Buscar neste blog

domingo, 29 de novembro de 2015

Actuacións aceptables aínda con fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. tiveron unha sorte desigual nos encontros disputados na xornada deste fin de semana, na que finalmente só o equipo alevín conseguiu saír vitorioso. O descanso das respectivas ligas na próxima fin de semana permitirá dar un respiro no intenso traballo que están a levar cada un dos conxuntos da entidade verdinegra.

O equipo benxamín caiu derrotado no encontro que o sábado disputou no campo de O Terrón, ante a E.F.B. Vilanova, que acabou vencendo á escadra que adestra Valentín Estévez por doce goles a cero. O conxunto de O Leixo segue demostrando que ten marxe de mellora e que vai cumprindo pouco a pouco os obxectivos cos que partiron a principio de temporada. Na próxima xornada, dentro de dúas semanas, terán que recbir a visita da U.S.D. de O Grove, un cadro que ocupa a quinta posición con vintedous puntos.

O equipo cadete recibía o sábado á E.D. Arousa S.D. B, un conxunto que deixou claro sobre o terreo de xogo de O Leixo que é hoxe en día unha das mellores escolas de formación en fútbol base da zona, e acabou vencendo por un gol a dous aos rapaces que nesta ocasión foron dirixidos por Víctor Saborido. O gol de Mathias, que adiantaba aos locais no marcador, foi insuficiente ante un rival que demostrou ter máis criterio no manexo do balón e que impuxo a súa calidade nos metros finais. Na vindeira xornada, dentro de dúas semanas, o equipo cadete debe desprazarse a terras vilagarcianas para medirse ao C.D. Bamio, actual colista do grupo.

O cadro alevín tivo un difícil encontro no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, O A.D. Arousa F-7 foi un digno rival para a formación que adestra Jonathan Crespo, mostrándose coma un conxunto serio e ordeado e con boas condicións físicas, a pesares de que ocupa provisionalmente a última praza na táboa. O desacerto no remate e a falta de claridade no toque fixeron que o sufrimento se fose estendendo entre os xogadores visitantes pero, un gol de Manu Meixús a dez minutos do final permitiulles levar os tres puntos e manterse na pugna polos postos altos da clasificación, Na vindeira xornada, o 12 de decembro, o equipo alevín recibe a visita do Barro C.F., que se atopa na undécima posición con nove puntos.

O último encontro da xornada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. disputouno unha vez máis o equipo infantil, que nesta ocasión recibía no campo de O Pombal, en Cambados, ao Portonovo S.D. B.  Os rapaces que dirixe Martín Casais están mostrando notables progresos, e xornada a xornada, vese que o acoplamento e o rigor táctico son cada vez maiores. Con todo, son moitos os aspectos a mellorar, como se volveu a manifestar no encontro deste domingo, no que o rival acabou plasmando a súa superioridade e vencendo aos verdinegros por un gol a seis. Os constantes desacertos do colexiado Gómez Cerqueiro fixeron aflorar as protestas nun encontro no que os locais tiveron ocasións para aumentar o marcador, pero só conseguiron materializar unha por mediación do dianteiro alevín Zubo. Na próxima xornada deberán visitar o campo de As Cachizas para enfrontarse ao Unión Dena C.F., un conxunto que ocupa a quinta plaza con vinte puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario