Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. obtiveron na xornada de liga desta fin de semana, a sexta no que vai de competición, importantes triunfos ante rivais compricados que se atopaban na zona alta das súas respectivas táboas clasificatorias. Con todo, non todos os equipos puideron puntuar nesta xornada.
O equipo alevín visitaba o campo de Baltar de Arriba, para medirse ao Xuventú Sanxenxo, un cadro que estaba a realizar un gran inicio de campaña e que se atopaba no segundo posto da clasificación. Os discípulos de Jonathan Pérez xogaron un partido serio en defensa e foron resolutivos en ataque, onde, unha vez máis, destacou a figura de Zubo. O dianteiro chinés volveu a dar mostras da súa punta de velocidade e da súa calidade na definición e foi o autor dos tres tantos do conxunto verdinegro, co que segue situándose entre os máximos artilleiros da clasificación. Con este triunfo o conxunto alevín suma xa doce puntos no seu casilleiro e consolídase na parte alta da clasificación. Na próxima fin de semana reciben a visita doutro dífícil rival, o Unión Dena C.F. que tamén se atopa na pugna por ocupar a parte alta da táboa.
Outro equipo do Armenteira C.F. que acadou un importante triunfo foi o equipo cadete, que se impuxo ao C.D. Ribadumia por un gol a cero cun tanto de Marcos Acha nos últimos intres do encontro. A formación que dirixe Marcial Prado realizou un partido completo tanto en defensa como en ataque e dispuxo de ocasións para lograr unha vantaxe aínda maior. O gol do triunfo deixou desconcertado ao equipo rival, que acudía ao campo de O Leixo no terceiro posto da táboa, o que fixo que algúns dos seus xogadores se comportasen de maneira antideportiva, tanto co colexiado como coas instalacións, o que motivou as queixas dos afeccionados e da Xunta Directiva do Armenteira C.F., que viron con asombro como golpeaban as portas do vestiario visitante. Na vindeira xornada o cadro verdinegro acudirá a Corón para enfrontarse no campo de Monte Redondo á S.D. Chispa, agardando manter a racha positiva das últimas semanas.
O que non tivo tanta sorte foi o cadro benxamín. As moitas dificultades ás que se está enfrontando este conxunto volveron a porse en evidencia no campo de As Cachizas, en Dena, onde foron derrotados por vinteún goles a cero polo conxunto local. Dende o corpo técnico son conscientes das limitacións deste grupo de xogadores e xogadoras, pero resaltan que se está a dar unha pequena progresión a nivel de efectivos e a nivel táctico e técnico, nun conxunto no que a inexperiencia dos seus compoñentes é a nota significativa. Na vindeira semana o equipo benxamín recibirá a visita do C.D. Mosteiro, no que será un novo derbi entre os dous clubes con fútbol base do concello de Meis.
O equipo infantil recibía este domingo no seu feudo do campo de O Pombal, en Cambados, á S.D. Noalla. Os rapaces que dirixe Martín Casais realizaron unha primeira parte aceptable, dando mostras de seguridade en defensa e con varias aproximacións á área rival. Nunha delas, Mori, tras un barullo, logrou o único tanto local. Pero, un gol da S.D. Noalla ao fío do descanso supuxo un mazazo moral para os compoñentes do cadro verdinegro, do cal xa non se repuxeron, o que fixo que o rival se volcase en ataque e acabase derrotándoos por un gol a dez. Na próxima fin de semana visitarán o campo de as As Lombas para medirse á S.D. Catoira, un equipo que tamén se atopa na parte baixa da clasificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario