sentenciou. "En relación co equipo sénior feminino tamén serán moitas as esceas que reproducirán algún dos momentos máis inesquecibles da súa historia. Confiamos en que o propio Marcial Prado termine interpretándose a si mesmo, posto que se trata dun dos personaxes máis difíciles de interpretar. O que resultará máis difícil será atopar actrices para os papeis das xogadoras, para o cal abriremos inmediatamente un cásting coa intención de realizar unha exhaustiva selección". "En canto ao Armenteira Veteranos obviaremos parte do aspecto deportivo, por carecer de interese, e prestaremos unha particular atención ás discusións e disputas con árbitros e rivais, ou entre os compañeiros de equipo. Tamén incluiremos o que sucede nos vestuarios, nos pinchos e as copas tras os partidos e nas ceas e churrascadas, que sacarán á luz acontecementos que farán tremer a máis de un". Para finalizar, indicou: "esta película pretende mostrar de forma amena e divertida a historia do Armenteira C.F., aínda que, como dixemos, sen eludir a polémica e expoñéndos á censura ou á denuncia dalgunhas imaxes ou escenas. Non nos importa. Unha boa recadación xustifícao todo. Xente como Martín Casais, Jonathan Crespo, Iván Borrageiros, Marcial Prado, as mozas do equipo feminino ou os xogadores do Armenteira Veteranos terán a oportunidade de abrirse camiño no mundo da interpretación, seguro que o desexan e dotes non lles faltan, e que mellor maneira que facelo da man de Flako Estévez? Unicamente precisamos aumentar o elenco de actores e actrices e, por elo, a partires deste sábado, 28 de decembro, iniciaremos a incrición nun cásting ao que poderán concurrir tanto persoas que están ou estiveron relacionadas co Armenteira C.F. como outras que non o estiveron nin quixeron saber nada de nós. Eso si, todas serán debidamente remuneradas. Niso tampouco escatimaremos esforzos".



Ningún comentario:

Publicar un comentario