Buscar neste blog

domingo, 25 de febreiro de 2018

Vitoria do Armenteira C.F. infantil ante o Rápido Bahía tras sentenciar na primeira metade

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - RÁPIDO BAHÍA C.F. - 4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Fran, Xoán, Adri, Javi Abal; Carlos, Migui, Hugo; Manu Meixús, Junior e Íñigo. Tamén xogaron Sara Rey, Anabel, Andrés Fernández e Brais Santamaría.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Íñigo. 2-0. Minuto 7. Íñigo. 3-0. Minuto 9. Migui. 4-0. Minuto 39. Manu Meixús. 4-1 Minuto 47. Marcos Otero
ÁRBITRO: Leirós Brea. Mostrou cartón amarelo ao adestrador Cristian Rosales por parte do Rápido Bahía C.F.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns corenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. venceu por catro goles a un ao Rápido Bahía C.F. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Leixo. Foi nun encontro no que o cadro verdinegro saiu ao campo motivado, aplicando intensidade ao xogo e no que, grazas ao acerto ante a portería contraria nos primeiros minutos, puido deixar practicamente sentenciado o partido cando foron ao descanso. Íñigo, que asumiu o posto de dianteiro centro tras a grave lesión de Mosteiro, adiantaba aos locais tras superar cunha perfecta vaselina a saída de Iago Maya, o espigado gardamallas do conxunto de Aldán. De novo, Íñigo moi activo e inspirado na mañá deste domingo, poría o dous a cero mediante un gol de moi bela factura, colocando dende o borde da área o balón na escadra visitante. Ao asedio do Armenteira C.F. uniríase tamén Migui, que despois dunha xogada combinativa recibía na área para bater a Iago Maya. Pouco a pouco foi perdendo a posesión o equipo que adestra Luis Barral, que cada vez tiña máis dificultades para trenzar xogadas e que vía como as forzas comezaban a declinar. Guiados por Marcos Otero, Anxo Domínguez e Lucio Vázquez os de O Morrazo facíanse ver polas proximidades da meta defendida por Sergio Casal. Pero a seguridade do meta de A Cabana, e da parella de centrais formada por Xoán e Adri eran un obstáculo difícil de superar polos branquiazuis. A piques de acadar o descanso unha asistencia de Íñigo chegaba aos pés de Manu Meixús, que, tras irse en velocidade dos defensores cruzaba o balón ante Iago Maya. No segundo período o Rápido Bahía C.F. tratou de facerse dono do xogo. O fútbol desenvolvíase principalmente na metade do terreo de xogo que defendía o equipo de O Leixo, pero a efectividade no corte a a falta de acerto dos visitantes non facían perigar a vantaxe do Armenteira C.F. Só Marcos Otero, un poderoso e habiloso atacante, conseguiría enviar o balón ao fondo das mallas da portería de Sergio Casal tras unha acción individual na que recibiu de costas e se xirou rapidamente para armar un potente disparo. A perda de control no mediocampo, o abuso na condución do balón e a falta de apoios para construír xogadas non foron facilidades suficientes para que o rival aproveitase para poñer sequera emoción no marcador. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. sitúase na sétima posición, con sete puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, cuarto clasificado con nove puntos.






sábado, 24 de febreiro de 2018

O Armenteira Veteranos naufraga como local nun accidentado partido en Zacande

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - S.C.D. TERRAS DE CURRO - 1 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Carlos, Óscar Barreiro, Jorge Dávila; Richi, Rafa, Jorge Castro, Joseíño; Manueliño e Galiñanes. Tamén xogaron Javi, Manolo Quintás e Jose Outón.

GOLES: 0-1. Minuto 4. Julio Constenla 0-2. Minuto 32. Marcial Viquiera. 1-2. Minuto 70. Jorge Castro, de penalti
ÁRBITRO: López López. Mostrou cartóns amarelos por parte do S.C.D. Terras de Curro a Julio Constenla, Juan José Fernández, Sindo Buceta e Ángel Fariña
INCIDENCIAS: Partido da vixésima xornada, da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 1, disputado no campo Municipal de Zacande, antes uns quince espectadores, nunha tarde soleada pero fresca, e sobre un terreo de xogo en condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a dous no partido que disputou na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacante ante a S.C.D. Terras de Curro, no que curiosamente o cadro verdinegro exerceu de local fronte ao equipo que habitualmente exerce esta condición, sen que a situación acabase sendo vantaxosa para a entidade de Armenteira. Foi nun encontro accidentado, ata cinco xogadores tiveron que abandonar o terreo de xogo lesionados por ámbolos dous conxuntos, e pobre no futbolístico por parte do Armenteira Veteranos, que pagou en exceso o seu mal inicio, e no que non resultou efectiva a reacción en forma de ritmo e intensidade do segundo período. Xa no minuto 4 se adiantaba a S.C.D. Terras de Curro. Julio Constenla recolle un rexeitamento da defensa verdinegra e arrinca con velocidade cara a portería, armando un disparo que ningún dos defensores foi quen de taponar, e que, tras impactar nun deles, desvía a traxectoria e bate a Joserra. Coa vantaxe do gol e mellor asentado sobre o terreo de xogo, o equipo de Curro fíxose dono do xogo. Combinando, coas liñás moi abertas, os balóns enviados dende a zona de creación cara os extremos poñían en apuros unha e outra vez aos verdinegros. A dirección de Sindo Buceta no mediocampo e a gran punta de velocidade de Marcial Viqueira polo costado dereito non podían ser contrarrestadas por un Armenteira Veteranos ao que apenas lle duraba a posesión do balón e que cometía erros moi inxenuos cando trataba de construír as xogadas dende atrás. O recurso aos balóns aéreos buscando aos dianteiros tampoco tiña éxito ante a seguridade que mostraba a defensa da S.C.D. Terras de Curro. Con todo, un feito deixaría en segundo plano o ocorrido no aspecto deportivo na tarde do sábado en Zacande. No inicio dunha carreira, o futbolista do conxunto branquinegro Ayala sufría unha grave lesión que tivo paralizado o partido durante case media hora e que requeriu a presenza das asistencias sanitarias. Unha ambulancia medicalizada desprazouse ata Zacande para trasladar a un centro hospilario ao futbolista do equipo de Barro, ao que as primeiras exploracións parecían pronosticar unha rotura do tendón de Aquiles. Tras a reanudación o Armenteira Veteranos adiantou as liñas. Colocou a defensa á altura do mediocampo e aumentou a intensidade e o ritmo do xogo. Pero seguiu pecando dos mesmos erros da primeira metade. As imprecisións nos pases, as présas á hora de tratar de chegar á portería contraria, a escasa profundidade por bandas, e, sobre todo, o abuso en exceso dos balóns aéreos en profundidade condenaban aos de A Armenteira ante un rival ordenado e poderoso por alto, que de vez en cando lanzaba rápidos contragolpes aproveitando a velocidade dos seus extremos. Nunha das poucas ocasións que o Armenteira Veteranos se plantou na área visitante Jorge Castro, só diante do meta Javier García, era derrubado no man a man co gardamallas, unha acción nin sequera foi sancionada con cartón amarelo. Sería o propio Jorge Castro o encargado de transformar a pena máxima, que serviu para dar esperanzas a un equipo verdinegro que continuou de forma infructuosa batendo unha e outra vez contra a sólida defensa da S.C.D. Terras de Curro. Con esta derrota por un gol a dous os de Barro superan na clasificación ao Armenteira Veteranos, que se sitúan agora na décimo segunda posición, con quince puntos. Tempo terán para reflexionar e recuperarse, pois a próxima fin de semana descansarán e non terán xornada de liga ata o sábado 10 de marzo, cando reciban no campo de O Leixo ao Bar Santiaguiño.









Cómoda vitoria do Armenteira C.F. benxamín ante o Atlético Arousana

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  ATLÉTICO AROUSANA - 10 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Marcos; Dani Otero, Lucas Otero, Brais González; Darío, Óscar, Brais Charlín; e Ángel. Tamén xogaron Irene e Nico.
GOLES: 1-0. Minuto 7. Brais Charlín. 2-0. Minuto 12. Brais Charlín. 3-0. Minuto 14. Óscar. 4-0. Minuto 22. Óscar. 5-0. Minuto 23. Brais Charlín. 6-0. Minuto 24. Brais Charlín. 7-0. Minuto 29. Lucas Otero. 8-0. Minuto 35. Brais Charlín. 9-0. Minuto 36. Darío. 10-0. Minuto 45. Óscar.
ÁRBITRO: Saavedra Carneiro. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada da segunda fase da Terceira benxamín. Grupo 62, disputado na mañá do sábado no campo de O Leixo (ARMENTEIRA), ante uns corenta espectadores, cun tempo soleado e primaveral, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo benxamín do Armenteira C.F. venceu con gran claridade e comodidade ao Atlético Arousana no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Foi nun encontro no que os nenos e nenas que dirixen Jonathan Crespo e Juanma García practicaron un fútbol brillante só por fases, pero no que esa discontinuidade no xogo non lle impediu levarse unha vitoria abultada sen necesidade de forzar en exceso. Superior dende o inicio, o cadro verdinegro tardou en abrir a lata do conxunto vilagarciano. Unha xogada individual de Brais Charlín, que na regateou na área a varias rivais, cunha finalización case perfecta, serviría para inaugurar un marcador ao que non tardarían en sumarse goles. Brais Charlín, o gran referente en ataque do seu equipo, remataría con cinco tantos no seu casilleiro, con tres acabaría Óscar, e Lucas Otero e Darío con cadanseu gol completarían o festival ofensivo do Armenteira C.F. Apenas inquedaría o Atlético Arousana a meta defendida por un Marcos que tivo tempo para distraerse, aburrirse e incluso atender ao que ocorría nas bancadas. Tratando de sacar sempre o balón xogado dende atrás e intentando combinacións e penetracións por banda, o equipo que adestra Jonathan Crespo deixou detalles de fútbol vistoso e do estilo indiscutible que o adestrador de Valga sempre imprime aos seus equipos. Meritorio foi o triunfo do Armenteira C.F. como meritorio é o proxecto que por segundo ano consecutivo está levando a cabo o Atlético Arousana. A entidade amarela, a máis antiga e consolidada no panorama do fútbol feminino comarcal, cunha actuación cuestionable noutros aspectos, tivo a valentía de apostar por configurar equipos constituídos case enteiramente por nenas, iniciando a súa formación nas categorías iniciais, benxamín e alevín, primando a aprendizaxe e a educación a través do deporte por enriba dos resultados. Con fe, ilusión e gañas de disfrutar do fútbol esta temporada continúan cun equipo na categoría benxamín e outro na alevín, mantendo firme o rumbo a pesares dos resultados adversos, e demostrando que a promoción do deporte do balompé entre as féminas debe estar baseada na educación, na inclusión e non na selección, e en iniciativas discretas e nada mediáticas, iniciativas ás que se uniu tamén o Armenteira C.F., que na presente campaña afronta o segundo proxecto cun equipo sénior e que na actualidade posúe 35 licenzas femininas. A próxima xornada, o conxunto verde e negro deberá visitar o campo Graciano Padín para medirse ao C.D. Soutomaior "B", sétimo clasificado con seis puntos, pero ven de derrotar a domicilio ao líder do grupo, o A.D. Arousa F-7.










domingo, 18 de febreiro de 2018

O Armenteira C.F. xuvenil reparte puntos co San Martín C.F. nun encontro marcado pola deportividade

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - SAN MARTÍN C.F. - 3 - 3
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Bufi, Fari, Valo; Dimitar, André, Mathias, Cristian Abal; Hilias e Alberto. Tamén xogaron Josiño, Adrián Castro e Roberto Trigo.
ÁRBITRO: Vidal Álvarez. Mostrou cartóns amarelos a Valo e Adrián Castro polo Armenteira C.F. e a Nico Rodríguez polo San Martín C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima novena xornada da Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9 disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca pero soleada e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. logrou un empate a tres goles no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes, ante o San Martín C.F. Foi nun encontro equilibrado, con alternativas por ámbolos dous bandos, no que calquera dos dous conxuntos puido levarse a vitoria, e que será lembrado por unha decisión deportiva do adestrador local Valentín Estévez "Tilín". Non comezou mal o Armenteira C.F. Fronte a un rival serio e ordenado trataba penetrar polos costados con Dimitar e Cristian Abal e de buscar a creatividade de Hilias na mediapunta e a brega constante de Alberto na punta de ataque. Pero axiña aflorou o punto fraco dos verdinegros na mañá deste domingo en Barrantes. A fraxilidade e  a indecisión da defensa ante os balóns aéreos tivo a súa primeira manifestación na xogada que daría lugar ao primeiro gol dos de Vilaxoán. Marcos Cascallar aproveitaba esta debilidade para recibir en velocidade e bater a Roberto Torres. Mantivo o tipo o equipo local, dominando, combinando, aínda que con escaso acerto ante a meta rival. De novo un balón elevado en profundidade caería nos pés de Marcos Cascallar para poñer en clara vantaxe aos seus. O futbolista do San Martín C.F., cunha ascendencia ilustre dentro do fútbol comarcal e galego, pois o seu pai, Juan Luis Cascallar, chegou a debutar co R.C. Deportivo na antigua competición da Copa da UEFA, foi, xunto a Suárez e a Eire Comendador, un dos grandes pesadelos da escadra verdinegra no partido deste domingo. A reacción local chegaría da man de Cristian Abal, que superou cun toque sutil a saída do meta Antón Soto. A entrada de Josiño e, sobre todo, de Adrián Castro na segunda metade revolucionaron ao conxunto que dirixe "Tilín". A pesares de que o San Martín C.F. dispuxo dalgunha clara ocasión ao contragolpe para sentenciar o dominio correspondeu aos verdinegros. Cristian Abal e Adrián Castro, dous pequenos, bulideiros e habilosos futbolistas, converteron a zona co carril esquerdo do ataque local no principal e case exclusivo escenario de operacións. Froito deste dominio chegaría o tanto do empate tras un disparo de Adrián Castro que o gardamallas visitante non foi quen de repeler. Co Armenteira C.F. cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo produciríase a xogada máis determinante do partido. Nunha acción na que dous futbolistas visitantes se foron ao chan Adrián Castro, que non atendeu ás indicacións do seu adestrador para que botase o balón cara a banda, e conduciu o balón ata a área para asistir a Cristian Abal, que non perdoaría. As reclamacións dos xogadores rivais e a insistencia de Valentín Estévez "Tilín" en devolver o desagravio ao equipo contricante mediante un xesto deportivo, fixeron que Cristian Abal, enviase un balón longo dende o campo contrario cara ao seu compañeiro, o gardamenta Roberto Torres, para que este introducise o esférico na súa propia portería. Custoulles comprender aos xogadores do Armenteira C.F. a decisión do seu adestrador. Algúns expresaban as súas queixas, outros pedían explicacións. O mesmo ocorría na bancada, e mentres, o adestrador visitante, Joaquín Emilio Fernández, acudía a felicitar ao técnico local polo valente exemplo de deportividade. Pouco máis sucedería dende entón e os noventa minutos finalizarían cun reparto de puntos, un resultado que se podería considerar de xusto a tenor do demostrado polos dous equipos sobre o céspede artificial de A Bouza. Con este empate o Armenteira C.F. permanece na décima posición, con vintecatro puntos. A próxima xornada será de descanso para a escadra verdinegra, ao non saír á competición o rival que lle correspondía, o Pontevedra C.F. "B". Haberá que agardar á primeira fin de semana de marzo para volver a ver a este equipo sobre escea, e será de novo no campo de A Bouza e ante o C. Juventud Cambados "B", undécimo clasificado, con vinte puntos.













sábado, 17 de febreiro de 2018

Merecida vitoria do Armenteira C.F. alevín ante a E.F. Cobres "B"

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  E.F. COBRES "B"- 4 - 2
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Ainhoa e Ramón.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Brais Santamaría. 2-0. Minuto 16. Aldara. 2-1. Minuto 28. Isaac Álvarez, de penalti. 3-1. Minuto 33. Mateo. 3-2. Minuto 36. Érik Pérez. 4-2. Minuto 45. Brais Santamaría.
ÁRBITRO: Campos Maneiro. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo (ARMENTEIRA), nunha mañá fresca pero soleada, e sobre un terreo de xogo nunha condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu este sábado unha nova vitoria, a segunda consecutiva e a sexta no que vai de temporada. Foi nun encontro dominado polo cadro verdinegro, claramente superior, e no que mereceu vencer con máis claridade, pero, no que a falta de acerto en ataque e os despistes defensivos o fixeron pasar por apuros en determinados momentos e deron emoción a un partido que a priori parecía que non ía tela. Nada máis comezar Brais Santamaría remachaba o balón case sobre a liña de gol para adiantar aos locais. Co xogo desenvolvéndose principalmente na metade do campo defendida pola E.F. Cobres "B" Aldara non fallaba ante o meta Mario Gómez para colocar o dous a cero. Na segunda metade o conxunto visitante comezou a deixarse ver polas inmediacións da portería do Armenteira C.F., aínda que sen crear excesivo perigo. Un inocente penalti cometido polos locais permitiría acurtar distancias a Isaac Álvarez. Non quería deixarse sorprender o equipo que dirixen Luis e Alba Barral e Mateo, ante a impasividade da defensa dos de Vilaboa, parecía situar a tranquilidade co tres a un. Pero unha perda na saída do balón era aproveitado por Érik Pérez para levar o nerviosismo á bancada local de O Leixo. Sucedíanse as ocasións desperdiadas polo ataque do Armenteira C.F. ata que, a cinco minutos do final, Brais Santamaría poría a sentenza cruzando o balón ante o meta laranxa. Vinteún goles leva xa o dianteiro de Sisán, que o converten nunha das grandes referencias goleadores da escadra verde e negra, e como un dos principais artilleiros do grupo. Con este triunfo o equipo alevín do Armenteira C.F. mantense na oitava posición, con vinte puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana ao Portonovo S.D. "B", que ocupa o primeiro posto, con corenta e un puntos. 


xoves, 8 de febreiro de 2018

Un torneo para quen máis o necesita

Atlético Estrada, Armenteira C.F. e S.D. Noalla porán a disposición este sábado 10 de febreiro os seus equipos de categoría sénior feminina para unha bonita e interesante iniciativa. No campo de A Lanzada, en Noalla, o clube local organiza un torneo benéfico, na modalidade de fútbol-11, con partidos de 45 minutos de duración e no que se repartirán trofeos para todos os equipos participantes. Non haberá cota de inscribión nin aportación en metálico algunha. O único requisito que se esixe é que cada xogadora colabore polo menos cun quilo de alimentos non perecedoiros. Unha organización de axuda á poboación máis desfavorecida encargarase despois de distribuír o recadado nos lugares onde o precisen. Abrirá a competición o partido entre o Armenteira C.F. e a S.D. Noalla a partires das 10:30 horas. A continuación o conxunto local medirase, a partires das 11:30 horas, ao Atlético Estrada, e, xa a partires das 12:30 horas, Atlético Estrada e Armenteira C.F. disputarán o último encontro do torneo. As gañas de triunfar e de sumar un novo trofeo ao palmarés compartirán protagonismo co compañeirismo e coa ilusión por disfrutar en común das futbolistas de tres clubes modestos, humildes e solidarios que queren levar á práctica estes principios que forman parte da súa identidade, dos cales queren facer partícipes a todas aquelas persoas que este sábado se acheguen ata as intalacións deportivas situadas na paradisíaca paraxe de A Lanzada. Unha excelente idea, da que se está convertendo en habitual o clube de Sanxenxo, e que será o preludio da COPA ARMENTEIRA, que se celebrará a próxima primavera no campo de O Leixo, na que a S.D. Noalla, vixente campión, e Atlético Estrada, volverán estar presentes.


domingo, 4 de febreiro de 2018

O Armenteira C.F. feminino logra de novo o triunfo tras superar á E.D.V.M. Pereiró C.F.

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  E.D.V.M. PEREIRÓ C.F. - 2 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Fátima, Patricia, Naomi, Lara; Diana, Alessandra, Ana Abal; Ana Martínez, Paula e Sofía. Tamén xogaron Xeila, Laura e Yara. GOLES: 0-1. Minuto 12. Yolanda Díaz. 1-1. Minuto 51. Sofía. 2-1. Minuto 85. Sofía.
ÁRBITRO: López Vázquez. Mostrou cartóns amarelos a Yolanda Díaz e a Federica Fernández por parte da E.D.V.M. Pereiró C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns corenta espectadores, nunha tarde fría pero soleada, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo sénior feminino do Armenteira C.F. conseguiu unha valiosa e importante vitoria no partido disputado na tarde deste domingo no campo de O Leixo ante a E.D.V.M. Pereiró C.F. É o cuarto triunfo da temporada para as rapazas que adestran Marcial Prado e Junior Tirado, e foi nun encontro intenso, emocionante e no que as locais acabaron desequilibrando a balanza nun moi bo segundo tempo con dous tantos de Sofía. Comezou con moitas dúbidas o Armenteira C.F. Parecendo non asimilar os cambios tácticos polos que apostou o corpo técnico, en particular a presenza de Alessandra como medio defensivo e a de Sofía como dianteira de referencia, entregaron a posesión do esférico ás visitantes, que, nun envío en profundidade sacaron partido da falta de entendemento entre a gardamallas Ángeles e a defensa, permitindo que Yolanda Díaz se quedase nunha posición máis ca favorable para adiantar ás viguesas. A reacción local tardou en chegar. As entradas pola banda dereita de Ana Martínez foron a principal fonte de perigo das verdinegras neste primeiro período. Pero non tivo fortuna a futbolista de O Freixo nas dúas claras ocasións nas que se presentou ante a meta Elisabeth Fernández. Na segunda metada a situación cambiou. O Armenteira C.F. aumentou a súa intensidade e tomou o control do xogo, ao tempo que as visitantes ían perdendo folgos co paso dos minutos. Con todo, houbo que agardar ao minuto 51 para que Sofía lograse a igualada. As aproximacións locais sucedíanse, aínda que sen o acerto nin a fortuna suficientes. A velocidade de Paula polo costado esquerdo era agora a principal arma ofensiva dun conxunto local que depositou de novo as súas esperanzas de vitoria nos pés de Sofía. E a futbolista de Zacande non defraudou. Nunha excepcional xogada individual foi quen de burlar á defensa, regatear á porteira e acadar o gol do triunfo coa meta baleira. Moito celebran en A Armenteira o día que esta xogadora decidiu mudar o parquet das canchas de baloncesto pola terra de O Leixo, abandonando a súa prometedora carreira no deporte da canastra para converterse nunha das grandes referencias da entidade verdinegra. Os cinco minutos que restaban para o final darían para moito. A escalofriante lesión da futbolista do cadro vigués Claudia Villar, que tivo que retirarse do terreo de xogo cunha forte dor no xeonllo marcou o destino final do partido. De non ser por unha afortunada intervención de Ángeles o marcador ben puido ser alterado. Moi segura estivo no man a man a cancerbeira de San Amedio na tarde deste domingo. Estes tres puntos non permiten que o Armenteira C.F. suba ningún chanzo na clasificación, pero contribúen a reforzar a moral dun grupo que a pesares das dificultades e dos avatares que van xurdindo durante a temporada se mantén forte e unido e con gañas de seguir progresando. O 17 de febreiro, e novamente en O Leixo, será a próxima cita. O rival, a S.D. Chispa, un dos equipos cun gusto máis exquisito polo fútbol, terá que pasar a esixente proba dun campo que partido a partido confirma a súa consideración entre os máis compricados para as escadras que o visitan, e ante un equipo en crecemento e co ánimo reforzado.








sábado, 3 de febreiro de 2018

Quince minutos finais determinantes en Bamio

FICHA TÉCNICA
C.D. BAMIO - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Jona, Fari, Valo; Dimitar, André, Mathias, Alberto; Hilias e Josiño. Tamén xogaron Cris Cores, Rubén, Marin e David Piñeiro. GOLES: 1-0. Minuto 76. Hamza Langzouli. 2-0. Minuto 78. Xoán Blanco.
ÁRBITRO: Otero Rodríguez. Mostrou cartón amarelo a Pablo Suárez polo C.D. Bamio  e a Gabriel polo Armenteira C.F.. e expulsou con cartón vermello directo a Jona e por dobre cartón amarelo a Cris Cores polo Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima oitava a Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9 disputado no campo Mari Paz Vilas, de Bamio, antes uns corenta espectadores, nunha tarde fresca e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por dous goles a cero no partido disputado na tarde deste sábado no campo Mari Paz Vilar ante o conxunto local do C.D. Bamio. Foi nun duelo equilibrado, no que calquera dos dous equipos puido levarse a vitoria, e no que o cadro verdinegro competiu, realizou un bo traballo e no que viu como os tres puntos se lle ían xusto cando se atopaba nos mellores momentos de xogo, nuns últimos quince minutos que resultaron determinantes. As reducidas dimensións do terreo de xogo de Bamio facían que cada vez o meta local Raúl Conde exhibía o seu portentoso saque de portería puxese a proba a inédita parella de centrais que formaron Jona e Fari. Cun claro equilibrio no primeiro período, o conxunto vilagarciana gozou dun maior número de ocasións, desbaratadas por un seguro Roberto Torres. Polo Armenteira C.F. unha arrincada de Alberto, na que se lle acabou indo o control, foi a aproximación máis perigosa. Algún detalle de fútbol combinativo fixo lembrar a aquel Armenteira C.F. que tanto ilusionara a inicio da campaña. Na reanudación mantívose a igualdade. As molestias físicas de Josiño, que retornaba a un once titular despois dun ano, tras superar unha operación de xeonllo, obrigaron a Valentín Estévez "Tilín" a facer o primeiro troco. O mesmo ocurriu con Alberto, aqueixado un problema gripal, que deixou o seu posto na punta de ataque a Rubén. Con case toda a segunda metade por diante e mermado fisicamente o conxunto verdinegro mostrou os que posiblemente foron os seus mellores minutos. Con André dando equilibrio como medio de contención, Mathias dirixindo e un Hilias inspirado e soltando detalles do seu enorme aínda que non sempre regular talento, os visitantes non pasaban excesivos sufrimentos en defensa e parecían trazar o rumbo á que sería a súa terceira vitoria consecutiva. Por desgraza para eles non foi así, e nun balón en profundidade do C.D. Bamio, a falta de entendemento entre Fari e un Roberto Torres, que tardou en saír a despexar fóra da súa área, permitiu que Hamza Langzouli que fixese co coiro e o enviase ao fondo das mallas. A desesperación provocada por este tanto fixo mella nos futbolistas que adestra "Tilín", e Jona, présa do nerviosismo, sería expulsado con cartón vermello directo tras unha disputa dialéctica cun rival. Sen tempo a asimilar este duro contratempo, Cris Cores recibiría dous cartón amarelos seguidos, moi discutible no segundo caso, sendo enviado por Otero Rodríguez aos vestiarios, non sen antes encararse co colexiado recriminándolle esta decisión. Incluso con nove homes sobre o campo puido o Armenteira C.F. bater a Raúl Conde. Dimitar gozou da mellor ocasión nestes intres finais. Con todo, o marcador xa non se movería. Na próxima xornada, a escadra verde e negra recibirá no campo de A Bouza, en Barrantes, o San Martín C.F., ao que vencera no encontro da primeira volta, na que quizais foi a maior demostración de fútbol no que levamos de temporada do proxecto que Umia C.F. e Armenteira C.F. emprenderon aló polo mes de agosto de 2017.