Buscar neste blog

domingo, 8 de novembro de 2015

Nova vitoria do equipo benxamín e derrota dos demais equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A séptima xornada de liga trouxo unha nova vitoria para o equipo alevín, que segue pelexando na parte alta da táboa, e as derrotas dos equipos cadete, benxamín e infantil, aínda que por resultados non demasiado abultados.

O equipo cadete non tivo moita fortuna na súa visita ao campo de Monte Redondo, en Corón, onde o sábado caiu derrotado por dous goles a cero ante á S.D. Chispa. Os xogadores que adestra Marcial Prado, que contaban coa importante baixa de Villa, foron superados por un rival que demostrou ter unha calidade superior á que reflicte a súa situación na táboa. A retirada de varios equipos do grupo da competición fará que o cadro cadete non teña partidos de liga durante as próximas dúas fins de semana.

O equipo benxamín disputaba o sábado o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro. Nun encontro no que os pupilos de Valentín Estévez intentaron poñer a súa máxima intensidade o equipo da capital do concello de Meis acabou impoñendo a súa maior experiencia, cun resultado de cero goles a trece. O conxunto verdinegro vai facendo fronte pouco a pouco ás limitacións coas que partiu a inicios de temporada e comeza a dar mostras de progresión. Para a vindeira fin de semana os rapaces do equipo benxamín desprazaranse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Catoira S.D.

O que si volveu a lograr a vitoria foi o equipo alevín. O cadro dirixido por Jonathan Crespo recibía a un duro rival, o Unión Dena C.F., que tamén se atopa loitando por ocupar os postos altos da clasificación. O equipo verdinegro axiña se puxo con vantaxe no marcador, cos goles de Manu Meixús e Zubo, e con este rédito tivo que facer fronte ás acometidas do conxunto rival, que puxeron a proba en varias ocasións o sistema defensivo e a seguridade do gardamallas Sergio. Xa na segunda metade de novo Zubo, que se está a convertir na principal arma ofensiva do equipo, e Adri, deron unha cómoda vantaxe de catro goles a cero aos locais, que se viu maquillada con dous goles do Unión Dena, un deles de penalti, nos minutos finais. Con este triunfo a formación alevín sitúase no terceiro posto da táboa, empatado a puntos co C. Xuventude Cambados, que ocupa o segundo lugar. Na próxima fin de semana deben rendir visita a outro difícil rival, o Arosa S.C., que se atopa na oitava posición a tres puntos do Armenteira C.F..

O cadro infantil rendía visita na mañá do domingo ao campo de As Lombas en Catoira. Nun encontro no que os de Martín Casais tiveron varias aproximacións á área rival, o Catoira S.D. acabou impoñendo a súa contundencia en ataque e venceu por seis goles a cero aos visitantes, con cinco tantos de Daniel Vidal. As baixas de última hora coas que contou o adestrador verdinegro lastraron aínda máis a un conxunto que mostra serias limitacións dende o inicio de temporada. Na vindeira fin de semana terán que recibir ao Xuventú Sanxenxo, un rival que volverá a ser un duro test para uns xogadores que pouco a pouco queren plasmar sobre o terreo de xogo o bo traballo que se está a facer nos adestramentos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario