Buscar neste blog

domingo, 25 de xuño de 2017

O San Xoán volve triunfar en A Armenteira

A festa de San Xoán de A Armenteira volveu ser un éxito. O evento, organizado por segundo ano consecutivo pola Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira congregou, segundo sinalan os membros da asociación, a unhas 300 persoas no campo da festa. Tras días de intenso traballo para preparar todos os detalles do festexo, a organización tivo unha frenética xornada durante o venres. A posta a punto do menú, o transporte das mesas e as cadeiras, a recollida da leña, a colocación das mesas, cadeiras e as barras e toda unha serie de tarefas que mantiveron ocupados aos representantes dunha asociación que este ano quixo darlle un novo impulso a unha festa que xa resultou exitosa na pasada edición. A utilización de papeletas permitiu realizar dunha forma máis áxil e eficaz o servizo da comida e da bebida, e os numerosos sorteos, que tiveron como colofón a rifa dun tenreiro, na que foi agraciada unha veciña de Silván, contribuíron a manter aínda máis animado o ambiente. E todo foi posible grazas á axuda dun amplo equipo de colaboradores, veciños e veciñas case todos eles de A Armenteira, que non dubidaron en botar unha man asando, servindo, recollendo ou limpando.  A ritmo da música de Veteris Bodas a celebración extendeuse ata o amencer. Un ano máis a nova asociación nacida fai un ano na parroquia conseguiu xuntar en torno a esta tradicional fogueira que conmemora o solsticio de verán a boa parte da veciñanza e a un importante número de xente da contorna, entre os cales a opinión xeralizada destacaba a boa organización e o espírito de unidade e colaboración que a fixo posible. Agora só queda rematar as últimas labores e pensar na preparación da próxima edición.





Ningún comentario:

Publicar un comentario