Esta fin de semana será intensa para os equipos do Armenteira C.F. Os catro equipos enfróntanse a rivais con distintas aspiracións segundo os casos.
O primeiro equipo en comezar a xornada será o equipo cadete, que se despraza ata Corón para enfrontarse o sábado a partires das 10.30 horas á S.D. Chispa coa arbitraxe de Agustín Ramos Nogueira. O conxunto vilanovés ocupa o undécimo posto na clasificación con tres puntos, pero non será un contricante fácil para os xogadores que adestra Marcial Prado.
A continuación será a quenda do conxunto benxamín, que recibe no campo de O Leixo ao C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas, no que será un novo derbi municipal entre equipos dos dous clubes con fútbol base no concello de Meis. O bloque que dirixe Valentín Estévez agarda conseguir os primeiros puntos da temporada ante un equipo rival que ocupa o décimoquinto posto na táboa con tres puntos. Para esta ocasión o técnico verdinegro parece que vai poder contar con todos os seus efectivos.
O equipo alevín recibe a partires das 12 horas no campo de O Leixo ao Unión Dena C.F. Os rapaces que comanda Jonathan Crespo están mostrando un bo nivel no que levamos de temporada e agardan poder mantelo ante un rival que ocupa a terceira praza na clasificación cun punto máis có conxunto verdinegro. O triunfo da pasada semana ante o Xuventú Sanxenxo contribuiu a aumentar os ánimos dun equipo que seguirá contando coa importante baixa de Migui en defensa.
Finalmente, o equipo infantil desprázase o domingo ata o campo de As Lombas, onde, a partires das 11 horas, se vai medir á S.D. Catoira. Os rapaces que adestra Martín Casais aínda non lograron puntuar no que levamos de temporada, e teñen a esperanza de poder conseguilo ante un rival que se atopa no décimo quinto posto da clasificación con tres puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario